Na Igrexa Parroquial de Santa María do Campo de Ribadeo, á man esquerda da ábsida do altar maior, atópase a capela da Virxe das Dores. Pasada a porta enrellada, a man sinistra está pendurado na parede este elegante Escudo de Armas, de bordes desiguais, posiblemente, pertencente o padroado desta capela.
Introducimos, na redacción deste texto, o termo “posiblemente”, posto que o escudo está afirmado por catro fixas á parede, e non empotrado na parede como a maioría dos outros escudos desta Igrexa Parroquial. Isto lévanos a dubidar, de se o escudo é realmente dun maiorazgo do antigo Convento de S. Francisco (1214–1835) ou se foi trasladado aquí da antiga Colexiata de Ribadeo (1209–1852): suprimida en 1851, con data do 28 de decembro de 1852, o Gobernador Eclesiástico de Mondoñedo ordenou o Cura Párroco o traslado de “arquivos, documentos de fundacións, foros e convenios, libros, roupas litúrxicas, alfaias e demais aparellos, entre os que estaban o báculo e zapatillas do Bispo Pelaio de Cebeira…” (La Colegiata de Ribadeo, José María Rodríguez Díaz, pax. 52). É posible que por estas datas, algunhas familias donas de maiorazgos, trasladaran o seu escudo familiar, da Colexiata para o Convento de San Francisco como xa comentamos no artigo: “Escudo da Capela da Virxe do Rosario” (tamén en La Comarca del Eo, 18-Marzo-2017)
No contorno do escudo, sobre a cartela, exterior ó campo do escudo, está gravada a lenda: “RNE I PASARON I ÑV MAR DEL BILLAR (flanco destro); NAVIA I CASTRILLÓN (flanco sinistro); AÑO 1594 (en punta). Non entendemos o significado de todo o texto do flanco destro (RNE PASARON I ÑV MAR DEL BILLAR) debido a que falta a inscrición do borde alto, e non coñecemos a lenda anterior a “…RNE” e “ÑV” podería ser NUÑO ou quizais NUÑEZ, e MAR case seguro é MARIA, pero non encontramos unha clara referencia nos nobiliarios nin chancillerías con NUÑO nin con NUÑEZ MARIA DEL BILLAR (ou DEL VILLAR)
Aínda así, a lenda fai unha clara referencia os apelidos das familias as que pertencen os brasóns, así como, posiblemente, o ano en que se fixeron cargo do padroado da capela, isto é o ano 1594, en que como fundadores, adquiriron o dereito de maiorazgo ou de protectores da mesma.
O escudo está cuartelado en cruz e mantén os catro cuarteis das liñaxes ó modo español, aínda que o seu contorno de flancos e xefe está realizado fora das liñas rectas da normativa heráldica, presentándose o borde do campo como parte do adorno exterior para embelecer o conxunto, expresado nun sinxelo pero elegante deseño baseado en formas simétricas que representan as puntas de pergamiños desenrolados, seguindo a moda artística decorativa de estilo orixinal ou manierista da época do Renacemento de finais do século XVI.
Primeiro cuartel: unha torre de seis ameas á güelfa (rectangulares rematadas en punta) donxonada de outra torre de homenaxe de tamén seis ameas rectangulares, e sinistrada dunha árbore (un acivro) con dous cans atados o tronco (armas dos ACEBO; dos PARAMO; dos SARADÉN) e entre elas, un cabaleiro a pé armado de tódalas armas (vestido con armadura de aceiro, armado de alabarda que empuña coa man dereita e que a mantén cabo de si, vertical, coitela alta e fincada no chan polo couce). O cabaleiro parece un sentinela, cuxo casco con penacho e viseira cerrada, en punta e sen barretas, denota ter rango dun escudeiro ou dun fidalgo ennobrecido de pouco. Viste unha armadura completa: celada, coiraza para cubrir o corpo, manguitos e codales nos brazos, musleiras, rodilleiras, grebas ou caneleiras nas pernas, e escarpes ou calzas anchas para cubrir os pés. As figuras emblemáticas do conxunto do cuartel, parecen ser as armas primitivas dos VILLAR (como expresa a lenda).
Nós atopamos unha referencia tardía o lema: “MARIA DEL VILLAR”, cando D. José Antonio Nuñez Presno y Farto, cura de Sta Mª de Campos (Oviedo) presenta o 17-Xullo-1762, a D.Matías de Barra Saavedra cura da Colexiata de Ribadeo, para que rexistre ó matrimonio de Dª María Agustina Miranda Osorio y Baldés y Trelles con D. Tomás Balcarce y Losada (Libro de Matrimonios Nº2 da Colexiata de Ribadeo (1720-1775) Arquivo Diocesano de Mondoñedo). Dª María Agustina é filla de D.Pedro Miranda Omaña, Marqués de Sta María del Villar e Conde de San Román, casado con Dª Leonor Eulalia de Baldés y Trelles. Non obstante, este Marquesado foi concesión posterior á fecha deste escudo de Armas pois foi outorgado polo rei Felipe V o 27 de Febreiro de 1706 a D. José de Omaña Pardo y Osorio, Decano da Sala de Xustiza no Consello de Facenda. Este título pasou o 11 de Agosto de 1977 a favor de D. José Quiroga e Valdés casado con Dª María Teresa Churruca y Vivanco (Diccionario Heráldico y Nobiliario, D.Fernando González-Doria, 1994, páx.235).
Segundo cuartel: unha torre de seis amenas sobre tres penedos donxonada de torre de homenaxe de cinco amenas, sumando unha bandeira ondeando cara a destra e sinistrada dun escudete, apuntado en xefe, cunha banda. Pola lenda da cartela deben ser armas familiares dos NAVIA, reflectidas simbolicamente no escudete, aínda que este puidera representar armas dos CARVAJAL (en campo de ouro unha banda de sable) ou tamén armas dos CID ou dos SERNA (en campo de sinople unha banda de ouro).
Terceiro cuartel: unha ponte de tres ollos sobre ondas de auga. No flanco destro da ponte, parece que sete figuras humanas cun manto sobre a cabeza, van andando cara o escudo e intentan pasar a ponte. Segundo a lenda e data do escudo son as primitivas armas dos PASARÓN de finais do século XVI,e como tales, son de xénero bastante particular, pois ningunha descrición nobiliaria, nin antes, nin a día de hoxe, as describen deste xeito, aínda que a figura da ponte se manteña sempre na mesma ou similar forma.
Uns autores, cuxo nome recorda frei José Crespo del Pozo, describen as armas dos PASARÓN nun escudo partido: a destra un voitre pousado o natural, e na partición sinistra, pasando sobre unha ponte dous ou tres mouros, para facer etimoloxía de que os mouros “pasaron”. Desta creación “etimolóxica” tan simplista do século XIX case percibimos o sarcástico sorriso, no comentario que fai dos autores, frei José Santiago (Blasones y Linajes de Galicia, D. José Santiago Crespo del Pozo, Tomo IV, páx.145-146). Co paso dos anos, xa no século XX, outros describen as armas dos PASARÓN, nun escudo partido, onde na partición destra, hai un voitre o natural (igual que o anterior), e na partición sinistra unha ponte onde un guerreiro armado acoitela a uns mouros (nesta “recreación”, os autores déronse conta do significado “pouco nobre” que se aturaba de deixar pasar os moros en fila india pola ponte, e neste caso os moros “non pasaron”). Aquí a descrición de Pasarón propóñena como unha etimoloxía de “Paxarón” ou sexa, que Pasarón equivale a un “paxaro grande” (Heráldica de los Apellidos Asturianos, D. Francisco Sarandeses, Oviedo 1994, Reedición, páx. 276). Estas etimoloxías “á carta”, parecen fantasiosas e mesmo chistosas, pois si ben, “paxarón” e aumentativo de “páxaro” tamén o é de “páxara”. ¡En fin! creemos que os etimólogos, así como, o Dereito Nobiliario, teñen por diante unha labor complicada de ensinar, pois penetra nun bosque de disciplinas do arte, da ciencia e das letras, que están inzadas de encrucilladas de difícil acceso, para dar idea clara e precisa do significado dos seus ancestrais símbolos. Decatámonos da dificultade que encerra o estudio dos topónimos rebeldes, entre o étimo e o apelativo dun nome común, pero cando se trata de nomes propios o desafío aínda é maior, máis oculto se cabe, e precisa atoparse unha motivación clara para dar explicación o seu significado.
Nós, tamén vamos a dar a nosa opinión, ante o que vemos. Cremos que este terceiro cuartel do escudo de armas da Capela da Virxe das Dores, describe, máis ben, que un “pasarón” é un “pasadoiro grande” por onde poden transitar unha multitude de persoas, case como en procesión, representadas nas figuras do flanco destro deste cuartel. “Pasadoiro” deriva do termo latino “passatorium”, e ten varias acepcións: 1) Lugar por onde se pasa con frecuencia. 2) Cada unha das pedras postas para atravesar a pé un regato. 3) Táboa ou madeiro colocado sobre un estanque ou sobre unha corrente de auga para atravesar como por encima dunha ponte.
Por outra banda, moitas das grafías atopadas na xenealoxía do apelido “Passarón”, están escritas con dúas “s”, pola reminiscencia latina, o que pode acreditar máis, o termo Pasarón con “pasadoiro grande”, o cal, si era moi transitado, os veciños construíano de pedra para darlle máis fortaleza (como na figura deste brasón), así, era como unha ponte estreita dun camiño secundario, para pasar a xente con máis seguridade, incluso para pasar montado a cabalo, aínda que non couberan carros de transporte, como nos anchos camiños ou vereas de arrieiría. Na Galiza, aínda poden verse deste tipo de pasadoiros antigos, atravesando algúns regos e regatos anchos que pasan polo medio de campos e de aldeas.
No cuarto cuartel: dous lobos arrestados, lampasados e mirando a sinistra, sinistrados por unha árbore. O que significa: dous lobos parados de perfil coas patas igualadas, que se lles ve a lingua, xeralmente por ser de esmalte distinto o do corpo, que están mirando a sinistra, o lado dunha árbore máis á sinistra deles. Son armas dos CASTRILLÓN. Este cuartel, xunto có segundo, fai clara referencia a un matrimonio dos NAVIA CASTRILLÓN.
Na Chancillería de Valladolid, atopamos referencia a litixios de Preitos Civís e Executorias de Fidalguía referentes os brasóns familiares de este Escudo de Armas. Executoria de Fidalguía de D. Juan Villar e de D. Rodrigo de Villar, veciños de San Martín de Villapedre, no ano 1525.
Hai referencia, a un preito civil, que presenta algúns destes apelidos de Armas existentes en Ribadeo, litigado por D. Bartolomé Pérez de Tormaleo e Francisco de Pateguín, como curador de Dª Lucrecia, Dª Justa e Dª. María Pérez, veciños de Tormaleo (Ibias, Asturias), co licenciado Sr. Navia Castrillón e súa muller, Dª Mayor de Moscoso, veciños de Viveiro, e Dª. María López de Tormaelo, muller de D. Diego García de Castrillón, veciños de Ribadeo, sobre unha herdanza de Dª Mayor González, avoa das menores (24-Octubre-1614).
Outros varios: Preito de Fidalguía de D. Alonso Prieto Pasarón, do concello de Pezós, ano 1732. Preito de D. Pedro Martínez de la Lastra y Pasarón, veciño de Ribadeo, orixinario de Vilanova de Oscos, ano 1739. Preito de Fidalguía de D. Domingo Rodríguez de Bustelo e Villar, veciño de Ribadeo, ano 1771. Preito de Fidalguía de D. Francisco Javier Prieto Pasarón, veciño de Viveiro e natural da parroquia do Pividal de Abres, ano 1783. Un ancestro de D. Francisco, D. Pedro Alonso Prieto Passarón está casado con Dª Isabel Rodríguez del Valle, e son veciños de San Miguel de Reinante, onde tiveron a familia.
Habería que ter máis datos documentados para concretar a intrincada xenealoxía dos catro cuarteis deste escudo. Pero quede así, parcialmente, como un primeiro detalle de estudo etimolóxico, pois os brasóns que se nos mostran son únicos e orixinais das tan antigas familias destas Terras de Ribadeo.