Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Habitudes


    Xa estamos afeitos: en múltiples formas, é normal un proceso que pode resumirse en coller un ben público, non mantelo como é necesario, dicir que o sistema non funciona, pasarllo aínda en bo estado ou con subvención a mans privadas, e que o capital privado saque lucro do servizo cun encarecemento con aumento da desigualdade e sen mellora.

    O ciclo pode completarse con retorno a control público dun ben xeralmente deteriorado, previo pago dalgún xeito de expropiación, e pode que volta a comezar.

Pode engadírselle, como está agora sucedendo no estado español, que se poña trabas ás administracións para asegurar o proceso. Dende o sistema de evitar endebedamentos (sexa o do estado, votado para introducir nunha constitución que non se deixa ó pobo a oportunidade de cambiar, ó do concello, consecuencia do anterior, ou a idea-lei de automantemento económico dos servizos públicos, que deixan de ser servizo para ser outra cousa) á prohibición de aumento de persoal público (restrición para previr o aumento de tamaño da administración que se está empregando como arma para externalizar servizos administrativos), hai unha asimetría de tratamento sector público/sector privado.

    Dende os ferrocarrís británicos ó subministro de auga, pasando por hospitais ou outros máis locais como, no caso de Ribadeo, o que está a suceder coa illa Pancha ou coas Catedrais.

    As fotos de embaixo son de onte. E poden encadrarse nun proceso de descontrol dun espazo que se comezou a ‘tratar de controlar’ despois da avalancha de xente; como se di para outras cousas, ‘despois de que ninguén pensara nel en moitos anos’. Como a administación (neste caso, administracións en conflito) é ríxida, non sabe facer aso cousas ben, etc, o control pasa a mans privadas. Parcialmente, porque hai momentos de descontrol, dende as primeiras horas ás últimas horas, ou cando se incumpre o plan porque hai que recortar gastos ou favorecer á xente que vive do turismo, ou cando non se lle da importancia porque non chega xente… como onte, que, domingo, ‘dia do pai’, con boa marea a boa hora e non mal tempo, non había ninguén, como pode observarse nas fotos.

    E claro, como non había ninguén, tampouco a xente se subía ás rochas (a foto con xente sobre un arco non a poño porque non saíu ben, pero coido que chega coa de embaixo, sobre oas rochas do aroco de Xangalo)

    Non había ninguén… os coches estaban sós.

    E o mantemento, óptimo.

    O paso seguinte? Máis intervención privada, claro: o público non funciona, e ademáis, non ten cartos, que non queremos pagar impostos e hai descontrol no gasto. E é que, máis aínda, a xente (‘eles’) non ten principios e non coida do que non é de ninguén (porque non é de ninguén, verdade?) e o que está en estado natural non se aproveita (porque non aproveita a ninguén, verdade?)


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *