Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

ESCUDO e LAUDE DA CAPELA DA VIRXE DO ROSARIO DE Sta. MARIA DO CAMPO. Francisco José Campos Dorado


Dentro da Igrexa Parroquial de Sta. María do Campo de Ribadeo, ó lado destro da ábsida do altar maior, está a Capela da Virxe do Rosario e a continuación a Sancristía. No frontal esquerdo, xunto do seu altar, está esta pedra armeira, case cadrada que presenta un escudo de armas semicortado e partido, cuxa composición sirve para representar a liñaxe de tres ramas familiares: 1) Avó paterno. 2) Avó materno e 3) Avoa paterna (Compendio Heráldico, Arte de Escudos de Armas, Presbytero D. Pedro Joseph de Aldazaval y Murguía, 1775, Libro I, páx.46)

O adorno exterior é tan sinxelo como expresivo, pois semellan ser enclaves de afirmación, dispostos para cravar con cravos o escudo á cartela de pedra que lle sirve de base. Para a numeración e descrición dos cuarteis, tomamos a orde establecida na obra citada, e tamén da “Heráldica Española, El Diseño Heráldico” (D.Luis F.Messia de la Cerda y Pita, páx.131). Por outra banda, para unha mellor definición das armas, daremos os esmaltes de cada brasón, segundo se describen nos nobiliarios, pois este escudo carece deles.

Primeiro cuartel (cantón destro do xefe), aparece unha cruz cargada de cinco veneras. Son armas dos ARMESTO (en campo de azur unha cruz de prata cargada de cinco veneras de ouro, unha en cada brazo e a quinta no centro // outros ARMESTO presentan: en campo de azur unha cruz gamada de ouro, cargada de cinco veneras de prata e gules).

Segundo cuartel (cantón destro da punta), sobre ondas unha torre de catro ameas donxonada con torre de homenaxe de tres ameas, ambas de portas adxuradas (abertas) e dúas árbores arrincadas (desenraizadas ou coas raíces á vista) unha a cada flanco da torre. Parecen ser armas da Casa de D. Sancho Marqués e de Dª Inés López de Vaamonde, veciños de Ribadeo, cuxa filla Dª María Marquesa de Miranda, falecida en 1639, funda a Capela da Inmaculada Concepción da Catedral de Mondoñedo (Heráldica del Municipio de Mondoñedo, Dª Olalla Rúa Veloso, 2005, páx.34). Tamén puideran ser armas dos Castrillón, que desde moi antigo emparentaron con ramas familiares dos Miranda.

O terceiro cuartel, neste caso, a partición sinistra, está ocupada enteiramente por unha torre redonda con seis ameas triangulares ou á xibelina (de ameas fendidas), donxonada dunha torre de homenaxe con catro ameas tamén triangulares, e o todo mazonado (gravado con liñas que significan as gretas da xunta entre pedras de cantería). No adarve da torre asoma a cabeza dun home que toca un corno de caza, e cargado no castelo, tres bustos con brazos, de homes sentados de fronte a un lado dunha mesa, sobre a que están dúas fogazas de pan ás cabezas e no centro un coitelo inclinado coa punta alta e o fío cara a sinistra. Claramente, son tres comensais dispostos a comer á mesa. Posiblemente, esteamos ante un escudo cun brasón único, dos máis completos e descritivos do por que do brasón das antiquísimas armas da Casa de RON, que son orixinarias das Terras do Condado de Ribadeo, que abarcaban un amplo territorio do antigo Reino de Galiza (algunhas, hoxe do Principado de Asturias).

Na bordura desta partición sinistra, reza a lenda: “A (en xefe) ESTE SON COMEN (flanco sinistro) LOS DE RON”(en punta) (A ESTE SON COMEN LOS DE RON). Esta lenda descúbrenos, sen dúbida, unha das ramas xenealóxicas principais das liñaxes a quen pertence o escudo.
D. José Santiago Crespo del Pozo, na súa extraordinaria obra Heráldica: “Blasones y Linajes de Galicia”, Volume IV, páx. 371, fai constar que: “xa o Licenciado Molina advertía que os desta Casa de Ron, facían tocar un corno polas rúas para que todos os que quixeran comer, fosen a súa casa” (Descrición do Reyno de Galizia, ano de 1550). O que nos da fe do humanos, solidarios ou caritativos que debían ser os membros desta familia coa xente do pobo onde habitaban, pois invitaban a comer os veciños, supoñemos que despois das cacerías, e polo que da a entender a relevancia do brasón, con bastante frecuencia.

Polas súas Armas, o escudo presenta a liñaxe de D. Gonzalo de Armesto, da Casa de Veiga de Forcas, ascendente dos Marqueses de Viance e dos de Villaverde de Limia. Testou en 1630, e estaba casado con Dª Ana Ron Valcarcel, filla de D.Pedro Valcarcel Ron e de Dª María Armesto Balboa, neta de D. Juan Saco de Armesto e de Dª Beatriz de Balboa. Un fillo, D. Antonio de Armesto e Ron, sigue a liña dos Marqueses de Viance e de Villaverde de Limia. Outro fillo, D. Matías de Armesto e Ron Valcarcel, sigue a liña da Casa de Veiga de Forcas. (Notas xenealóxicas sacadas do arquivo de D. Alexandro Pedrosa Neyra, citadas por D. José Santiago Crespo del Pozo, “Blasones y Linajes de Galicia”, Volumen II, páx. 127).

No frontal destro xunto deste altar da Virxe do Rosario hai unha laude (pedra cunha inscrición) na que podemos ler: “ESTA CAPILLA DENDE SU FVNDACION ES DE LOS SEÑORES DE LA CASA DE MIRANDA QUE ESTAS SITA EN BILLA (?)EIML(?) DE MIRANDA I NADIE SE PVEDA ENTE(R)RAR SIN LICENCIA DEL MAIORAZGO (?)I LA(?) I HIZO DE NVEVO D. PEDRO DE MIRANDA SEÑOR I MAIORAZO DE LA DICHA CASA ANO 1616”.

Os maiorazgos, eran institucións feudais que pretendían manter o esplendor da clase nobre, e para a súa fundación necesitábase a autorización do Rei. Tiñan unha vinculación civil perpetua, por virtude da cal realizábase unha sucesión na posesión e disfrute dos bens segundo regras especiais da vontade do testador ou do fundador do maiorazgo. Os maiorazgos foron suprimidos do Dereito Civil pola lei do 11-Outubro-1820 (Tratado de Genealogía, Heráldica y Derecho Nobiliario, Instituto Luís de Salazar y Castro –C.S.I.C.- Hidalguía, Madrid 1961, páx.103)

Esta laude, a primeira vista parece non ter que ver co escudo colocado o outro lado do altar da capela, pois no escudo de armas non está o brasón das Cinco Doncelas, relevante da Casa dos Miranda, e podería pensarse que nalgunha das reparacións ou reformas sufridas no último século pola capela, se colocaron ámbalas dúas pezas xuntas, baixo a advocación da Virxe do Rosario, pero soamente co criterio de conservalas, posto que ninguén ía ser enterrado alí nun futuro, e non se ía romper ningún compromiso cos antigos donos do maiorazgo.
Pero no mesmo arquivo de D. Alexandro Pedrosa Neyra, citado por D. José Santiago Crespo del Pozo, “Blasones y Linajes de Galicia”, Volumen IV, páx. 372, atopámonos con: D. Pedro Miranda de Ron, ó que debe referirse a parte do laude: “I HIZO DE NVEVO D. PEDRO MIRANDA SEÑOR I MAIORAZO…”. D. Pedro era irmán de D. Alvaro Díaz de Ron, de Dª Mayor e de Dª Leonor Miranda de Ron (señores das Casas de Barreiros, Santalla de Oscos e de Caldaloba, cuxa casa solar estaba emparentada cos Pesoz de Ibias, e cos Valcarcel dos Barrios). D. Pedro tivo tres fillas: Dª Inés de Vaamonde que casou con D. Sancho López de Moscoso y del Río; Dª María de Vaamonde que casou con D. Juan Díaz Pardo de Donlebún e Dª María de Bolaño que casou con D. Alvaro Pérez de Navia. Por outra banda, D. Alvaro Díaz de Ron é padre de D. Diego Sánchez de Ron que casou con Dª Teresa González de Rodil, da Casa de Villagudel, señora do maiorazgo de Barreiros. Tiveron por fillo a D. Fernando Rodil de Ron que sigue a liñaxe, casando con Dª María Mayor Tobar y Vaamonde de Ribadeneira (irmá de D. Gonzalo de Mesía e de Dª Blanca Pimentel de Ribadeneira)… etc. etc.

Como podemos ver na secuencia xenealóxica relatada das xeracións deste escudo de armas, os parentescos entrecruzados por matrimonio entre os brasóns dos Escudos de Armas de Ribadeo, son evidentes. Non cabe dúbida de que as árbores xenealóxicas dos Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, requiren un estudio aparte, moito máis profundo do que este traballo pretende, pois nós soamente queremos divulgar un pouquiño da Heráldica, Xenealoxía e Nobiliario de Ribadeo, e darémonos por contentos se espertamos o interese dalgúns, incluso só duns poucos, pois iso quererá dicir que sempre haberá alguén que recolla a testemuña para seguir estudando e loitando para nunca esquecer a Historia do noso magnífico e exquisito Patrimonio, e que non é doado de sacar a luz, pois está reflectido en múltiples disciplinas do saber, que requiren de tempo e perseveranza para ler e entender os escritos que nos dan os datos. Queda unha gran labor de estudo nos campos da Paleografía, Diplomática, Simboloxía, Sixilografía, Historiografía, Arqueoloxía, Lingüística, etc. etc.

Non queremos deixar sen comentar unha particularidade que vemos neste escudo. Está suxeito a parede con grampóns, e non empotrado nela, o que parece dar a entender, que o escudo pode non ser orixinario dunha capelanía do Convento de San Francisco, fundado no ano 1214, se non que pode proceder da antiga Colexiata de Santa María do Campo (1207-1852) cando os confrades trasladan algunhas das capelanías, ó tempo que o bispado de Mondoñedo lle reclama o Cura Párroco de Ribadeo os arquivos, documentos de fundacións, foros e convenios, libros, xoias, incluíndo o báculo e zapatillas do bispo D. Pelaio de Cebeira, roupas litúrxicas e demais enseres, cando ía ser desmantelada para facer unha nova Colexiata, que nunca foi levantada (La Colegiata de Ribadeo, D.José María Rodríguez Díaz-2011, pax.52). Este mesmo sistema de suxeición aparece na laude, e podemos velo tamén no Escudo de Armas da Capela da Virxe das Dores, que describiremos nun próximo artigo.
Vemos, que antes ou despois, sempre nos atopamos coa “mala sorte” de Ribadeo, como no caso das pertenzas da Colexiata, que poderían estar en Ribadeo, formando parte do “tesouro parroquial”, como ocorre no Mosteiro de Lourenzá, na Catedral de Mondoñedo, ou como en calquera outro lugar que tivo e ten un lugar relevante na Historia de Galiza. Pero non, a Ribadeo o máis normal, é que se lle levanten “por orden de birlibirloque ou de bóbilis bóbilis” todos cantos bens patrimoniais ten, e “sen unha queixa”, pois, Ribadeo é un pobo culto, tolerante e non gusta de liortas. ¡En fin!

Xa vai sendo hora de que as nosas autoridades locais, sobre todo, provinciais e autonómicas se dean conta de que teñen a obriga de traballar polo noso patrimonio e de conservalo no propio territorio, nos pobos ós que pertence. Subliño, sen ningunha dúbida, o dito: “Ribadeo First” (Primeiro Ribadeo) pois aínda que non estea de acordo coas moitas das ideas peculiares do Presidente Trump, si o estou co seu slogan de defender primeiro o seu, o da súa casa. Nós non podemos seguir perdendo, ano tras ano, todos cantos bens patrimoniais temos, de forma practicamente irrecuperable, pois son parte da nosa riquísima Historia. Non vemos que haxa ningunha iniciativa para crear un listado inventariado de ditos bens, onde se diga, p.e.: “ben patrimonial XXL de Ribadeo, descrición, foto, soporte documental, está en tal sitio, gardado en depósito…” ¿Cantos restos arqueolóxicos da Ría de Ribadeo desaparecen “sen deixar rastro”? ¿Cando se van escavar os Castros e poñelos en valor? ¿Cando retornarán os achádegos do xacemento de Louselas? ¡Pero bueno, ese é outro tema! ¿Cantos bens de produción de riqueza nos deixaron os nosos ancestros, e só nos interesen os bens de servizo…? ¡Pero bueno, ese é outro tema! ¿ata cando seguirá sendo todo, outro tema? ¿Para cando vai ser a construción dese magnífico Museo Arqueolóxico, dese Teatro, dese Pazo-Auditorio-Escola Superior da Música…? ¿que non hai nin sequera proxecto de ningún deles? ¡Pois estamos apañados cos nosos políticos, sen proxectos culturais, industriais ou portuarios de futuro!. Iso si, ¡Portos de Galiza choiando por destruír a Illa Pancha e o Faro, e Fomento sen dar luz a Ponte dos Santos, nin ós Santos da Ponte…! ¿E estes son dous organismos oficiais que “velan polo interese da cidadanía”? Portos pretendendo palear a terra e a roca viva da Pancha, como si foran escombros, e Fomento destruíndo a Ría de Ribadeo con obra cada día máis “incivil” e deixando a ponte a escuras, para que “paseemos moi, pero que moi, namorados a luz das estrelas”! ¿Será por isto…? ¡Ó mellor ata lle lo temos que agradecer! ¡manda truco! ¿non?

Nota a posteriori: No artigo anterior dos Escudos do Altar Maior de Sta. María do Campo, facíamos referencia a Capela da Misericordia, e segundo nos comentaron algúns veciños, situámola mal. Polo que moi agradecidos pola advertencia, corriximos o erro: “A Capela de Nosa Señora da Misericordia, estaba a case un terzo da rúa Rodríguez Murias, na casa Nº7 (hoxe de Nistal), entre a Casa de Sarmiento que sobresae á rúa e fai esquina, e a Boutique Valentina. Fronte a ela está instalada unha fonte pública de auga, que podería chamarse, como recordo: “Fonte da Misericordia”, igual que a Fonte da S. Roque, a Fonte da Virxe do Camiño, a fonte de S. Lázaro ou a fonte de Santiago de Vigo, todas elas denominadas pola súa situación o lado da capela do santo respectivo. A Capela da Misericordia e a casa do lado onde vivía o capelán, derrubáronse “a piqueta” no mes de Abril de 1964 debido o seu estado ruinoso (La Comarca, 26-Abril-1964)”. Moitas grazas a todos vos polas correccións.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *