Hoxe hai unha nova na sección de novas do concello. Reprodúzoa de xeito completo, lembrando que é liberada cunha semana de retraso en relación ó ditame recibido por ‘Por nuestro faro’:
O DEFENSOR BOTA EN FALLA INFORMACIÓN MEDIOAMBIENTAL
Faro da Illa Pancha
27/02/2017
O Concello ven de dirixirse á Autoridade
Portuaria Ferrol-San Cibrao e á Xunta de Galicia para que revisen as
súas resolucións e informes sobre o uso hoteleiro do faro da Illa
Pancha. O alcalde, Fernando Suárez, fai estas declaracións despois das
argumentacións desfavorables realizadas polo Defensor del Pueblo. O
rexedor pide que en caso de que o Defensor del Pueblo teña razón esas
administracións procedan a corrixir os seus informes antes de que o
Concello tramite a licenza de actividade definitiva do establecemento.
Suárez Barcia dixo hoxe: “en relación con este hotel pretendido aquí
na illa Pancha, tivemos coñecemento hai moi pouco tempo, destas
argumentacións que o Defensor del Pueblo, desta institución de ámbito
estatal, fixo sobre o expediente global a raíz das denuncias deste
colectivo Por nuestro faro, que son tamén os que nos fan chegar esta
comunicación”.
O alcalde sinalou que “o Defensor del Pueblo ven
cuestionar a tramitación basicamente de Portos do Estado que depende do
Ministerio, e tamén dalgunhas autorizacións autonómicas. No senso,
segundo di o Defensor del Pueblo, que necesitaba este expediente
información medioambiental que non se produciu, e que tamén pon en solfa
o xeito da tramitación da concesión”.
Fernando Suárez explicou
que “desde o Concello de Ribadeo somos a última administración que deu a
licenza de obra en función de todos eses expedientes, informes e
autorizacións previas destes organismos. Polo tanto con esta nova
documentación que sabemos do Defensor del Pueblo, agora vimos de
dirixirnos novamente a todos estes estamentos do Ministerio e da Xunta,
solicitándolle a todos estes organismos afectados para que revisen as
súas actuacións, que revisen os seus informes, que revisen as súas
resolucións. E se está ben que o manifesten e que desmintan todo o que
está dicindo o Defensor del Pueblo, e se realmente este ten a razón que
procedan a corrixilo cos efectos que proceda xuridicamente, e que o
fagan xa, sobre todo antes de tramitar polo Concello a actividade”.
O
rexedor ribadense manifestou que “o Concello participa indirectamente. O
Concello deu a licenza e as autorizacións en función de todo iso. Se
iso non está ben, o procedemento non pode seguir para adiante”.
Fernando
Suárez subliñou que “todo o mundo sabe que as licencias de obras son
actos regrados. Se cumpren todos os informes e todas as disposicións,
hai que outorgar a licenza si ou si. Pero se agora pasa, como parece que
está pasando, que unha institución teoricamente seria como o Defensor
del Pueblo cuestiona o modo de cómo se evacuaron eses informes, queremos
sabelo antes de seguir dando máis pasos como última administración,
pero como administración final que depende tamén de todos eses informes e
autorizacións previas anteriores”.