Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Escrito de resposta do Defensor del Pueblo a Por nuestro Faro, estimando as súas consideracións en relación á implantación de hotel e cafetería na illa Pancha


Onte o Defensor del Pueblo contestou a Por Nuestro Faro. E contestou estimando as súas consideracións. O grupo emitiu un escrito no que expón sucintamente as consecuencias, ó par que se congratula e agradece os apoios recibidos.

Embaixo queda o escrito do Defensor del Pueblo. É abondo técnico, polo que adxunto algunha consideración antes e engado algunha outra despois.

1.A primeira vez que o grupo se dirixiu ó Defensor del Pueblo foi o 23 de agosto do ano pasado. Dende aquela, a solicitude do Defensor, o grupo enviou o equivalente a medio quilo de documentación, e logo, o Defensor recabou información pola súa parte (a última recibiuna a finais de novembro) e por fin, case seis meses despois, emite o documento que deixo embaixo. Isto implica tamén que deixa fóra consideración relativas a estes últimos meses, como as escavacións desta mesma semana.

2.Antes de recorrer ó Defensor (e despois seguirao a facer) o grupo ten desenvolto diversas accións, sendo conscientes de que refacer común a illa Pancha non é cousa dun día: xa ten a súa historia.

3.O escrito que se presenta está estruturado en varias partes. A primeira, un resume de información recibida polo Defensor. A segunda, consideracións ó Porto do Ferrol (Puertos del Estado, de quen depende o Faro da Illa Pancha) enviadas onte mesmo, que rematan cunha ‘suxerencia’ (a lembrar que o Defensor non ten poder) que sintetiza a asunción por parte do Defensor do que se lle pedía.

A resposta está a disposición aquí se se quere descargar (ou aquí, en scribd), ou pode lerse a continuación:

Unha vez lida, algunha consideración máis:

1.Cremos que hai abondas máis cousas a tratar, ás que ó Defensor del Pueblo non se lle fixo fincapé, e polo tanto, nas que non entra. Cousas que se poden clasificar en diferentes capítulos, legais, lóxicos, económicos ou éticos.

2.O Defensor pode ser desoído, mais o seu ditame deixa claro xurídicamente a necesidade de informe ambiental e que as obras deberan pararse mentras non se cumpla ese requisito de xeito favorable. De calquera xeito, o informe dá orientación abondo a outras entidades, como o concello, que interveñen no asunto.

3.O caso do Faro de illa Pancha hai que consideralo dentro do proxecto ‘Faros de España’, e polo tanto, pode compararse con outros casos, con diferenzas evidentes como o concurso público doutros lugares fronte a adxudicación directa.

Polo momento, é o que hai. A conservación do patrimonio común como común non é doada, en particular cando se parte do abandono administrativo e o rexeitamento do pobo de décadas por parte da administración, a encargada de administrar este tipo de bens que son de todos, como especifica a constitución no seu artículo 1: o pobo é soberano, e del emanan os poderes do estado (e da administración como parte del).


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *