(Trad. de A. Gregorio)
Hai moitos lugares no noso país, ermidas e santuarios, relacionadas con fontes e nacentes con augas que teñen -dalgún xeito- recoñecidas propiedades curativas. Podemos mesmo incorporar unha serie de elementos máxicos que conforman un totum revolutum con eses conxuntos, frecuentados por devotos, ofrecidos, fieis, crentes, etc., e que teñen moito que ver cos elementos: auga, aceite, campás, sinais en pedra, imaxes …
Na raíz do misterio adivíñase o intento da traslación. A doenza desaparece na medida en que se transfire ó medio con propiedades sanadoras. Outras veces, trátase de acadar un desexo: amor non correspondido, descendencia fronte á esterilidade. Lembro como me explicaban en Burgos, no santuario de Santa Casilda, preto de Briviesca, que ó lanzar ó pozo dos desexos, texa ou pedra, lográbase unha nena ou neno para un matrimonio novo sen descendencia; do mesmo xeito que nese fermoso lugar, que recomendo visitar, de San Xoán de Gaztelugatxe ou o Santuario de Loyola. Logo, tendo logrado o propósito, o vástago soe ir cos seus padriños visitar o lugar.
E é que tras a miña longa estancia por terra dos vascóns, non só aprendín mediciña e practiquei a saúde pública, tamén recollín costumes ancestrais propias do pobo vello, entre castaños e carballos, ou con acantilados onde o curlto ‘pagán’ foi creitianizado por ermidas.
Para comprender o que se percebe, se adiviña, se oculta, na nosa Galicia, hai que ler a obra do meu colega médico Jesús Rodríguez López. A primeira edición de 1895, onde nos explica como Feixoo e Sarmiento, ambos benedictinos, descreben as supersticións propias da nosa paisanaxe: “é sabido que moitas das cousas que hoxe consideramos como supersticións algún día non o eran, e, polo contrario, foron tidas como artigos de fe ou como verdades indiscutibles”. “Grazas a que Deus apiadouse de España mandándolle ó apóstolo Santiago, foron morrendo pouco a pouco as superticións…”. A obra é un magnífico tratado de cultos praticados polos nosos antepasados e presentes nesas xuntanzas, tan destas datas, en torno ó animal lume.
Se acoden a un vello caseirón de granito e pizarra, para despedir a noite de San Silvestre, proben interpretar o alarido do can asilvestrado, o chirrido da leña verde queimándose, procuren a sombra do vello carballo á luz da lúa, non lles neguen calor ás ánimas tiritando de frío. Pola miña parte, lavarei as miñas mans con augas santas que brotan de Santa María de Lieiro