Baixando a Porcillán pola rúa Amando Pérez, case en fronte da Fonte dos Catro Caños, está a señorial e discreta Casa dos Miranda. Ó lado Sur, linda cun calexón que ven desde a Rúa Trinidad e que separa a casa e horta das casas adxacentes, e cuxo nome, Travesía da Paz, recorda a Rúa da Paz, antiga denominación da Rúa Amando Pérez. A casa consta de baixo e dous andares, con tres e tres balcóns beirados ou saíntes, con varanda de fundición enrellada e, nos baixos, tres sólidos portalóns de madeira con molduras, cuxa porta central de dobre folla, montantes vidrados e cancela de forxa, é a da entrada da casa. A súa fachada está toda construída de cantería, e entremedias do balcón central do primeiro andar, na parte alta, atópanse estes dous escudos de armas que resaltan do paramento labrados en pedra de mármore branco e en moi bo estado de conservación.
En heráldica a súa forma trátase como: escudos “españois carlistas” ou escudos de “forma de casulla” (El Diseño Heráldico, Luís F. Messia de la Cerda y Pita 1990, páx.29). O apelativo “carlista” refírese a Carlos I de España e V de Alemaña (1500-1558). Carecen de adorno exterior, a excepción dun trifolio no timbre do primeiro e do segundo, así como, neste segundo, outras dúas pequenas flores entre medias das volutas altas, e ámbolos dous, teñen un pequeno adorno no sostén (na punta da parte baixa). A forma exterior e similar nos dous, pero diferéncianse en que mentres o flanco dereito, segundo se mira cara a eles, é case igual, no flanco esquerdo as volutas envolven cara a dentro e quedan por fora, e no escudo sinistro envolven cara a dentro, pero métense no campo do escudo.
O escudo esquerdo (foto 1) está cuartelado en catro:
No primeiro cuartel, na parte central, aparecen dúas chaves encostadas (dándose as costas) en pau (verticais) cos paletós arriba e aneis cadrados baixos entretidos (enlazados). Están acompañadas de tres flores de lis mal ordenadas: unha central en xefe (parte alta) e dúas en punta (parte baixa), e de seis rosas colocadas tres e tres en cada flanco das chaves. Si tiveran esmaltes, as chaves e as lises serían de azur (cor azul) en campo de prata, e as rosas de gules (cor vermella). Son armas dos Quirós de probada nobreza, entre outras, nas Ordes de Santiago, Alcántara e Calatrava. D. Bernaldo de Quirós de las Alas y Carreño alguacil maior de Oviedo e alférez maior de Avilés, foi Marqués de Camposagrado, título nobiliario que lle concedeu o rei Felipe IV o 23-Maio-1661.
No segundo cuartel, dous lobos pasantes, son armas dos Osorio. En campo de ouro dous lobos desollados en pau (un sobre o outro). O lobo é figura do guerreiro que non da cuartel o inimigo. Unha cabeza de lobo, era insignia militar que os romanos levaban no alto dunha pica. D. Pedro Osorio, fillo do Conde de Trastámara, xunto con D. Alonso de Lanzós e D. Diego de Lemos en 1465, foron os que acaudillaron a Revolta dos Irmandiños. D. Pedro Osorio pereceu nunha prisión dos Andrade e D. Alonso de Lanzós pasou o resto da súa vida na cárcere. Foron os tempos en que os nobres galegos serán sometidos e obrigados os intereses casteláns, tempos da “doma e castración do Reino de Galicia”. Galicia conservará desde aquela a nomenclatura de Reino, máis será só testemuñal, pois perde a capacidade de decisión e o seu idioma deixa de empregarse nos círculos oficiais e na escritura; pero o pobo galego manterao vivo durante 300 anos nas lareiras, no agro, no mar, nos contos, nas lendas, nas coplas… (Historia de Galicia, David Pérez López, páx-155)
No terceiro cuartel unha banda engolada (tragada ou metida na gorxa) de dous dragantes linguados (de dous dragóns con lingua vista). Parecen armas do Marqués de Santa Cruz, título que Felipe II lle concedeu o 11 de Outubro de 1569 a D. Álvaro de Bazán e Guzmán, Capitán Xeneral con Grandeza de España. Neste caso, parece ser un cuartel similar o escudo inversado (simétrico respecto dun eixe vertical) do escudo esquerdo do altar maior da igrexa parroquial de Sta. María do Campo de Ribadeo, o cal pertence a familia dos Navia (Osorio), segundo reza na lápida adxacente, e cuxo patronazgo xa exercían nos tempos en que era Convento de San Francisco e non a colexiata actual de Sta.María do Campo. Este marquesado, refírese máis ben ó Marqués de Sta. Cruz de Marcenado, título nobiliario que concedeu o rei Carlos II en 1679 a D. Sebastián Vigil de Quiñones y la Rúa do Coto de Marcenado e cabaleiro da Orden de Calatrava. D. Álvaro José de Navia Osorio y Vigil de la Rúa, nace en Puerto Vega en 1684 e foi o III Marqués de Sta. Cruz señor da Casa de Celles, vizconde de Puerto Vega. D. Joaquín Navia-Osorio e Miranda, nace en Castropol en 1749, e foi o VII Marqués de Sta. Cruz de Marcenado.
Cando se identifican datas dos maiorazgos na igrexa parroquial de Ribadeo, hai que ter en conta que esta é tal a partir de 1835, pero o convento de San Francisco fundouse no ano 1214, de cuxo arte gótico de primeiros do século XIII, consérvase na ábsida do altar maior o gran arco oxival enviaxado (que ten os apoios un pouco oblicuos respecto da vertical), as arquivoltas da porta principal, a fiestra de trazaría da fachada con dous parteluz, bateaugas oxivais (molduras que protexen os arcos do pórtico e da fiestra, da auga de choiva que escorre pola parede), entre outros elementos das bóvedas de cruzaría e do coro.
Na parte alta do actual retablo do altar maior, a ambos lados dunha imaxe central de Cristo Crucificado, atópanse estas mesmas armas dos Navia – Osorio en dous escudos con esmaltes: unha banda engolada de gules (cor vermella) sobre campo de sinople (cor verde) e ámbolos dous timbrados cunha coroa de marqués e cun adorno exterior, facendo un artesoado de molduras, en alto relevo, de estilo barroco do século XVII ou XVIII.
No cuarto cuartel, unha aguia mirando a destra. Son armas dos Aguiar. En campo de azur unha aguia de prata co vo caído ou de ás baixadas e membrada de sable (coas patas de cor negro), brasón moi antigo, pois é outra das insignias militares das lexións romanas.
O escudo dereito (foto 2) é de aspecto moi similar o primeiro. O primeiro cuartel está semicortado e partido. Na parte alta da partición esquerda vese unha árbore con dúas cabras empinadas coméndolle nas follas. Son armas dos Sotelo: en campo de prata, unha árbore de sinople (cor verde) e dúas cabras de sable (cor negro) empinadas no tronco. Na parte baixa, un castelo. Parecen armas dos Suárez de Albergaría ou dos Suárez de Deza. Na partición dereita, dúas bandas con dúas lises cada unha, semellan armas dos Ladrón de Guevara, ou dos Quesada, pero máis posible sexan dos Queipo de Llano. Este cuartel é a labra de consanguinidade dos membros dunha familia, que a súa vez emparenta cos Miranda.
No segundo cuartel, as cinco doncelas de Miranda. En campo de gules (cor vermella) cinco bustos de doncela cos cabelos espallados de ouro, cargados no peito cunha venera de ouro. Alude ó Tributo das Cen Doncelas, armas que gañou Don Alvaro Fernández Miranda, parece que acompañado dun cabaleiro dos Ponce de León, uns din que polo ano 785 ou 791, e outros en tempos de Afonso II “O Casto” (791-842) anos despois de descubrirse a tumba do apóstolo Santiago no ano 813. D. Alvaro liberou no lugar de Petoburdelo (entre Betanzos e A Coruña) ás doncelas virxes e fidalgas da comitiva, que conducían os sectarios musulmáns, e tamén ás que xa estaban na torre de Val-docel para ser embarcadas na ría de Betanzos, as cales, ían sendo entregadas polos pobos cristiáns de Gallaecia, para pagar un odiado tributo de vasalaxe os emires de Córdoba, que o rei “folgazán” Mauregato (783-789) adquirira con Abderramán I (756-788) por haberlle axudado a espolincarse e apoltronarse no trono. Ramiro I (842-850) negouse rotundamente a pagar e batalla e vence a Abderramán II (791-852) na batalla de Clavijo (Logroño) (La Comarca del Eo, 29-12-2012 “O Tributo das 100 Doncelas”)
No terceiro cuartel, son armas dos Villamil, dos Álvarez de Mon, de Barreira, Barrera ou de la Barrera, dos Busto, dos Aguiar ou dos Pardo que explicamos con máis detalle cando nos referimos o Escudo da Rúa Antonio Otero (La Comarca del Eo, 16-Xullo-2016)
No cuarto cuartel, son armas dos Luaces, un crecente ranversado (coas puntas cara abaixo) entre sete estrelas de oito puntas, tres en xefe e catro en punta. Así, tamén figuran na Casa de Luaces na cidade de Mondoñedo, pero coas estrelas de cinco puntas. Se o cuartel tivera esmaltes serían: en campo de azur, estrelas de ouro cun crecente ranversado de prata. A D. Juan García de Luaces, da cidade de Lugo, líbralle Sancho IV “O Bravo” (1284-1295) privilexio de fidalguía o 22-Maio-1293, por méritos contraídos na toma de Tarifa. A D. Luis de Luaces de Mondoñedo, recoñéceselle a fidalguía en 1554 (Historia de Galicia, D. José Santiago Crespo del Pozo, Tomo XXI, páx.241-242)
Na Chancillería de Valladolid hai moitos e diversos preitos relacionados cos apelidos destes escudos de armas, dos que destacamos: 1) Un preito de fidalguía do ano 1540 de D. Juan de Luaces, veciño de Mondoñedo. 2) Executoria dun preito litigado en 1565, por D. Pedro Fernández Tomás, veciño de Mondoñedo, con D. Vasco Fernández de Luaces e D. Fernando Ares de Ribadeo sobre contas e débedas dunha compañía de panos. 3) Executoria dun preito litigado en 1604 por San Juan de Bengolea e Dª. Inés Fernández de Saavedra e fillos, herdeiros de D. Pedro de Saavedra e Dª Elvira Díaz de Cidrón, veciños de Santa María de Ramil (Lugo), con D. Álvaro de Navia, marido de Dª. Leonor Fernández de Saavedra. 4) Preito litigado en 1655, por D. Rodrigo de Miranda Ponce (de León), con D. Diego García de San Pedro veciños de Pola de Lena, por un prado da Riva. (Asturias). 5) Preito de D. Lorenzo Agustín Miranda Menéndez, de Ribadeo, de D. Pedro María Miranda Miranda, de Ribadeo, de Dª. Juana Antonia Menéndez y Prado, de Ribadeo, D. José Campoamor, de Ribadeo, sobre: anulación dun foro fundado por Dª. Juana Antonia Menéndez e restitución dos bens a él hipotecados por estar vinculados o maiorazgo de Miranda (1788-1808). 6) Preito de D. Pedro Ramón de Oya y Miranda, de Ribadeo, D. Vicente Lamas de la Torre, de Santa Eulalia de Vilaosende, sobre anulación da escritura do foro dunha casa e horta situadas en Ribadeo por ser bens vinculados (1804-1809)… e un largo etc. etc.
Ámbolos dous escudos dan fe das grandes liñaxes do matrimonio de D. Pedro Miranda, natural de Ribadeo, casado con Dª María Osorio de Navia (século XVI), quenes tiveron por fillo a D. Fernando de Miranda Osorio que casou con Dª María de Lanzós.
Son dous escudos por antonomasia aristocráticos. ¿Que quer isto dicir? Son escudos das familias máis notables de Gallaecia e por suposto do Estado, con brasóns anteriores a fidalguía medieval de España. Non precisan timbrar os escudos de coroas ou cascos para falar da súa nobreza, pois as armas dos seus cuarteis falan por si soas. En San Miguel de Reinante, cun adorno exterior floral moito máis rico, hai outros dous escudos desta natureza na fachada do Pazo de Pumarín, pertencentes a familia de D. Juan Pardo de Cela Ulloa Taboada de Aguiar e Andrade (Arquivo do Reino de Galicia -Fondo da Real Audiencia de Galicia- Signatura 3339/10 -foto 102837).
Platón (427-348 a.C.) relata na súa “República” que aspiraba a un goberno da “aristocracia do saber”. Para Aristóteles (384-322 a.C.) a aristocracia era a mellor das formas de goberno sempre e cando, esta se interesara polo ben público, polo benestar social, pois en caso contrario dexeneraría nunha oligarquía ou goberno exercido por un reducido número de persoas que pertencen a unha mesma clase social privilexiada que utilizan o goberno en proveito propio. Herodoto (484-420 a.C.) opoñía a aristocracia á monarquía e á democracia. Rousseau (1712-1778) recoñecía dúas clases de aristocracia: a natuhereditaria e a electiva. A segunda destas formas é a máis racional, pero sempre imperou a primeira. Na era moderna, a democracia ganoulle a batalla á aristocracia política, aquela constituída pola “elite” dos grupos dirixentes.
O termo, aristocracia tamén se aplica como sinónimo de “privilexio ou rango”; así existe unha aristocracia social; una aristocracia da igrexa, do diñeiro, da industria, do arte, do saber ou do deporte. Polo que hoxe, cando se escoita falar da aristocracia a secas, interprétase como a clase social oligarca que fai e desfai o que lle ven en gana, conclusión que, aínda que non sempre, a maioría das veces, hoxe, é acertada pois teñen diñeiro, poder, privilexios e influencias dabondo como para facelo. Pero nun principio a aristocracia eran as persoas más notables da nación e non precisamente eran os que exercían o poder feudal. Platón, Moro, Bacon e os profetas do Antigo Testamento, seguramente eran aristócratas do seu tempo, en cambio, foron os pais da doutrina filosófica do Socialismo que se levantou en revoltas en contra da explotación da clase traballadora… En fin, Aristóteles, fai 2300 anos anos que morreu, ¡e como para seguirlle agora as súas “filosofías…”!