Empezando a baixar a rúa da Trinidad, no antigo Colexio das Monxas do Sagrado Corazón de Xesús das Fillas da Caridade, atopamos un moi elegante escudo de armas cuadrilongo e por abaixo lixeiramente en punta (foto 1). Corresponde a un clásico escudo español, timbrado cun casco de fidalgo antigo mirando a destra, en cuxa rella se lle contan catro grilletas, e o yelmo está rematado cun burulete en forma de crista ao que se cosen plumas formando un penacho alargado. O artista en realidade mesturou as formas dun casco medieval e un casco romano, e saíulle o que saíu. Guapo, guapo, iso si. Está labrado en pedra de cantería de grao medio, e consérvase en moi boas condicións. Pena, de non sacarlle de vez en cando as “herbiñas” que vai criando.
Como soportes, e simétricos a ambos lados, en xefe, hai uns cabos enroscados ou volteados, xeralmente chamados “xiras”, que continúan, cara á punta, cunhas grilandas vexetais, onde o ornamento ábrese en abanico nun sostén grilado con forma de labor de encaixe rematada con bodoques, compoñendo un conxunto de forma moi harmónica, bela e sinxela. Esta abeirado da choiva vertical por un arco de medio punto formado por dovelas moldeadas de cantería que configuran un estreito tellado. Non ten data de construción pero, polas formas do abeiro, debe ser contemporáneo do escudo de armas da Rúa Bispo Veres da Casa de Vior ou do escudo do Pazo do Xulgado que tampouco están datados pero que apuntan a ser da centena do século XVIII
O campo está cuarteado en cruz ou en catro cuarteis.
No primeiro cuartel, vese unha árbore cun can atado o seu tronco. Son armas dos Acevedo: en campo de ouro un acivro de sinople (cor verde) cun lebrel branco atado o tronco. // Tamén poden ser armas dos Quiroga, apelido da provincia de Lugo con diversidade de esmaltes no campo, mentres uns o describen de gules (cor vermello) outros o fan de azur (cor azul) e outros de ouro, e un lobo de sable (cor negro) atado o tronco, en vez dun lebrel de prata (arquivo de Dª Petra Arias de la Maza) (Blasóns e Liñaxes de Galicia, de frei José Santiago Crespo del Pozo)
No segundo cuartel, dous lobos pasantes enmarcados cunha bordura con oito aspas. Son armas dos Osorio: en campo de ouro, dous lobos pasantes desollados e postos en pau (andando sen pel e un sobre o outro) con bordura de gules con oito aspas de ouro // Tamén puideran ser armas dos Prieto: en campo de prata, dous lobos de sable (cor negro) pasantes e postos en pau, con bordura de gules con oito aspas de ouro.
Terceiro cuartel, un castelo sobre ondas do mar e rematado cunha cruz. Parecen armas dos Villamil, aínda que puideran ser dos Portela ou dos Suárez de Deza.
Cuarto cuartel, tres barras saíntes. Son armas dos Barreira, Barrera ou de la Barrera.
Facemos esta diversificación de apelidos e distincións en cada un dos cuarteis, debido a que non sabemos os esmaltes do escudo, polo que a interpretación xusta só pode levarse a cabo polos apelidos da familia do fidalgo ou pola súa árbore xenealóxica.
Recordemos un pouco da historia do edificio, para poder chegar a interpretar algunha das peculiaridades do escudo. O edificio foi propiedade do matrimonio Rego Rodríguez e Agrelo Barrera de Cedofeita. Alí estivo a sede do Circulo de Recreo, constituído en 1851, e coñecido sempre como o Casino. En 1911 compartía directiva común coa Sociedad Filantrópico -Dramática, en cuxo ano era Presidente da xunta D. Pedro Osorio López. Ese mesmo ano de 1911 desaparece o Casino e o local pasa a ser oficina de Telégrafos… en 1935 o reorganizado Circulo de Recreo tiña como Presidente a D. Manuel de la Barrera Rodríguez… (Sociedade-Ribadense (1900-1936) José Mª Lombardero Rico, 1999, pax.91-92).
En 1917, escolleuse esta fermosa e ampla casa da Rúa Trinidad para facer un colexio para nenas, onde aínda naquel momento, estaban as oficinas de Telégrafos e Teléfonos, as cales trasladáronse para outro edificio próximo da Praza da Constitución ou Praza de Abaixo, e onde a central de Teléfonos estivo ata a década de 1970.
Ó edificio do colexio engadíuselle a capela, en cuxa fronte se labrou outro dos tantos tipos do escudo de armas de Ribadeo que hai distribuídos por todo o pobo (foto 2). Este escudo de Ribadeo ten uns soportes que asemellan ondas dun mar encrespado que, al menos o noso parecer, forman belas molduras para ser talladas nunha métopa de madeira.
Por outra banda, podemos ler nas crónicas dos semanarios da época que a xéneses do Colexio das Monxas para nenas, foi iniciativa do cura párroco D. Ricardo Mª Amor Méndez aló polo ano 1917, que tivo o apoio do Sr. Bispo da diocese, D. Juan José Solís, que o patrocinou con medios económicos.
O Colexio foi deseñado para impartir instrución elemental completa na educación da muller: “para que saiban desempeñar ben e concienciudamente a difícil misión a que están chamadas a exercer na vida. Ademais abriranse clases de corte, debuxo, pintura, música, francés e mecanografía, procurando así, que o Colexio responda a tódalas necesidades e a importancia do progresivo desenrolo desta vila… as alumnas admitiranse gratuítas e de pago, e estas serán internas, medio pensionistas ou externas; as primeiras só poderán ser externas” (Las Riberas del Eo, 23 de Xuño de 1917).
“Un insigne fillo de Ribadeo abriu a lista de subscrición de donativos para as obras, con mil pesetas da época, e a caritativa dama Dª Elisa Rodríguez Malvares, doou a horta da calle Ibañez próxima o Colexio” que serviría de patio de recreo (ibidem, 23 xuño 1917)
“O Colexio foi inaugurado o día 1 de Abril de 1918… pola maña houbo misa coa asistencia do Bispo D. Juan José Solís, da Corporación Municipal e Autoridades Civís, Militares e Comisións da vila… cantou o coro de señoritas dirixidas pola profesora de piano do novo Colexio, Sor Adoración López Fernández… As catro da tarde, celebrouse unha velada na que tomaron parte as señoritas: María Parga, Gloria Martínez, Elvira Reinante, María Martínez, Carmen Fernández, María Rodríguez (2), Pilar Veiga, Justa Suárez, María G. Villamil, Bernarda Reimunde, Eudosia López, Rosita Rodríguez, Bértila Pérez, Elisa González, Mercedes G. Villamil, Leonor Reynante, Isabel López, Concha G. Villamil e Jesusa Nistal, que foron aplaudidísimas moi xustamente, pois todas bordaron materialmente os seus papeis… despois pronunciou un corto discurso o Párroco Sr. Amor e rematou o Sr. Bispo, eloxiando ao Párroco e á Visitadora Xeral das Fillas da Caridade… o Concello obsequiou o Sr. Solís cunha serenata para darlle así, proba do seu agradecemento pola súa protección…” (Ribadense, 4 de Abril de 1918).
Polo que relatan estas crónicas periodísticas da época da realización do colexio, non se di nin se desprende que dito matrimonio, Rego Rodríguez e Agrelo Barrera de Cedofeita, ou os seus descendentes continuaran sendo os donos do edificio que foi adquirido polo bispado. Sen embargo os presidentes, que mencionamos do Círculo de Recreo, si teñen apelidos das familias de dito escudo, e algunhas das nenas da citada velada de inauguración tamén teñen apelidos das liñaxes do escudo ¿teñen algo que ver uns e outros? Seguramente, si.