Temos un compromiso coa illa Pancha. Por iso, cando dun xeito ou outro, dende hai mais dun ano, se da por acabada a historia da privatización para uso hoteleiro, repasamos para ver que hai de certo.
E polo momento, unha vez que comezou o desescombro, o que hai é que segue manifestándose cada vez maior cantidade de xente a favor da liberdade para a illa de todos. A favor de que a illa sexa de uso comunitario, non privado, con acceso restrinxido. A favor da súa protección e contra o seu uso empresarial.
E as cousas seguen sen estar claras. Non o están no Valedor do Pobo e o Defensor del Pueblo, mesmo con incidentes dos que daremos conta no seu momento. Non o están a nivel parlamentario, onde as preguntas sobre a situación seguen o seu camiño. Non o están na Reserva da Biosfera, e non o están para nos, que vemos numerosas irregularidades en todo o proceso.
Tampouco para algunhas institucións implicadas debe estar claro. Se non, non nos explicamos que sexa imposible conseguir documentación que entendemos pública.
Nin para moita xente máis, e non nos estamos agora a referir á xente integrada na plataforma polo noso faro, senón a casos diversos. Casos como o que manifesta o comentario feito nun xornal por unha persoa de lonxe de Ribadeo, que bota a culpa de que a xente non vaia poder entrar na illa ó concello, por non conceder a cafetería… Suponse entón que o concello tería que conceder a autorización por riba das normas para que o concesionario deixara entrar á xente (que fora á cafetería, claro!). Consideramos que xa relaxou abondo o concello o seu celo ó non requirir algúns informes para a concesión do hotel. Pero máis aló do detalle, o que indica o caso é a confusión que se logrou instalar na xente en base a apoios tácitos nas institucións e nas novas, e, como consecuencia, á desinformación.
De calquera xeito, está claro que se a xente se pon a opinar é porque considera que pode facelo porque a illa e de todos, e sexa cal sexa a opinión, o ser consciente de que se pode opinar é un paso adiante a favor de considerar a illa un ben común.
E máis cousas que se poderían tratar. Por exemplo:
-din algúns que poderiamos ter chegado antes a isto que chaman loita. Mais como cidadáns de a pé non temos moita facilidade para conseguir información que puidera resultar contraria ós desexos de quen ten que subministrala, mesmo para enterarmonos do comezo do proceso. E, cando chegou un mínimo de información, tamén necesitamos tempo para facernos á idea das implicacións e comezar a mobilización. E o que pretendemos é manter a illa Pancha como ben común, e iso non e unha loita, unha batalla ou unha guerra, senón pretender a paz e traballar para poder disfrutar dela.
-non nos explicamos o acoso que sufrimos, tentando intimidarnos con ameazas, insultos e mentiras, en lugares de traballo, tirándose diante de coches ou, mesmo a semana anterior ó desescombro, cando un dos membros do grupo foi perseguido nunha rúa con xente ó tempo que recibía insultos, mentiras e ameazas. E si, neste tempo hai xente que se sentiu intimidada. Mais seguimos.
Non, a historia non remata cando comezan as obras. O mar e a illa van seguir estando, e nós procurando o que creemos mellor para todos. Así pois, só comeza unha nova fase.
Grupo ‘Por Nuestro Faro’