Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Ruinas non, patrimonio


Esta semana chegaron a min varias novas sobre conservación de patrimonio, en Ribadeo e en Barreiros. Patrimonio que non se circunscribe á natureza, caso das famosas Catedrais que tamén variaron como escenario esta semana (tanto a nivel legal como de rodaxe).

E é que a Deputación Provincial tivo pleno o martes e aprobou, entre outras cousas, para Ribadeo melloras no auditorio municipal (cuberta, humidades e sistema eléctrico) por importe de 60 000 euros. Patrimonio de todos, o auditorio leva moitos anos co problemas de humidades: non fai falta ser visitante asiduo para ter visto cubo de auga no chan ou a persistencia no teito do que aparece no debuxo, tomado dunha entrada do blog de 2008 (hai tamén unha foto na mesma entrada):

Coido que non é sen tempo a reparación…

Esta semana tamén Paisajes de Asturias, empresa que en Ribadeo ten a propiedade da maioría da Torre dos Moreno (o resto pertence a xente emigrada en suramérica e a través do concello a todos nós) e da casa dos Perecitos (na beira esquerda), e nas Figueiras do Pazo de Donlebún e o Pazo Trenor, ambos en restauración, comezou a demoler outra das súas propiedades en Ribadeo, o Cine-Teatro, tras deceas de anos de estar derrado e ter servido entre outras cousas de almacén para os amigos da Semana Santa. A súa demolición non será total: patrimonio considera afachada art decó con valor patrimonial, e quedará como fachada para o centro de actividades que se pensa construír alí. -Na foto do Sigpac, a situación do Cine-Teatro, na praza de Abaixo.

E, en Barreiros, por fin se comeza a por en valor un monumento megalítico, o Xacemento Arqueolóxico de A Roda, en Reinante, que algunha vez teño nomeado no blog como ‘henge’, logo desmentido:

 A vista do Sigpac, co xacemento na parte inferior esquerda, e na superior dereita a rotonda de desviación ás Catedrais na estrada nacional (preto dela, os Irmandiños, a división entre concellos Ribadeo-Barreiros atravesando a imaxe de arriba abaixo case polo centro baixando á esquerda, a finca ‘de arándanos‘ no centro da imaxe e o soterramento do gas ben marcadiño, como un camiño):


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *