Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A catedral da contradición


Onte e hoxe as Catedrais son nova. Onte, polo anuncio no DOG de que a aprobación do plan especial de protección das Catedrais non vai sufrir retrasos por cuestións medioambientais tras facer reformas menores. Hoxe, pola rodaxe de ‘A lenda do mar azul’ nas Catedrais. A foto corresponde ó acompañamento da nova de hoxe na web do concello. A mesma web na que, se se vai mirar sobre o desbloqueo do plan non se atopan nada nestes momentos, a pesares de ser un plan de protección promovido plo concello, inserta unha foto na que varias persoas están ó tempo sobre un arco debilitado mentras está clara unha cinta provisional -das que se usan en accidentes e accións policiais- para evitar que a xente se achegue ó cantil, onde se ve unha morea de persoas, mentras ó pé das rochas os curiosos toman fotos, máis ben parece que da movida sobre o arco que do propio arco. A mesma web que ten publicado fotos criticando abonda menos xente sobre os cantís.

Resulta que por un lado din que se protexen as Catedrais e por outro se celebra que se rode unha serie que estenderá máis aínda a base de visitas á praia mentres este verán se chegou ó tope oficial abondos días e se sobrepasou a conta de taxis, bus, hoteis… e a vixiancia relativa. Celebrándoo cunha foto que coido vai en contra dos numerosos carteis  que promoven a seguridade da xente que se achega e a protección da mesma beira fronte á súa destrución.

Veremos ‘The legend of the blue sea‘ na tele ou en internet, vai que si, e admiraremos en diferido a marabillosa paisaxe que temos ó pé da casa para que o admiren os turistas. Aproveitaremos o tirón económico, claro. E ó tempor rizaremos o rizo falando de protección. Así, cando por exemplo se caia o último arco, choraremos a perda, tentaremos sacar zume da columna que quedará e esqueceremos que a protección antural dos arcos levaría a unha duración maior, mais a indefensión da cuberta vexetal deixa sen terra protectora as rochas do cume do arco e acelera a súa destrución.

Cando van botar o capítulo da serie? Aficionarémonos a ver ‘The legendo of the blue sea’ ou ‘A lenda do mar azul’ a causa dese capítulo? Pasará a ser a protagonista megaestrela tamén aquí? Cantas preguntas por responder!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *