Ven de Escudo de Ribadeo (II)
—
A foto 1 é do escudo de armas de Ribadeo da Casa do Concello no Pazo de Ibañez. A foto 2 é do escudo de armas de Ribadeo que estaba no monumento dos bous, hoxe retirado por cuestións lexislativas da Memoria Histórica.
Estes escudos elípticos, son propios da dignidade eclesiástica dun bispo, dun arcebispo, dun cardeal e mesmo do Papa, pero non de dignidade civil ou militar, como é o escudo do Condado de Ribadeo. ¿Cal de todos eles é máis propio das armas de Ribadeo? Sen lugar a dúbidas o que ten formato cuadrilongo redondeado ou en punta, como o escudo da Virxe do Camín, o máis antigo, ou calquera dos que timbran coa coroa condal. ¿Por qué se lles deu forma elíptica a estes escudos modernos? Sen documentación que acredite de quen deu orden de gravalo así, é un enigma, pero quizais a bordura externa foi copia, feita a imaxe e semellanza do escudo do Pazo do Xulgado (que analizaremos nun próximo artigo) cuxo edificio tamén facía de Casa do Concello cando o alcalde de Ribadeo D. José María Castelao comprou en 1942 a Casa de Casas antigo Pazo de Raimundo Ibañez, para facer nela a Casa do Concello. Como podemos ver, ámbolos dous escudos non están timbrados (non teñen coroas, nin cascos ou celadas) e carecen de adornos exteriores.
Se nos fixamos na estrela destes escudos, que hoxe presentamos, tanto unha como outra aparentan ser de cinco puntas, pero a da Casa do Concello, abre no xefe e a punta principal está abaixo, inversada respecto da dos Bous (que é perfecta na forma e na posición) e aparecen outras cinco puntas por debaixo dos vanos angulares da principal, cuxo conxunto forma unha estrela de dez puntas, figura bastante insólita en heráldica, pois incluso os cometas se representan con oito puntas e o sol con un círculo rodeado por dezaseis raios uns rectos e outros ondulados.
As chaves en barra cos paletós das gardas cara abaixo en destra, están ben deseñadas as dúas respecto do “imperativo estético” do que falabamos no primeiro artigo. Podemos ver malos deseños desta forma da chave, nos “escudos de Ribadeo” que están nas bancadas cabeceiras do Cantón dos Morenos, cuxas chaves están en banda, e non en barra, e cos paletós de gardas cara arriba en sinistra. Menos mal que o cemento de que están feitos é de tan mala calidade que pouquiño a pouco, están desaparecendo.
Outra particularidade, son as ondas do escudo da Casa do Concello, parecen “rampantes” ou levantadas cara o lado destro. Un recurso artístico para facelas paralelas a inclinación da chave, pero unha anomalía heráldica pois carece de rigor. As ondas do escudo dos Bous, son regulares e están ben representadas a nivel, aínda que son cinco ou seis, e deberan ser tres reas soamente, igual que na bandeira de Ribadeo, con un pico encrespado a destra, como se ve no escudo da Virxe do Camín, ou con varios picos como no escudo condal.
O borde do escudo do Concello, con varias arquivoltas ou molduras parece máis ben o marco dun camafeo, unha excelente xoia para levar o “retrato da amada” ou as pinceladas dun artista, pero nada que ver coa bordura dun escudo de armas. A bordura sinxela do escudo dos Bous está perfecta para o escudo dun bispo. Para rematar, diremos que ningún dos dous é o escudo de armas de Ribadeo, aínda que leven as mesmas figuras ou mobles.
Volvendo a historia dos escudos eclesiásticos. Afonso VI “O Bravo” (1065-1072) rei de León e máis tarde (1072-1109) rei de Castela, León e Galicia (Rex Gallaeciae) cando encadea o seu irmán García II (rei de Galiza e Portugal) e asasinan tamén o seu irmán, Sancho II “O Forte” (1065-1072) primeiro rei de Castela, polo que o Cid lle toma xuramento en nome dos casteláns, na Xura de Sta. Gadea de Burgos para comprobar que non tivera que ver no asasinato de Sancho, seu gran amigo. Afonso VI, é un dos reis máis importantes da Reconquista que tratou de unificar os reinos cristiáns, impoñendo orden e autoridade, protexeu a cultura e acolleu os monxes de Cluny da orden de San Bieito de Aniano que fixeron triunfar a liturxia romana sobre a mozárabe ou toledana. Desta época data a fórmula do rito cristián de: “católico, apostólico e romano”. No ámbito cultural, Afonso VI (1072-1109) fomentou a seguridade do Camiño de Santiago, e introduxo a reforma cluniacense en Galiza, Castela e León.
Pois ben. A capela da Virxe do Camín ten indicios destas épocas de reformas, nos seus símbolos gravados. Por un lado o escudo de armas coas ondas e a chave en pau, que en moi alto grado de posibilidades, é o escudo dun prelado ou dignitario eclesiástico ou do superior dun convento. ¿Por qué este aserto? Sabemos que o poder eclesiástico non aceptou o escudo de armas do Concello na fachada da capela da Atalaia no preito de 1722 (Ribadeo Antiguo de Francisco Lanza, páxina 6), ¿por qué, no século XII, había de aceptar poñerlle un escudo de carácter segrar, civil ou militar, á fachada dunha capela afastada case un kilómetro do recinto amurallado do casco de Ribadeo?. Ademais, sabemos, que nos tempos de Alfonso VII (1126-1157), D. Munio Vallibriensi Episcopo (Bispo de Vilamaior de Vallibria o actual Mondoñedo) e o Conde D. Rodrigo Vela Montenegro, fixeron reparto “amigable” de parroquias e terras o 21-Maio-1128: “(Afonso VII) querendo poñer paz entre os bispos da Igrexa Mindoniense e os Condes daquelas terras… porque moitos males, litixios, discordias e contendas xurdían entre bispos e condes… pois como si foran reis, oprimían a xente, razón pola cal aquel territorio estaba sempre en excomuñón”.
Por outra banda, a orde de Cluny, fundada a primeiros do século X, fíxose cun imperio monástico de priorados autónomos moi podentes e foise apartando no século XII das novas ordes relixiosas, entre elas, da cisterciense de San Bernardo de Claraval ou Clairvaux, que rebatía o desbaldir de luxo, orgullo e vaidade en que se fora convertendo a orde de Cluny. Pero en favor de Cluny hai que dicir, que máis que os seus dereitos de autoridade da época feudal, proxectaba arte, arte monástico que é prototipo de formación do gran estilo románico e sobre todo, do concepto da decoración de gran valor artístico, ó entre mesturar figuras dos tres reinos da natureza: mineral, vexetal e animal, entre estes a figura humana pintada en escenas evanxélicas ou exercitando artes e oficios. Quizais algún mural houbera nalgún tempo nas paredes interiores da Capela da Virxe do Camín, e coas “reformas” do século XVI desaparecera.
Pois ben, a Orde Cisterciense, que relevou a Cluniacense, tamén está reflectida na fachada da entrada da capela da Virxe do Camín, nesa grande cruz de Malta pometeada, da que xa falamos nun artigo anterior.
Polo que vemos na Historia, Ribadeo, sempre tivo que ver co negociado eclesiástico e co civil da Administración Pública e si non foi dunha maneira foi doutra, sempre tivo que andar pelexando polo de seu, pois sempre houbo “algúns elementos” que trataron de desposuílo dalgún honor ou prebenda do que gozaba ou goza. Non cabe dubida de que antes, como a día de hoxe, debemos de seguir ollo a espreita para non perder nunca a nosa idiosincrasia, carácter e temperamento tan particular que nos caracteriza e do que temos que sentirnos moi orgullosos, pois nunca fomos sacarlle nada a ninguén e aquí veñen a arrebatárnolo todo: Xulgado de Primeira Instancia e Instrución, Capitanía Marítima, incluso parece ser que andan detrás de levarnos a Alfándega (da cal “so temos” 800 anos de historia), quixeron sacarnos o Mercado un montón de veces, levaron a Capitanía da Guarda Civil, quedamos sen un triste barco de pesca nin mercante, sen Navieras, nin Consulados, nin Sanatorios, sen Base Marítima… e agora parece ser, que ata no Faro da Illa Pancha van facer un dúplex, unha falcatruada, e os “grandes políticos” locais e autonómicos, non son capaces de promover absolutamente ningunha fábrica nin industria de riqueza para Ribadeo, só temos bens de servizo. Por si fora pouco, a algunhas “grandes superficies” deixáselles facer un muro de formigón armado a escasos seis metros da estrada de entrada por Dompiñor, e nin sequera retirarse seguindo a liña da fachada dos edificios adxacentes, cando a outros negocios semellantes se lles obrigou a facer accesos amplos por medio de túneles por debaixo da estrada, retirando decenas de metros as fachadas porque ían ser urbanizacións amplas de carácter comercial, e agora cando se acababan de facer accesos amplos con beirarrúas pagados con diñeiro público, tamén se deixou facer unha gasolineira pegada a rotonda, e gustaríanos saber ¿qué tipo de criterio se sigue para o desenrolo do famoso PXOM de Ribadeo, posto que, polo que vemos a “vara de medir” non é a mesma? Por un lado a un veciño que se lle ve poñer un ladrillo de máis ou pintar unha parede dunha cor “estraña”, cáenlle “as corenta e unha”, e a certa tropa de simples especuladores, iso si, con algúns cartos para especular, se lles da “patente de corso” para que fagan o que lles pete. ¿Isto é loitar contra o caciquismo e implantar a democracia ou é a continuación da “dedocracia galega”, que non é calquera cousa, pois eiquí ten moitísimos anos de pedigrí?
En Ribadeo no verán quedamos sen prazas hoteleiras para a inxente cantidade de visitantes, e aqueles vellos hoteleiros, navieiros e empresarios morreron e non houbo ningún relevo xeracional, para dar traballo de cotío. Soamente cunha pequena industria co presuposto dun tramo do AVE árabe a Meca, ou co simple costo dunha porta de esclusa do Canal de Panamá, teríamos o porvir asegurado en Ribadeo. Pero… aquelas vellas familias fidalgas de Ribadeo, a Ribadeo veñen a “descansar”. Non se instalou en Ribadeo a CEPAL (Central de Papeleiras Libres) para fabricar 60.000 Tm de papel prensa o ano e 40.000 Tm. de produtos varios, e agora exportamos polo porto de Ribadeo, centos de miles de toneladas de pasta de papel de primeira calidade. ¡Inaudito!. Sen embargo, non perdemos a esperanza, pois para crear riqueza, podemos pensar en compensar o tema, esperando que “un día destes” apareza a señorita París Hilton por aquí, que anda de xira polos arredores, lle bote unha ollada á Torre dos Morenos, á Aduana Vella, á panorámica de Sta. Cruz, ás Catedrais… e nos monte un Casino Hilton Hotel de cincocentas habitacións, salas de xogo, etc. onde se poida empregar moita xente e mover todo o ano riqueza e ata a “carracuca”, como no Ribadeo Indiano do verán ¡ay, Ribadeo Antigo, industrial, autónomo e cheo de encanto, canto te boto de menos!