Atardecer de onte sobre a Illa Pancha, por José Lombardero Bellón |
Onte espertábase o día en Ribadeo con ceos despexados que se cubriron ó pouco. A nova do día, un titular de ‘La Voz de Galicia’ que daba conta de que o día anterior, martes, tivera lugar unha Xunta de Goberno municipal na que se daba licenza para as obras de habilitación do vello faro da illa Pancha como hotel, mentras se rexeita a construción da cafetería na illa.
Aforrando pasos, cara a última hora da tarde o grupo ‘Por Nuestro Faro’ emitiu un comunicado. Antes, o concello tamén emitira unha nota de prensa. Embaixo deixo ambas con algún comentario.
Comunicado de ‘Por nuestro faro’:
¿ADEUS, ILLA PANCHA ADEUS?
O Concello de Ribadeo ven de acordar a concesión da licencia municipal para poñer en marcha un hotel de duas suits na Illa Pancha e aplazar a instalación dunha cafetería baixo cuberta de plástico. Ou sexa a decisión política de Suarez e o BNG de dar todo tipo de facilidades a este proxecto vai adiante con tódalas consecuencias. Estas serán que a destrucción da Illa Pancha, tal como a coñecemos ate agora está garantida. Anque polo dagora non se autorice a cafetería, o simple comezo das obras, as medidas de seguridade, a presencia de automoveis, furgonetas, materiais de construcción, persoal, cartelería, etc. xa determina un cambio irreversible na imaxen e na situación actual da illa e o do faro.
A disculpa do alcalde cando declara que a licencia para este proxecto debe ser concedida preceptivamente contrasta co sua decisión política de rexeitar o galpón que a empresa Galigraín proxectaba no porto de Figueirúa en febreiro de 2008. Daquela Suarez levou ao pleno e conqueriu a rexeita por unanimidade, mesmo sen que se chegase a presentar o proxecto técnico. Esta foi unha decisión política pura e dura, daquela Suarez tiña catro concellais, agora ten once, a lexislación é a mesma pero os intereses políticos son outros. A Illa Pancha vai quedar convertida nunha estrafalaria reliquia do pasado polas comenencias da carreira política dunha persoa e @s suas compañeir@s de viaxe. Porque non nos engañemos, se ben a promoción inicial foi do Ministerio de Fomento, coa colaboura da Xunta de Galicia, a tramitación posterior do expediente deixa tantas portas abertas e ten tantas carencias que o Concello de Ribadeo tiña infinidade de oportunidades de conxelalo ou mesmo suspendelo. Dende a falla de informe da Rede Natura 2000, de memoria económica e de sustentabilidade, ate as contradiccións cas recomendacións da Reserva da Biosfera, pasando polo dubidoso proceso de convocatoria e exposición pública, o alcalde estaba perfectamente autorizado para darlle marcha atrás se non tivese decidido lévalo adiante dende o primeiro día. O mesmo os incumplimentos de prazos e os aprazamentos sucesivos. O expediente debeu de entrar no concello de ribadeo nos primeiros meses de 2014. A data exacta non a sabemos pola obstrucción informativa de Suarez. Dende esa data ate a publicación por El País dun informe sobre a reconversión dos faros, o 22 de Abril de 2015, o alcalde non deu nengún tipo de información e a exposición pública se a houbo levouse co máximo sixilo. As suas declaración a El País non deixan lugar a dúbidas: O proxecto era “un premio para Ribadeo” polo ben que se levaba a política urbanística. Repárese no contido da frase.
Ata aquí chegamos. O colectivo “Por Nuestro Faro” carece de recursos para enfrontar unha demanda xudicial pero non imos quedar calados. Consideramos dende o comezo que a Illa Pancha non se debe privatizar nen coverter o faro nun hotel porque forman parte dun patrimonio sociocultural irrenunciable, eso por enriba de outras consideracións legalistas, ambientais ou economicistas e imos seguir nesa teima. A ILLA PANCHA E DOS RIBADENSES E DE ADEUS A ILLA PANCHA NADA.
Colectivo “POR NUESTRO FARO”
E a nota de prensa da alcaldía:
“OS CONCELLOS SOMÉTENSE A ACTOS REGRADOS”, DI SUÁREZ BARCIA
Faro da Illa Pancha
13/07/2016
O alcalde, Fernando Suárez, asegura que “o Concello fai o que debe, da as licencias que se teñen que dar e denega as que non se poden outorgar”. Na xunta de goberno celebrada nas últimas horas o Concello concedía a licenza para a conversión en hotel do Faro da Illa Pancha e denegaba a licenza para a apertura dunha cafetería nese lugar, xa que conta con informes desfavorables de Patrimonio, do Plan de Ordenación do Litoral e de Costas.
O rexedor contou que “nesta última xunta de goberno se deu licenza municipal para a conversión do Faro da Illa Pancha nun hotel e rexeitouse ao mesmo tempo para facer un anexo dun bar cafetería”.
Suárez Barcia foi contundente: “teño que dicir, debemos dicir desde o goberno municipal, que o Concello fai o que debe, fai o que ten que facer, que é dar as licencias que se teñen que dar e denegar as que non se poden outorgar. Digo isto porque se os informes previos que teñen que ser preceptivos e vinculantes, é dicir, obrigatorios e que ademais hai que facerlles caso… se estes son positivos si que hai que dar a licenza de obra, e se os informes preceptivos e vinculantes non son favorables o Concello non pode dar a licenza de obra”.
O alcalde ribadense explicou que “se pediron os informes preceptivos e vinculantes á Autoridade Portuaria, ao POL, a Patrimonio, a Costas do Estado, a Urbanismo, que depende da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, todo isto é o que se chaman actos regrados. Témonos que someter os Concellos a unhas regras, non temos liberdade para facer o que nos pete. O alcalde e a xunta de goberno non teñen a liberdade caprichosa de dicir isto gústanos e si lle damos para adiante e isto non nos gusta e non lle damos. Non podemos facer o que queiramos, senón o que debamos e o que teñamos que facer tanto eu como todos os meus compañeiros e compañeiras da xunta de goberno”. E engadiu: “e o que debemos facer é iso, dar unha licenza para a conversión dun faro en hotel porque é correcta e non dar a outra para facer un bar cafetería porque é incorrecta e non se axusta ás normas e conta con informes desfavorables de Patrimonio, do Plan de Ordenación do Litoral e de Costas”.
Coido que hai que comentar ao menos algunhas cousas.
Primeiro, aclarar que a licenza ten que ser comunicada oficialmente para a súa aplicación.
A nota do concello saiu antes de que fora emitido o comunicado do grupo. Logo considerou que a decisión ‘había que explicala’ para que a xente ‘comprendera’. Hai un dito que se ben é certo que non sempre se axusta ós feitos, soe dar bos resultados na súa aplicación: ‘excusa non pedida manifesta acusación’. Tanto é así que parece pervivir dende tempos de uso do latín: ‘excusatio non petita, acusatio manifesta’.
A nota do grupo cónstame que foi realizada sen coñecer a nota do concello, tendo coñocemento só da nova titulada ‘El pintoresco faro de la Illa Pancha de Ribadeo será reconvertido en un hotel’ da Voz de onte mércores. Puxen os dous documentos en orden temporal diferente para que tivera algún sentido.
Entendo que máis aló da vulneración das leis de protección Natura 2000 e outras, do tratamento opaco e asimétrico da información, aínda están presentes outras cuestións, como os prazos; que a concesión é nula, pois neses momentos (13 de xullo) xa tiñan rematado varios prazos que implican a caducidade do contrato, co que a licenza estaría dada en base a unha concesión inexistente.
Dende onte, a enaxenación dun ben común e a loita porque non sexa así deu un xiro. Mais non rematou. Coido que a etiqueta ‘illa Pancha’ ten aínda un longo recorrido no blog.
—
Última hora:
Apenas pasou unha hora dende a publicación e xa hai novidades: o concello non deu resposta polo momento á petición de
información cursada polo Valedor do Pobo o día 17 de xuño. Coido que
cando menos, iso non se corresponde coa explicación de neutralidade e
sinxela administración de papeleo dada na nota de prensa. “14/7, 9 e pouco da mañá:da oficina do Valedor do Pobo comunícannos en
conversa telefónica que remitiron petición de informe ao concello o dia
17/6/16, dándolle un prazo de 15 dias para respostar. a día de hoxe,
case un mes despois, non hai resposta. Aclara que esperan outros 15 días
(ou sexa en total un mes) antes de reiterar o requerimento e que nos
notificarán a resposta, se se produce ou a non, no prazo de 30 dias.
Lembrou que (mesmo discurso do alcalde) as licencias son actos
regrados, polo que o concello ten que conceder a licencia se os
informes son favorables. Mais ó ser preguntado por se os informes non
poden ser discutibles, ou os ten que aceptar o concello preceptivamente,
deunos a razón de que os informes poden ser discutibles. Así ós
informes da rede natura e de viabilidade económica. Foi ó facer estas
precisións cando o interlocutor comezou a cortar dicindo que agora había
que agardar a resposta ou non resposta do concello. Velaí a
transparencia.“