Onte, 26 de maio, apareceu na web do concello, con catro días de antelación, a convocatoria do próximo pleno, que será o luns 30. En realidade, dos dous próximos plenos, pois haberá un ordinario e un extraordinario o mesmo día. Un conxunto que non lembro que ocorrera ata agora. Estamos de noraboa.
A nota de prensa é curta, mais vai acompañada de dous documentos que completan a información:
O primeiro é o pleno extraordinario, convocado para as oito da tarde, para concederlle a Lalo, Eduardo Gutiérrez, o título de cronista oficial. A lembrar que no seu momento xa lle pareceu ben a tódolos grupos, aínda que houbo queixas por non ter sido unha decisión compartida:
O segundo é o ordinario. Nel, tras a aprobación do pleno anterior, aparece unha dación de contas sobre o cumprimento da lei contra a morosidade nas operacións comerciais, redactado dun xeito que hai que ir na procura da lei para enterarse. Os dous puntos posteriores complementan o segundo punto. O punto quinto tamén vai de economía, e coido que con máis importanciaque os anteriores, pois trátase da aprobación do feito co orzamento do ano 2015.
Os dous puntos seguintes son en relación cos créditos para este 2016. Chama a atención que a pequena nota de prensa non dedique unha soa letra a este conxunto económico, que só foi tratado na nota de prensa correspondente ás comisións informativas previas ó pleno, sacada o mesmo día das comisións.
Os puntos restante corresponden á xestión preceptiva para a baixa dunha arma vella da Policía Local, a petición para a cesión por parte da Deputación de viais na zona das Catedrais, a modificación da ordenanza medioambiental e o control dos órganos, asuntos todos, excepto o último, que apareceron xa nas novas nalgunha ocasión.
A petición de cesión de viais implicará no futuro un control maior por parte do concello da zona das Catedrais, e tamén un maior gasto da institución para o seu coidado. Na actual tendencia a unha maior cooperación Concello-Xunta, implicaría un maior poder negociador do Concello. Mais a cuestión é o que se vai facer con iso, e coido que non está claro, ao menos, cara á cidadanía, e menos aínda, que se vaia propoñer unha apertura ó cidadán para a participación no futuro da zona. Por certo, que non aparece para este pleno a moción presentada polo PSOE na que presenta unha proposta para un regulamento de participación cidadá.
En canto á ordenanza medioambiental, trátase de aceptar unha alegación ó xa aprobado no pleno ordinario pasado no sentido de que haberá unha praia para cans, e a presencia dos mesmos estará prohibida no resto en Semana Santa e tempada de verán. Só.
Complétase con dúas mocións, unha sobre o catastrazo e outra sobre o apoio á plantilla de Alcoa-San Cibrao.
Por certo, o parágrafo de entrada coido que indica algo da precariedade na que se atopa o concello no que respecta á secretaría. Coido que non afecta moito a temas coma este, pero poidera afectar a outros.
Agora xa podes ir enterado ó pleno do próximo luns.