Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

UNHA VELLEZ EN SOIDADE. Artigo de J.Mª Rodríguez


Copio do blog de José Mª:

Aí están. Sós nas súas casas. Ese é o seu destino. Vellos sen
familia. O froito dunha sociedade de progreso. Vellez en soidade. Dise
que “de vello dúas veces neno”. Pro nas súas vidas non hai nenos que
lles fagan rir e lembrarlles a súa propia nenez. Están sós. Cun
horizonte negro por diante. Algúns cruzan apenas un saúdo co veciño que
teñen no piso do lado. Outros, en casas illadas nas súas aldeas, rumian
en soidade os nostálxicos recordos do seu pasado. É a idade da
decrepitud, da debilidade.


E están incomunicados, divididos, illados. Non se ven entre eles. Nin
sequera un e-mail para contarse as súas penas. Incapaces de xuntase
para reivindicar os seus dereitos. Gostaríalles saír á rúa para facerse
oír. Gritar a súa soidade e o seu abandono. Pro a súa voz, debilitada
polo paso dos anos, non é mais ca un eco entre as catro paredes da súa
casa. Algúns agardan a chegada da traballadora social. Unha hora de
compañía. E outra vez sós.


E a súa familia? Uns perderon a tódolos seus seres queridos. Outros a
teñen traballando moi lonxe. Non poden coidalos. Chegarán sós ó final
da etapa. A súa familia aparecerá, seica, no último momento pra recoller
os seus escasos bens. É o progreso.  Sós na vida e sós na morte. Cada
día se ven máis casos.


E a sociedade? Inmersa no intenso ritmo da vida, do traballo e a
diversión. Traballo lle custa poder sobrevivir. Non ten tempo pra
acordarse deles. Xa non lles son útiles. E, como “a can vello todas son
pulgas”, as súas escasas pensións apenas lles chegan prós seus gastos.
Unha miseria. Eles… ¡que tanto loitaron pra poder ter este que chamamos
“estado de benestar”! Chegaron á vellez sen aforros. O diñeiro gañado na
vida foilles roubado en impostos para manter lacazás e no pago da
chamada seguridade social que agora se torna en abandono. A súa pequena
paga apenas chega pra unha residencia pública.


E non son poucos. Uns 270 anciáns soamente en Ribadeo. E todos
maiores de 80 anos. Pro están calados. A súa voz non se oe. A súa mirada
xa está apagada. As institucións públicas poden estar tranquilas. Non
van saír a gritar polas rúas nin exhibir as súas pancartas
reivindicativas. Non son un problema. Porque os vellos non teñen voz. A
súa voz está apagada, cansa. Pobres vellos. Que sós quedan!

 Obras de José Mª Rodríguez

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *