Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Un novo pleno baleiro (de xente, non de contido)


Como manda a costume e o impón o xeito de facer as cousas, o martes houbo un pleno no que asistiron de público catro persoas, periodistas incluídos. Non debía de ser moi importante, pois total, só se trataban cousas de pouca monta como o orzamento municipal.

Por partes. O documento que apareceu na web do concello dando difusión á convocatoria do pleno de martes 29 de marzo de 2016 teno tempo de colgado na rede en ‘Lun 28 Mar 2016 21:01:21 CEST’. Tendo en conta que o se comezo eran as 20:30 do día seguinte, menos de 24 horas de antelación ‘con nouturnidade’. De calquera xeito, aínda que non se chegue ó recomendable, representa unha mellora sobre o xeito de facer as cousas tan só un ano atrás, onde dita difusión non existía máis aló dun papel perdido no taboeiro do concello.

Por certo, como pequeno comentario: hai xusto un ano outro pleno modificaba outra vez a ordenanza municipal da praza de abastos. E hai ano e medio, outra vez. A pobre debe estar xa mareada.

A convocatoria estaba incluída nunha nova de difusión do concello:

Novas

Foto Concello

A SESIÓN DARÁ COMEZO ÁS 20:30 HORAS


Pleno ordinario


28/03/2016

No pleno ordinario que se celebrará mañá,
martes, no Concello ribadense someterase a aprobación o presuposto
municipal para 2016 que ascende a 9 447 000 euros, o que supón un
incremento do 4% con respecto ao do ano pasado. Nos orzamentos
destínanse a investimentos reais 1 767 000 euros, segundo explicou esta
mañá o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor sinalou que á sesión de mañá “van varios asuntos de
interese municipal e dos mais transcendentes pode ser o presuposto
municipal para este 2016, que ascende a 9 447 000 euros. Sofre un
incremento do 4% con respecto ao do ano pasado e no que hai que destacar
que en materia de ingresos de impostos directos e indirectos seguen sen
experimentar subidas mais aló do que ten que ver co IBI, mais aló da
regularización que levou a cabo o Ministerio de Facenda, a través da
Dirección Xeral do Catastro, derivadas de unidades que non foran
declaradas anteriormente polos seus propietarios. E hai outro
incremento, que é o do imposto da plusvalía, non porque subiramos os
ratios nin as taxas nin as porcentaxes, senón motivado por un maior
movemento que se está a experimentar nos últimos tempos nas compra
vendas de bens inmobles aquí en Ribadeo”.

Suárez Barcia indicou
que “no que ten que ver co gasto e coas transferencias correntes
incrementan un 7,85% para transferencias a distintas áreas como pode ser
educación, servizos sociais, medio rural, cultura, deportes, turismo,
etc… e no que ten que ver cos investimentos reais ascenden a 1 767 000
euros. Mantemos o nivel de investimentos do ano 2015 e destacan para
este ano as partidas para a anualidade da residencia e para as obras de
reparación de rúas da Área de Rehabilitación Integral de Ribadeo, e
tamén doutras actuacións importantes en obras e asfaltado en rúas e
camiños, en mobiliario urbano, en instalacións deportivas, etc”.

O
alcalde subliñou que “tamén neste ano contemplamos, e esperemos que
sexa de inicio nada mais, a posible concertación dunha operación de
crédito bancaria para facer fronte, si é preciso, para financiar a
construción da residencia, desa parte non comprometida inicialmente polo
Concello, si comprometida por algunha outra administración como a
Xunta, que a día de hoxe nin está nin se lle espera, si o compromiso da
Deputación Provincial de Lugo, pero en tanto non teña aprobados os seus
orzamentos obríganos ao Concello de Ribadeo a concertar esta operación
de préstamo que inicialmente establecementos en 550 000 euros. Si
efectivamente a achega da Deputación despois chega esta operación
cancelaríase e quedaría amortizada, pero en todo caso é boa cousa
prevela porque queremos que a residencia se acabe con toda normalidade”.
E engadiu: “e relacionado con isto último destacar que se reducen os
xuros da débeda bancaria que había no pasado, porque hai anos que non se
pide préstamo algún e reduciuse o 64% por vencemento de préstamos, é
dicir remataron a súa vida aínda que foran solicitados hai anos. Durante
estes últimos anos estivemos pagando e reducíronse moitísimo e iso nos
da capacidade de certo endebedamento, que tentaremos que sexa o mínimo
posible, por suposto”.

Na sesión ordinaria de mañá, 29 de marzo,
ás 20:30 horas tamén se someterá a aprobación a modificación puntual de
varias ordenanzas: “propoñemos as modificacións puntuais de varias das
ordenanzas que temos. No que ten que ver coa nosa compañeira Luz, que é a
concelleira encargada da escola de música, prevé a modificación da
ordenanza deste centro para incorporar varias posibilidades formativas,
como poden ser os obradoiros de instrumentos para alumnado de 6 a 7 anos
ou mesmo, en vista da demanda que está a ter como complemento da música
tradicional, tamén se quere propoñer a creación da materia de percusión
tradicional, así como a ampliación de catro a cinco cursos académicos
das materias de danza moderna e de ballet clásico; por outra banda, a
concelleira de Sustentabilidade Ambiental, Paz Ermida, propón a
modificación da ordenanza vixente de medio ambiente, que data do ano
2006, para a creación dun espazo exclusivo para o esparexemento, para o
lecer e para o baño de cans, que ao mesmo tempo teremos que sinalizar
axeitadamente”.

Suárez Barcia dixo que “na actualidade hai un
grande número de persoas no concello que teñen un can como animal de
compañía e sabemos que teñen restrinxido o seu acceso a moitas zonas,
como espazos públicos, e entón desde o Concello somos sensibles a unha
demanda crecente e estivemos nestes últimos tempos a traballar na
habilitación dun espazo que fora utilizable para estes potenciais
usuarios e ao mesmo tempo que garanta o cumprimento das condicións
hixiénico sanitarias para a poboación de Ribadeo. E o espazo que
eliximos como área exclusiva de esparexemento e lecer para os cans
atópase situado debaixo da Ponte dos Santos practicamente, indo para o
Cargadeiro nunha baixada cerca da primeira pilastra da ponte, que é un
lugar moi pouco concorrido e por esas condicións parécenos axeitado como
un primeiro espazo público para que os donos de cans poidan estar con
eles alí con total normalidade e ao mesmo tempo que non molesten noutros
espazos, singularmente noutras praias. Tivemos varias posibilidades e
inicialmente decantámonos por esa, sen prexuízo de que no futuro se
poidan estender a outros emprazamentos”.

Ademais “hai outra
ordenanza na que a nosa compañeira Ana Martínez, a concelleira da praza
de abastos, do mercado e de Desenvolvemento Local, pretende facer
pequenas modificacións: é na da praza de abastos e dos mercados en
xeral, dado que ultimamente hai novas tipoloxías, modificacións de
mercados e de postos, polo que hai unha suma de pequenas cousas que
debemos ir facendo para adaptarnos aos tempos e que os mercados e a
praza de abastos de Ribadeo estean cunhas ordenanzas modernas, dinámicas
e flexibles”, seguiu a explicar o alcalde ribadense.

E
finalmente “como outro punto neste pleno prevense unhas modificacións da
Relación de Postos de Traballo (RPT), que son uns cambios moi pequenos,
moi concretos, moi puntuais derivados basicamente do que ten que ver co
posto de traballo do xefe da Policía Local, en cumprimento dunha
sentenza que indica o deber de subsanación das deficiencias no tocante
ao seu complemento específico; por outra banda, a consignación económica
do posto de Tesourería, dado que foi incluído polo Ministerio de
Facenda hai moi poucos meses no concurso estatal reservado a
funcionarios de habilitación estatal precisamente e como ata agora
sempre estivo vacante debémolo consignar por este requirimento legal. E
ao mesmo tempo tamén queremos facer unha pequena reordenación das
funcións do posto de ordenanza municipal e a adaptación a outra praza
similar, neste caso diminuíndo as retribucións do posto en cuestión”,
concluíu o alcalde.

Como se ve, a nova remata cunha longa cita do alcalde.

Despois do pleno, outra nova cun título que expresa ás claras os puntos importantes do pleno, e como non, remata con outra cita do alcalde (despois de ser outras citas o groso do texto, como no caso anterior). Por certo, aparecen aclaracións: o alcalde asegura que os partidos recibiron hai 11 días a documentación do orzamento, e iso porque no pleno queixáronse de non ter tempo a leela, e por iso as abstencións que houbo:

Novas

RIBADEO CONTARÁ CUN LUGAR DE BAÑO PARA OS CANS


Orzamento para 2016


30/03/2016

No pleno celebrado onte no Concello foi aprobado
o orzamento municipal para 2016 que ascende a 9,5 millóns de euros. O
alcalde, Fernando Suárez, asegurou que os partidos da oposición
recibiron hai 11 días a documentación correspondente e cualificou de
rechamante a súa actitude. O rexedor considera que si tiveron problemas
coa recepción por correo electrónico da información puideron dirixirse
ao Concello e consultar en formato papel dita documentación.

Suárez Barcia dixo que “foi un importante pleno este ordinario que
celebramos onte á noite, no que se abordaron unha serie de puntos
importantes para Ribadeo. Eu penso que todos son importantes, pero hai
un que destaca, que é o orzamento do Concello de Ribadeo, que neste ano
ascende a practicamente 9 millóns e medio de euros, o cal supón un
aumento dun 4,03 por cento. Cóbrense investimentos importantes que nos
afectan a todos, tanto á xente que vive nas parroquias como á que reside
na vila. Hai que ter en conta que cubrimos practicamente 1 800 000
euros de investimentos reais, que son financiados con recursos propios
do Concello e con outros procedentes doutras administracións. Son para
poder manter e repoñer nas distintas áreas do concello con obras de
asfaltados en rúas e camiños, en mobiliario urbano, instalacións
deportivas, etcétera, aparte de todo o investimento que queremos seguir
mantendo en servizos sociais, en cultura, en deportes, en igualdade,
etcétera”.

Sobre a actitude mantida polos partidos da oposición
na sesión plenaria dixo “debo destacar que é un pouco sintomático que
estes puntos outros anos sempre daban lugar a debates, pois é lóxico que
a oposición a veces queira expoñer os seus argumentos e contrastalos, o
cal nos parece moi ben, pero este ano é un pouco rechamante que a
maioría da oposición dixo que non recibira ben o correo electrónico con
esa información e que polo tanto non o podía debater. Eu quero dicir que
toda a documentación que se manda a través dos procedementos
electrónicos chegou 11 días antes da celebración do pleno e se houbo
algunha incidencia tiveron tempo para vir comunicarllo ao funcionario
responsable dos envíos; e en todo caso, máis aló dos envíos a través dos
correos electrónicos, sempre obra na Secretaría do Concello unha copia
en papel e todos os expedientes, como todas as Corporacións e todos os
gobernos anteriores foron facendo ao longo da historia, xa que antes non
se mandaban as convocatorias nin a documentación por correo
electrónico. Agora, por unha deferencia, faise, pero desde logo se
alguén non as recibe pode comunicalo porque se mandan con moita
antelación. Varios grupos da oposición abstivéronse, non quixeron votar a
favor deste orzamento, pero non por discrepar con el nas cifras ou
polas liñas de traballo, senón porque dixeron que non recibiran o correo
electrónico 11 días antes”.

O alcalde indicou que “este
presuposto acaba de nacer, pero afortunadamente hai unha parte que
tíñamos comprometida a través dun préstamo bancario, que en función
destas noticias positivas para a provincia, e tamén para Ribadeo, de que
a Deputación Provincial no día de onte aprobou o seu orzamento anual,
entendemos que o compromiso que o goberno provincial do PSOE e do BNG
con Ribadeo para asumir aquela parte que case toda a Corporación, non
toda lamentablemente, lle pedíramos porque se a Xunta non facía fronte
ás súas responsabilidades e aos seus compromisos de financiar aquela
parte de 500 000 euros para rematar a residencia de maiores si o faría a
Deputación. Como finalmente no día de onte o organismo provincial
aprobou o seu orzamento, confiamos e entendemos que nos próximos días se
fará un convenio para garantir economicamente ese compromiso político
con Ribadeo. E así o Concello de Ribadeo non terá que acudir a un
préstamo externo para poder sufragar esa cifra”.

Fernando Suárez
manifestou que “hai que ter en conta que nestes últimos anos, e así se
reflexa no orzamento deste 2016, os xuros da débeda con entidades
financeiras reducíronse un 64 por cento; por unha banda polo vencemento
dos préstamos, dado que hai anos que non se piden, e por outra banda
pola tendencia á baixa nos tipos de xuro para as operacións que están
aínda en vigor de anos atrás. Pero con todo, con esta boa noticia da
Deputación o nivel de endebedamento crediticio non sufrirá aumentos,
senón todo o contrario”.

O rexedor dixo que “na orde do día foron
aprobados de xeito unánime ou case unánimes, tanto a modificación da
ordenanza municipal medioambiental na que contemplamos un espazo para
esparexemento e baño para os cans. Empezaremos cunha zona moi pequeniña
situada debaixo da Ponte dos Santos. Se iso funciona ben igual
poderíamos crear outras zonas, pero de momento empezamos por aquí. Tamén
foi para adiante a modificación da ordenanza reguladora da praza de
abastos, mercadiños e venda ambulante e por unha ampla maioría se
aprobou a modificación da ordenanza da escola de música para prever
algunha nova incorporación de servizos, aumentar algún curso no que ten
que ver con baile moderno e ballet, percusión tradicional e algúns
outros cursos e obradoiros demandados pola cidadanía. Non hai que
esquecer que esta Escola de Música de Ribadeo da servizo a más de 300
alumnos e é un orgullo para Ribadeo e para Galicia contar con ela”.

Suárez
Barcia engadiu que “dentro do apartado de rogos e preguntas que fai a
oposición moitos deles con total fundamentación como poñer algúns
espellos que faltan, amañar algúns camiños que non están ben dos que
tomamos boa nota sobre todo nun acceso a Ribadeo que depende do
Ministerio de Fomento, na rotonda da Opel, que se fixo hai uns meses un
corte e que a reposición non está correcta, e desde logo xa dimos conta
ao Ministerio de Fomento desta incidencia”. E tamén se referiu “a estas
incidencias que se dan no polígono industrial de Ribadeo a conta dos
fallos de telefonía de Movistar, no que lles comentamos aos corporativos
que hai moi pouquiños días por parte desta operadora se nos  asegurou o
compromiso de resolver dunha vez por todas esta incidencia e que os
máximos responsables a nivel galego ían vir aquí a dar a cara diante de
todos os usuarios e empresarios do polígono industrial de Ribadeo”.

Polo que me contaron (non asistín), debeu de ser un pleno realmente curioso [non sei como non vai máis xente para observar as curiosidades] que mesmo tivo un receso que foi ofrecido para que o membro dun partido clarificara as ideas en relación a unha proposta do propio partido, chamando a quen correspondera. Os orzamentos non tiveron discusión, cousa inédita aínda tendo maiorías absolutas o equipo de goberno, e que é reseñada na glosa do alcalde.

E, despois das verbas do alcalde… nada máis que dicir.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *