Unha nova remata de lembrarme as roldas de prensa de Rajoy por pantalla de tv. Aínda que sexa moi diferente.
Resulta que o PSOE de Ribadeo propoñerá gravar os plenos e colgalos da rede. Non se trata de roldas de prensa en plasma para evitar preguntas que poden resultar desabradables, senón dar difusión a unha cousa que debera ser participativa e básica pra rexir a vida en común en Ribadeo, os plenos.
coido que é un paso adiante. Atao de agora, o que hai público sobre os plenos, despois do pleno, son as actas, que, ben colgadas no mostrador do concello, benna web, cando están, pode dicirse que repelen á vista e son difíciles de manexar.
O caso é que coas actas escápanse matices que co vídeo non escaparían, e aínda que tragarse un pleno en diferido non aporte moito, nada, en relación a estar alí, presenciándoo en directo, sempre permite unha consulta polo miúdo. O dito, é unha medida cara adiante.
Pero totalmente insuficiente. Non se trata de difundir cara ó pobo o que pasa nos centros de poder, senón de que o pobo tome o poder que nominalmente é seu.
Nas actuais circunstancias, se a xente non vai ós plenos é por cousas como que se teña cocido o importante antes dos plenos nas comisións, que sexan longos e tediosos, que non haxa información anterior sobre os asuntos a tratar, que se fale sobre temas coñecidos para os plenarios e descoñecidos para o público, que se pretenda facer retórica sen base ou que se fraguen enfrontamentos dialécticos por cuestións de partido ou nimiedades habendo acordos e pase de cuestións importantes sen discusión. E parte do dito podería ir amañándoo a proposta, pero da asistencia ós plenos (en diferido ou presencial) á participación aínda hai un treito. Para cando se cubrirá?
Unha lembranza: o estatuto de participación cidadá segue no caixón despois da xa vella votación dunha proposta que ignorou ós veciños para presentar algo que ignoraba na práctica a participación veciñal.