Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Ribadeo en venda


Van dez anos dende a publicación de ‘Ribadeo falls‘, sobre o que daquela chamei as ‘casas caíntes de Ribadeo’ (tamén daquela no xa extinto ‘publicado en Ribadeo’). Moito teñen cambiado algunhas cousas no noso pobo. Moi poucas daquelas ‘casas caíntes’ seguen hoxe en estado de ruína, aínda que non estaban todas as que eran, e dende aquela incorporouse algunha máis ó club. De calquera xeito, agora os derroteiros van por outros camiños.

Imaxe de ‘Ribadeo falls’

Hai unhas semanas aparecía na Voz, da man de José Alonso, unha nova lembranza de que en Ribadeo hai edificios interesantes en venda. Interesantes no sentido de interesantes para a poboación, non no de ofrecer ou non unhas boas condicións para que podan parecer baratos.

En concreto, daba nota de tres edificios que xa levan tempo no mercado. Este post é só para lembrar o patrimonio común (aínda que sexan porpiedade privada, forman parte do pobo), e ampliar algunha cousa.

O primeiro é a chamada ‘aduana vella’. En venda hai anos, tense ofrecido como lugar para hotel. Construido como pazo no 1726, ten dado moitas reviravoltas, sendo usada como casa de Pedro Miranda Villamil (comerciante da época do Marqués
de Sargadelos), aduana, fábrica de salazón e convento (na ocupación do edificio do Convento de Santa Clara na invasión napoleónica). Dise que ten un túnel
que conectaba co mar na zona da Cova da Vella. Ten 340 m2 de planta, tres plantas, edificación xunta doutros 60 m2 e conexión entre ambos dous edificios e un patio. Foi obrigada á restauración hai pouco tempo. Era ofertada por dous millóns de euros.

Escudo e balconada.
Fachada leste.
Vista da ría e das Figueiras.
Cara ó norte: entrada da ría.
A fachada sur do conxunto.
A Aduana, sendo remozada, captada por Google earth
Vista dende Porcillán, no Google earth

 O edificio non só é vistoso, senón que tamén ten vistas…

Cadro de José R. Saavedra co edificio da aduana á esquerda.

Outro, a casa indiana da Axudantía de Marina. Segundo puxen no seu día, a casa que durante moitos anos ten sido a sé da Axudantía de Marina tamén é de indianos. Está situada entre a Casa de Torres e a capela de San Roque, rematando cara ó centro do pobo o grupo de catro casas de indianos (as outras son a Casa de Rodríguez Blas e a Casa de Andés)

A casa, tal como se ve hoxe mesmo no Google Earth
A casa, como a referín no 2007
A casa, hoxe

Está localizada en San Roque 12. Foi mandada construír por Francisco
López García no 1886. Ten cerrazón da finca con murete e verxa. Fachada
principal con columnas de fundición, balcón con rexas metálicas e
miradoiros tamén metálicos. Tres plantas e baixocuberta, de planta 265 m2 (Medidas polo SIXPAC), fan un total de preto de 1 100 m2, distribuídas hoxe en tres vivendas despois de ser concebidas como unha soa: De igual xeito que a aduana, ten sido usada para diversos menesteres: vivenda, axudantía ou lugar de ensino. Na actualidade ten 12 habitacións e cinco cuartos de baño. Ten un xardín abondoso.

As tres plantas teñen un aspecto moi diferente xa na fachada
principal: na entrada, dúas columnas de fundición manteñen o balcón
superior, con miradoiros metálicos a ambos lados. Esta casa foi incluída no paseo do ‘Ribadeo Indiano’, como testemuña diante dela un pé para un código QR hoxe inexistente.

Prezo: 800 000 €

O terceiro, unha das casas do cantón, o nº 27 de Pza. de España:

A casa, hoxe mesmo.

No cantón da pza. de España, a disposición (Google earth)

Tres plantas, baixo comercial (ocupada por Ven de viños ata o momento) e máis. Ronda os cen anos co seu señorío: balcóns sobre a praza, participando na arcada do cantón, a altura dos seus teitos mantén a liña coa da Torre dos Moreno, e os ventanais non deslocen do conxunto. 430 m2, nove habitacións e tres baños, terraza e un pouco de terreo. Precio:
485 000 euros.

Outra, en Rodríguez Murias, 11,
750 000 €, 963 m², 24 hab segundo o anuncio. A planta baixa, duns 160 m², acompáñase de 3 plantas duns 220 m², (si, máis grandes que a baixa, segundo o anuncio). O local comercial, anteriormente unha entidade bancaria, de aproximadamente 100 m², está “totalmente acondicionado, con
posibilidad de ampliar superficie hacia planta baja del edificio. Cuenta
con acceso a terraza desde planta baja y jardín en la primera planta.”

E máis: en Amando Pérez 26, 250 m², 250 000 €, “Totalmente rehabilitado (…) Espacios muy luminosos y tranquilos (…) Ventanas con cierre puente térmico.” 

… etc.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *