Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Vaia espectáculo. Artigo de José Mª Rodríguez Díaz


A continuación, o artigo de José Mª Rodríguez sobre a postura actual e pasada do PP sobre a residencia.  Na miña opinión, o que pretende o PP/Balseiro coa polémica, é que se fale do PP, seguindo aquela sentencia de propaganda: que se fale, aínda que sexa mal:


VAIA ESPECTÁCULO





O que naceu como un soño de concordia entre os representantes
políticos e os veciños do Concello de Ribadeo acábase de converter
nun verdadeiro espectáculo vergoñoso, organizado e dirixido polo
PP, baixo a batuta do seu Secretario, o Sr. Balseiro. Que pretende?
Desacreditar ó actual Alcalde. E como? Facéndoo culpable dos
incumprimentos da Xunta coa residencia. Pra que? Pra remover o
principal obstáculo que ten o PP pra facerse coa alcaldía de
Ribadeo.

 

A residencia, dende o sur, en obras (20151110)



O Secretario Xeral do PP, que nunca se interesou por esta vila,
preséntase agora como o seu titor e protector. Pretende conseguir
deste xeito o perdón dos veciños de Ribadeo polo mal comportamento
da Xunta e os seus votos futuros nas vindeiras elecións.



A súa estratexia: lanzar sobre a persoa do Alcalde desta vila todas
as súas frechas, aínda sabendo que todas as actuacións do Alcalde
responden as decisións tomadas pola Comisión pro Residencia.



Pra iso non dubida en acudir a mentira: acusalo de estar bloqueando
a colaboración da Xunta durante quince meses. A que foi tantas
veces, pregunto, a Comisión pro Residencia a Santiago, Sr. Balseiro?
A pedir axuda ó PP ou a bloqueala? Vai convencer con estas mentiras
ós veciños de Ribadeo?



Se de verdade o Sr. Balseiro, e con el o seu PP, queren unha
residencia pra Ribadeo, tal como din, que o demostren cos feitos. A
posición da Xunta sobre esta residencia foi, durante longo tempo,
negativa. As repetidas instancias dos veciños de Ribadeo á
Consellería de Benestar solicitado esta residencia foron sempre
ignoradas. As primeiras respostas da Consellería á Comisión pro
Residencia, á que ó primeiro se negaba a recibir, foron sempre de
rexeitamento. Afirmaba a Conselleira que en Ribadeo non había
demandantes en lista de espera, e que, en todo caso, o ideal que
pretendía a Consellería era o de coidar ós maiores nas súas
propias casas.



Onde estaba o Sr. Balseiro e o seu PP cando un pequeno grupo de
veciños pisaba tódolos barrios deste Concello pra recoller a
opinión dos veciños sobre a necesidade dunha residencia? E agora
sáenos o novo PP dicindo que eles son os primeiros interesados nesta
residencia. Lédame a súa nova postura, pro non é iso tentar
recoller o que outros sementaron?



Cando o Sr. Balseiro acusa ó alcalde de que está a manexar a algúns
representantes dos veciños, debe saber algo ó que o PP non está
acostumado. Que os veciños convenceron ós portavoces políticos,
incluido o alcalde, de que son eles os que han de estar a disposición
das inquedanzas dos veciños, como así fan, agás o novo PP.

 

Vista leste da residencia (20151111)



Esíxelle agora o Sr. Balseiro ó Alcalde de Ribadeo que achegue un
Informe sobre a xestión e financiamento da residencia. Un Informe
como o do Gaiás, Sr. Balseiro? Esixiu ese Informe a Xunta de Fraga
pro seu descomunal investimento no Gaiás? Coñece xa o Sr. Balseiro,
a quen corresponderá esa xestión e financiamento? E agora o Sr.
Balseiro, non contento con descualificar ó Alcalde, pide – suponse
que ós veciños – “que non se siga defendendo a un alcalde que
cos seus actos de bloqueo pon en perigo a financiación da
residencia”. Quen politiza agora este proxecto, Sr. Balseiro? Un
proxecto que naceu baixo o compromiso de todas as forzas políticas
como un ben superior dos veciños, renunciando pra iso a todo
lexítimo proveito partidista, acaba agora sendo utilizado polo PP do
Sr. Balseiro, pra tratar de derrubar ó alcalde de Ribadeo. Tarde
piaches. É que non lle serviron de experiencia os resultados das
pasadas eleccións locais, Sr. Balseiro?

 Obras de José Mª Rodríguez

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *