Xa se vía vir. O consenso político pola residencia de Ribadeo rompeuse. Rompeuno o PP. Catro anos de loita pola unidade e o consenso dos portavoces políticos para a consecución dunha residencia para Ribadeo, acábanse de tirar pola borda. Catro anos nos que os portavoces políticos o foron do pobo e non do seu partido. Catro anos nos que o portavoz de entón do PP, o Sr. Valín, que tendo claro a quen representaba, antepuxo os intereses do seu pobo ós intereses do seu propio partido, e que lle custou o seu futuro político. Nun exercicio de responsabilidade inesperada tódolos portavoces políticos daquela comprometéronse nobremente ante os veciños de Ribadeo a loitar todos xuntos por unha residencia. E este consenso deu os seus froitos. As obras da residencia están próximas a terminarse. Os anciáns de Ribadeo terán, ó fin, a súa residencia na súa propia localidade.
Pro pouco dura a felicidade na casa do pobre. O PP de Ribadeo, fiel servo do seu señor, o PP, rompeu o consenso da Comisión prol Residencia. Negouse a asinar un escrito ao novo Conselleiro de Política Social, pra reclamándolle o cumprimento do compromiso adquirido pola súa Consellería de achegar 500.000 euros pra as obras da residencia. O medo a sufrir o mesmo destino co que o PP castigou ó Sr. Valín, paralizounos. Hai que ser obedientes ó partido, porque “el que se mueva no sale en la foto”. ¿E os intereses dos veciños que os elixiron pra que representase os seus intereses no Concello? Que lles dean! Ou, como dicía o seu mentor político en Ribadeo, “si los veciños quieren algo que se presenten a las elecciones”. O noso é defender ó partido.
E sen sentir sequera vergoña, apoian a súa postura en que o Concello non achegou a documentación requirida pola Consellería de Política Social. O criterio, tanto o do Sr. Secretario municipal como o do Sr. Interventor quedou ben claro: unha cousa é a construción e outra distinta a súa posterior xestión. Os 500.000 euros prometidos pola Consellería son para a construción. Da súa posterior xestión non se poden achegar información, porque se descoñece o seu alcance e detalles, que están sen definir por mor das competencias nesta materia.
Acusan o alcalde de Ribadeo de vender fume. O edificio en construción situado detrás do Instituto non é fume. É un edificio moi avanzado, futura residencia. Iso é o que o alcalde, xunto coas demais forzas políticas e os veciños, venden.
Confunde o portavoz do PP á opinión pública ó afirmar que o alcalde pediu os 500.000 euros pró equipamento da residencia. Sabe que non é verdade e non pode demostralo. Pretende enganar a opinión pública. O equipamento é outra cuestión distinta e posterior, cuxos achegues económicos están aínda sen definir.
Os intereses dos veciños de Ribadeo no caso da residencia están perfectamente canalizados ás administracións competentes a través da Comisión pro Residencia, da que Vds. ata agora formaban parte. O que Vd., Sr. Portavoz do PP, pretende é establecer unha estratexia política, utilizando os intereses dos veciños de Ribadeo, para vencer políticamente ós outros partidos e recibir os parabéns do seu. Todo moi lonxe do que é o servizo ós cidadáns: a utilización política do servizo municipal.
—
Artigo anterior: Novas da residencia