Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Nota de prensa de O Tesón sobre o seu futuro (20151013)


O pasado sábado 10 de outubro tivo lugar a asemblea da AVV O Tesón.

Alí viuse que a asociación ven desenvolvendo as súas actividades en plena forma e con apoio de preto dunha centea de socios, pero cunha falta grave: a de participación dos propios socios, implicándose de cheo nas actividades desenvoltas.

As principais discusións xiraron precisamente sobre que os socios apoian, mesmo de xeito económico, pero non participan. A baixa participación en actividades convocadas pola asociación e a nula renovación fai pensar á directiva que, de seguir así, nun próximo futuro a asociación podería chegar a estar totalmente desligada da base social, o que se entende como algo que non se desexa, algo que hai que evitar.

Por iso se propón un novo enfoque para o futuro. Un futuro dentro da mesma asociación, se un grupo de asociados aglutina con novas ideas a ilusión que conduciu as actividades ata o momento, ó que sumariamos o apoio da actual directiva dunha sociedade en plena forma pero que necesita unha renovación para non deixar de cumprir a súa misión.

Se polo contrario os asociados estimaran que a a asociación cumpriu o seu ciclo vital non dando resposta ó desafío ó que se enfronta, a actual directiva remataría as actividades en marcha, faría un resume dos case trece anos da historia social e desprenderíase dos activos da sociedade, doándoos para maximizar o seu impacto social. O anterior, preservando a documentación básica que permitiría no futuro, se é o caso, aproveitar unha institución que estamos seguros que pode contribuír a un futuro compartido en Ribadeo, aínda que entendamos que debe renovarse coa participación e implicación social.

En calquera caso, cada membro da directiva é consciente de que lle queda por aportar moitos graos de area na construción dun Ribadeo mellor para todos, dentro de O Tesón ou con outro formato social. Por outra beira, somos conscientes de que un novo enfoque é necesario para que a nosa sociedade cumpra cos seus fins en sintonía cos asociados, como veu facendo ata agora, dun xeito do que estamos orgullosos.
Agradecemos ós socios e a toda a sociedade ribadense o apoio dispensado ata o momento. É precisamente o responder do mellor xeito posible a este apoio o que nos leva a propoñer esta renovación dende a mesma directiva.

Ribadeo, 20151013


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *