**Artigo escrito para a revista da parroquia, verán 2015**
Verán, máis luz, temperie máis agradable, máis alegría, festa! O
pobo, a xente, o noso pobo, os pobos, énchense de festa. No caso de
Ribadeo, a vila ten aumentado ás festas ditas relixiosas (por orde
de achegamento á idea de Ribadeo, a patroa, San Roque, O Carme,
Corpus…) outras máis turísticas, folclóricas, mercantís, como a
nova dos indianos ou a xa vella (e cambiada dende a súa orixe) xira,
ou mesmo actividades que non son declaradas como festas pero tentan
achegarse a ese ambiente festivo de diversos xeitos, como a feira do
libro e a súa animación de ambiente do pobo durante o seu
transcurso.
A luz e o bo tempo ten elevado os ánimos das persoas de sempre. E
cando se queren representar eses ánimos, aparece entón a luz. De aí
a ligazón de moitas festas co solsticio de verán e máis aínda, de
aí que na primavera, cos días máis amplos e luminosos, comece o
ánimo de festa. Ánimo que acada o clímax cos eventos festeiros do
verán, marcando un atraso en relación ás estacións astronómicas
parello ao desfase que manteñen as temperaturas, que acadan o máximo
anual a comezos de agosto.
Estamos no verán. Estamos en festa.
Tempo hai, a festa era patrimonio da relixión, máis aló da
advocación santeira que a simbolizaba. Tiña algo de sagrado o
dispor de bens en exceso durante un curto período, aínda que
despois del viñeran as penalidades cotiáns. Algo herdado -ou non-
doutros tempos anteriores nos que o ánimo de vivir concibíase
relacionado con deuses máis mundanos, que intervirían no día a día
das persoas e os seus problemas. Hoxe parece que volvemos a eses
vellos tempos que non se foron nunca de todo.
As festas relixiosas teñen máis tradición, pero ó tempo que se
desnaturalizan co espectáculo ou a diversión allea ó motivo da
festa e que o substitúe, teñen que competir con outras novas,
emerxentes, saídas hai pouco da imaxinación da xente. Aí a dos
indianos, pero tamén outras moitas que tentan usar a lembranza do
medievo, dos celtas, ou do que sexa, para crear ambiente e mover o
comercio, e propiciar máis diversión, en competencia tamén cos
medios tecnificados de hoxe en día ós que non lles é necesaria a
idea de ‘festa’. O sentido da festa está a mudar. Xa non é só o
dispor dun algo -tempo, produtos que consumir- propio e apropiado ó
perfil da festa, senón o facer fincapé na evasión do día a día,
nunha certa emulación da transcendencia por uns momentos cheos con
actividades con caducidade programada pero retomables de xeito máis
ou menos continuado.
A Igrexa non ten o monopolio festeiro; é máis, está quedando en
minoría na convocatoria festiva. Por iso debe imprimir a marca de
calidade nas súas propias festas, que as distinga e as faga
prosperar non só no tempo, senón de xeito moito máis profundo, nos
corazóns. O pobo, a vila, estará en festa, pero será o pobo, a
xente, o que sexa unha festa.
Antonio
Gregorio Montes