Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A cara e a cruz da festa


O éxito de xente e negocio do Ribadeo indiano estivo á vista. Por se quedaran dúbidas, a ineludible nota do concello gabándose do feito pon números, que estimo mesmo se poden quedar curtos en canto a impacto económico, calculado a razón de pouco máis de 100 €/persoa: 25 000 persoas, 3 000 000 euros de impacto. Felicitémonos todos. Non só foi máis impactante que o pasado ano, senón que se espera que vaia máis.

Pero claro, as moedas soen ter cara e cruz, por moito que ás veces, con eso de que vemos unha soa parte, a cruz pareza inexistente. Tres fotos dun tramo de rúa, de onte pero que poderían ser tomadas hoxe mesmo martes á mañá, manifestan algo desa cruz, acompañada de mexos en lugares como portas de garaxe, vasos ou botellas rotas pola rúa, berros a media noite ou música alta a deshora. Quizais é que cando se está na festa e se vai descansar a outro lugar non se ten conta destas cousas… pero isto tamén reflicte o impacto do Ribadeo Indiano.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *