Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Nota de prensa de Ribadeo en Común


Desde Ribadeo en Común queremos agradecer a súa confianza ás 271 persoas que nos deron o seu apoio nas pasadas eleccións; tamén a todos os que se achegaron aos colexios electorais a depositar o seu voto; lamentablemente por só 15 votos non puidemos obter a nosa primeira representante no Concello.

Nestes meses pasados, veciños e medios locais téñennos preguntado que fariamos se non acadabamos representación: sempre respondemos que seguiriamos a traballar para mellorar Ribadeo, e agora chega o momento de cumprir coa palabra dada: seguiremos a traballar, como até agora de xeito aberto, para poñer en marcha e apoiar cantas iniciativas xurdan a prol dunha economía sustentable e diversificada, para defender uns servizos públicos de calidade e promover o coñecemento e a conservación do noso patrimonio natural e histórico. Seguiremos, así mesmo, a pedir máis transparencia e participación veciñal en Ribadeo, en coherencia cos acordos asinados polas forzas que conforman a corporación, e como ferramenta esencial na prevención da corrupción.

En todo caso, os resultados da pasada fin de semana non deixan lugar a dúbidas: as xentes de Ribadeo seguen a respaldar no equipo de goberno actual, e deron un apoio maioritario á lista do BNG – Asembleas Abertas. Por iso, a plataforma veciñal Ribadeo en Común desexa sorte e bo criterio ao goberno entrante, na esperanza que a chamada á participación e a transparencia que reflicte o seu lema de campaña comece a se reflectir en algo máis efectivo. Se é o caso, terá en Ribadeo en Común un colaborador xeneroso e leal no deseño e posta en marcha de propostas de futuro para o noso concello.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *