Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Conservación da natureza, conservación de nós, desenvolvemento da zona


Onte tivo lugar a primeira actividade do ciclo da AVV O Tesón “Visións do medio ambiente dende Ribadeo“, a proxección da curta vídeo documental “Desarrollo y vinculación del turismo con la conservación de la naturaleza”. Tanto no vídeo como despois na charla entre o público asistente quedaron patentes unha serie de liñas que estruturan os proxectos de éxito neste campo:

En primeiro lugar, a integración das actividades económicas entre natureza e comunidade, aproveitando os propios feitos diferenciais, a propia cultura vital, histórica, da comunidade, a carón do medio ambiente que se quere conservar e aproveitar.

En segundo lugar, unha organización cooperativa. Non ter por que estar constituída especificamente de cooperativas, senón que debe estar baseada na cooperación entre os actores integrantes, sexan cooperativas ou pequenas empresas.

En terceiro lugar, o uso de canles de difusión innovadoras. Non é necesario neste sentido ser especificamente innovadores, senón saber usar as innovacións recentes para dar difusión ó produto e achegar a variedade de actividades de posible desenvolvemento de xeito conxunto á sociedade á que vai dirixida a oferta.

Outro punto, e aquí paro, aínda que había máis, a implicación da xente nova como motor do proxecto. O apoio comunitario aporta o acervo que a xente nova pode aproveitar: non ten que por que estar soa no proxecto; xente maior tamén se pode implicar, axudar parcialmente, a horas, en particular nos estadios iniciais.

Naturalmente, unha visión acolledora dende a estrutura política é convinte, pero non se debe confundir ese apoio coa política de subvencións, que remata aplastando o futuro desenvolvemento a conta do aproveitamento particular de subvencións públicas específicas, como tamén se analizou na charla.

O documental, realizado a partir de experiencias italianas, deixaba ver de xeito nidio os factores expostos, así como outros, en calquera caso, todos aplicables ó desenvolvemento dunha actividade económica relacionada co comunitarismo e o medio ambiente, tamén na bisbarra ribadense. Foi un bo comezo da serie de tres actividades, das que a próxima será “Máis aló das Catedrais: biodiversidade en Ribadeo e arredores“, conferencia a cargo do biólogo ribadense e Master en xestión Mariña Óscar Chao Penabad, que terá lugar o sábado 18 no salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo, ás 20:00 horas.

Momento do vídeo “Desarrollo y vinculación del turismo con la conservación de la naturaleza”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *