Ría de Ribadeo. Hai tempo que xente diversa, entre a que destaca Evaristo Lombardero, en entre a que me atopo, reclama un plan de ordenación natural da ría (‘PORNA’), que fixe e protexa o entorno.
En ausencia dunha visión de conxunto plasmada nun documento dese estilo, hai proteccións diversas pola inclusión da ría en espazos dun ou outro tipo, de xeito parcial ou de conxunto, e tamén continuas agresións á súa integridade como conxunto natural. Pola parte asturiana na actualidade un emisario de Castropol estase a construír para verquer directamente á ría, do mesmo xeito que hai anos que fugas en diversos lugares, ou pequenos emisarios levan diversos restos a lugares da ría onde non debera de haber contaminación. Pola parte galega, ribadense, pídese por segunda, terceira ou cuarta vez a destrución da enseada da Vilavella mediante un dragado para poder usala como porto para embarcacións deportivas, dun ou outro calado ou tipo, e, dende hai pouco, a variación da bocana do actual porto deportivo para protexer mellor as embarcacións e aumentar o número de amarres, din.
A foto anterior foi obtida o sábado en marea baixa. Vese xusto sobre a praia dos bloques e á dereita o que queda da enseada da Vilavella. E podemos facernos unha idea do que habería que dragar, que é o que se pide. Pois alí tense proxectado, a nivel programa electoral dalgunha formación hai unsa nos, un porto deportivo. Agora non se pide tanto, senón saída para embarcacións deportivas, de clubes que practica deporte, non de embarcacións de clubes náuticos. De calquera xeito, a foto está aí, e o impacto pode imaxinarse non só de xeito directo sobre ela, senón tamén na vista do sigpac que deixo embaixo, entre a praia e o espolón dos bloques, ó norte, e o Puntal, ó sur.
En canto á variación que agora se pide sobre o porto deportivo, o razoamento da petición que tomo do xornal está claro: non se fai porque portos di que non hai cartos.
Deixo a visión do sigpac de como está a cousa na actualidade no porto deportivo:
Nela aprézase a bocana, a protección da bocana na zona sur e o diferente grosor dos espolóns sur e norte. O que se pretende é o seguinte, recollido dun documento publicado pola Voz de Galicia:
É dicir, ganar máis de cen metros ó espolón norte para abrir unha bocana máis pequena (40 m) na parte sur, co que as ondas que poideran entrar (menos, por estar máis ó sur) irían dar sobre o feito no recheo dos noventa, ganando prazas e seguridade de oleaxe, e aumentando o tempo de saída das embarcacións co que leva aparexado. Segundo as informacións no xornal, cartos debera haber, pois Portos saca do porto deportivo ribadense 400 000 €/ano, petición de prazas hai… xa sería necesario dragar (no caso de variar a bocana sería necesario dragar máis, evidentemente) e un pecio preto da bocana actual non se vería afectado/molestado polas obras. Todos contentos. Si?
A modo de distendemento e curiosidade deixo outra toma do sigpac onde se ve unha lancha fronte a Ribadeo a toda pastilla sobre a ría, con velocidade calculable polo ángulo que forman os surcos. Evidentemente, as normas de velocidade son incumpridas, e o documento está na rede. Evidentemente non lle pasaría nada a dita lancha.