Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Catedrais, Ribadeo, futuro


Hai algún tempo saltou ós medios que o plan preliminar para As catedrais estaba listo. Pouco despois recollín nunha entrada as ligazóns e algún pequeno comentario. Dez días despois volto ó tema.

Dende a entrada no blog, pouco ou nada se sabe dos anunciados encontros do alcalde con empresarios e veciños da parroquia, de comentarios sobre os detalles do plan ou de alegacións. De novo, a participación parece ausente dun proceso que a necesita.

Pasei a vista por un dos documentos que liguei na entrada sobre o plan das Catedrais. O que corresponde á ‘literatura’, e certamente, está feito segundo unha estrutura máis ou menos tipificada que entendo fai difícil que se podan facer aportacións máis aló de apreciacións nun sentido ou noutro. é dicir, dificulta a participación veciñal se non se ten un apoio extra á documentación.

Non obstante, a precaución debe ser un método tamén fronte a documentos deste tipo. A maior parte do documento (54 p en total, portada incluída) pásase coa descrición de características, é dicir, tentando centrar o tema. Pero, fixándome nalgunha cousa que coñezo máis ou menos, a tenor do que levo recollido sobre a temperie da zona, diría que as temperaturas e outros datos meteorolóxicos, por exemplo, son collidas dun ano só, polo que non son representativas. En canto á xeoloxía, fala de cantís duns 10 m, e punto, sobre unha zona que abrangue dende o límite con Barreiros ó entrante de Esteiro, pasando polo arcos das catedrais, o que entendo que é abondo reduccionista. O documento fai un listado de empresas, incluídos os café-bares (non fala de cafeterías ou tablernas, que é de entender que irían no mesmo grupo), e atopa que en Ribadeo hai 17. E non me saen os números (conta ti que estás a ler, a ver se te saen). Entre as páxinas 18 e 20 aparecen diversas estatísticas sobre os sectores de traballo nos que está empregada a xente. E de novo hai contradicións entre números e porcentaxes. Pequenos detalles que ben é certo que non marcan cousas graves, pero que en conxunto fan caer a dúbida sobre os resultados que os empregan como xustificación.

Máis adiante, unha sorpresa: hai listaxe de actividades permitidas, permisibles e prohibidas. O bar instalado alí non está prohibido.

Permítese o fondeo e amarre de embarcacións, o uso deportivo, o aeromodelismo (que pintará esa actividade no entorno?)… mentras as actividades científicas necesitarán unha autorización previa.

O documento remata dun apartado adicado ó seguemento e avaliación, recoñecidas como ferramentas básicas, e ás que se adica media páxina das 54.

Ben, non son comerciante nin da Devesa. Por suposto, o alcalde non se reunirá comigo igual que coa grande maioría da xente de Ribadeo. Tampouco se establecerá un servizo de atención por exemplo mediante a web (para pedir a entrada no futuro si será mediante a web). E seguramente non alegarei: tempo, técnicas de documentación, etc farano difícil. Así, quedará ó final escoller entre un dos tres niveis de protección (non vou entrar en detalles) que levan a:

Criterio de ocupación intensivo: 11 444 persoas/día

Criterio de ocupación medio:
5 722 persoas/día

Criterio de ocupación baixo: 2 289 persoas/día

Criterios de onde saen os números que manexaban os medios días pasados. Parece que, por conservar a cara, o criterio de ocupación intensivo queda descartado a priori. Entre os outros dous criterios, tamén parece que a elección estará subrogada a outros ‘criterios’ diferentes do da protección que ensalza dende o primeiro momento e durante varias páxinas o documento presentado.

Nota posterior: parece que os actos anunciados pola alcalde serán precisamente hoxe, e que serán ‘informativos’. É dicir, máis ben tentarán de suplir a lectura do documento que outra cousa, polo tanto, non participativos…


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *