AVV O Tesón
Nota de
prensa
–
Resume 4ª
charla Ribadeo a Debate. Visións de Ribadeo.
José
Ramón Rodríguez-Sabugo Fernández,
‘La evolución de Ribadeo desde
mi llegada’
Coa charla de José Ramón Rodríguez-Sabugo remata o
ciclo ‘Ribadeo a debate. Visións de Ribadeo’ organizado pola AVV
O Tesón. A charla versou sobre datos relacionados con feitos que
tratou ó seu paso polo concello durante o período 1957-1989, no que
foi secretario do concello en Ribadeo.
Comezou lembrando algún aspecto de Ribadeo á súa
chegada, como a existencia da fábrica de conservas de Peláez no que
despois pasaría a ser Cultivos Mariños, ou a aínda recente daquela
adquisición da Casa de Casas para casa consistorial, realizada polo
entón alcalde Castelao, como xurdiu despois na quenda de discusión.
Pola súa intervención pasaron un conxunto de historias paralelas,
amosando por exemplo a evolución da traída de augas dende as fontes
do lobo, en tempadas moi inferior a un litro de auga cada segundo,
pasando pola construción do encoro do Rego de Lexoso, con capacidade
xa de 8 L/s (ano 1959) e a correspondente estación depuradora, e
chegando á situación actual, con recollida no río Eo á altura de
Vilarbetote, a construción da estación depuradora e da rede de
traída (1979), cunha capacidade de subministro en punta superior a
100 L/s
Outra historia diferente, a que máis vertebrou a
charla, foi a da ordenación urbana, dende a realización dun plan de
aliñacións polo sr. Barrera, das Minas de Vilaoudriz, pasando polo
‘Plan de necesidades’ (un ‘plan estratéxico’), no que se
chegou a deseñar a piscina, ó PGOU de todo o concello, 1969, que
foi orientado á Ponte dos Santos, solicitada no 1965. Este plan foi
aprobado inicialmente no 1970, pero non definitivamente, tendo que
facer a partir de 1975 ata o seu remate en 1977 unha variación
debido á nova norma que apuntaba que as rúas non debían ter nas
súas beiras unha altura maior que a súa anchura. Os intentos
posteriores para un novo plan tamén foron repasados, poñendo de
relevo a existencia de planes parciais para adecuar o vetusto plan ás
necesidades que se foron vendo, e o freo que supuxo nalgunhas
ocasións, como para a construción dun polígono industrial.
Polo medio da charla foron xurdindo os datos sobre a
construción do Ribadeo da segunda metade do século XX, de
cantidades precisadas ó xeito de como se fixo fronte a elas por
parte dun concello sempre necesitado de cartos: subvencións,
contribucións especiais dos veciños, créditos, recurso a
Gobernación Civil ou a Deputación… Tan necesitado que no mesmo 57
foi necesario un crédito para rematar de aboar ó persoal a paga de
xullo. A partires dese momento, o concello tomou medidas para ir
adelgazando a cantidade de persoal.
Pasaron pola charla a inauguración no 1958 do Parador e
o Monumento ó Gaiteiro, no 1959 a realización da rúa Antonio
Otero, pagada por Portos, no 65/66 a realización do tramo
Parador-Praza de Abastos, con custe de dous millóns e medio de
pesetas, e aportación do 90% do custe pola comisión provincial de
servizos técnicos, e para a que houbo que expropiar os
correspondentes terreos, o tramos seguinte Praza de
Abastos-Instituto…
Porcillán-Figueirúa presentou unha anécdota: foi
concedido sen ser pedido. a corporación municipal aceptou e
afrontouse a partir dun préstamo e contribucións especiais, en dúas
fases con complicacións diversas e subvencións do 60% e 75%.
Saíron tamén a colación as vicisitudes para que o
acceso á Ponte dos Santos fora polo lugar onde estaba previsto no
plan aprobado de xeito inicial, a realización da Casa da Cultura no
antigo Colexio de Santo Tomás, a erección no 1981 do alumeado
público actual e asfaltado de diversas zonas, sufragado cunha
subvención de vintecinco millóns de pesetas sobre un total que se
aproximaba ós 100 e para afrontar o que os ribadenses tiveron que
aportar de novo contribucións especiais.
O Matadoiro pasou pola charla cunha data clave, 1984, co
dilema entre facelo comarcal ou local (o que foi descartado), despois
de sucesivos avisos e ampliación de prazos para que se pechara o
matadoiro que funcionaba ata entón e se realizara un novo conforme á
normativa imperante.
A educación tamén tivo o seu lugar, dende a
realización un albergue escolar no edificio da parte de atrás do
concello, a realización dunha escola de nenas na súa parte alta, ou
posteriormente a gardería infantil, ó desenvolvemento da zona
escolar, comezando coa construción do Instituto tras unha cesión de
terreos polo concello e mentres seguía funcionando o colexio de
Santo Tomás, a conversión no 1969 do Instituto Laboral en Instituto
Técnico, os avatares do campo de prácticas (que non chegou a
existir de xeito desenvolvido, pero onde si se fixeron prácticas) e
a súa conversión en terreos dos actuais Colexio Público Gregorio
Sanz, Centro integrado de Formación Profesional e Pavillón
polideportivo.
O tempo non daba para máis, pero aínda así o
conferenciante nomeou a concentración parcelaria, a electrificación
rural ou o existencia en Ribadeo do primeiro servizo automático de
telefonía da provincia.
En resume, a charla representou un alude de información
sobre máis de trinta anos de historia ribadense, completada en
asuntos concretos na parte de preguntas e discusión. Unha charla que
deixou nos asistentes a sensación dunha ocasión única.