Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Que hai do meu? (II)


Pois iso: catro na sá. Xa se tratara o tema considerado ‘de alta intensidade’ porque afectaba direitamente ó peto dunhas cantas persoas (que procuraban solucionar ‘o seu’, aínda que fóra a conta do público, é dicir, a conta ‘de todos’), e se pasaba a cousas ‘de todos’ e polo tanto, parece ser que ‘de ninguén’, que ‘para iso están os políticos’. Ben, os entrecomillados anteriores son meus, igual que as frases entrecomilladas, e creo que representan unha realidade: a desafección do pobo polo común, que implica unha deixación de soberanía aproveitable por exemplo, para a instauración dunha ditadura mesmo a partires dunha democracia formal, algo do que non é a primeira nin a segunda volta que se fala no blog.

Case vacía a sá, comentouse unha moción de urxencia para facilitar a construción dunha depuradora en Reme, en terreo privado cedido ó concello, e outra en Porto, en terreo do estado, ambas tendentes a que a ría de Ribadeo sexa tratada como se merece, e ambas coa participación da Xunta e cesión posterior ó concello para o seu mantemento. Cun pequeno comentario a cargo do PP sobre a aposta da Xunta por Ribadeo, foi aprobado por unanimidade.

Outra moción de urxencia foi presentada polo PP para amaño e melloras na rúa S. Lázaro, correspondente á estrada LU5207, polo tanto, encamiñada a pedir á Deputación, a súa titular, o seu arranxo. Unha charla rematou incluíndo a estrada da Lodeira, LU5202, no paquete, así como a petición da transferencia das dúas, unha volta desligada a ponte do ferrocarril, por ser de titularidade máis complicada para o caso. A votación, unánime despois de varios cambios, non me deixou claro de calquera xeito a redacción final da moción.

Chegouse ó que considero fin da segunda parte do pleno, pois a partires de aquí sucederon tres cousas: o interventor cesou no manexo do móbil, houbo novas baixas no público, quedando reducido ó plural mínimo, e unha das persoas que marchou voltou a dirixirse ó pleno en relación a que ‘marchaban pola presión’, segundo fora citado en pleno por algún dos concelleiros, referíndose a que se sentían presionados pola audiencia, pero que a pesares de todo, farían a súa labor, o que deu lugar a un pequeno altercado con Tino (UPRi)

Tivo lugar despois a aprobación dunha declaración institucional sobre as pintadas do ‘Juanín’, que foi aprobada por unanimidade.

Deixo para a terceira parte o final do pleno.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *