Hoxe foi a xornada de avistamento de aves co gallo do día dos humedais.
Esta mañá, un autobús de Eocar ás ordes de Enrique Sampedro deu a volta á ría parando en sitios con posibilidades para ver aves. E vímolas. No fondo da Liñeira, na praia de Salías, no puntal de Castropol, e no mirador da zona de Galicia, despois de pasar por unha curta charla na Casa da ría de Ribadeo, que completou a entrega dun pequeno manual para o avistamento de aves na ría.
Os cinco puntos onde parou o autobús |
As aves vistas foron moitas, incluídas a que deu pé ó título, a águia Panchiña ou a garza e as dúas garcetas que acompañan ás espátulas no pecio da foto de embaixo tomada na Liñeira.
Asistentes, vintetantas persoas. O visto, moito. O aprendido, máis, aínda que poda ser só, como se di nalgunha película, ‘o comezo dunha grande amizade’. E, no aprendido, tamén algunha historia: a águia foi con anel a pasar o verán en Francia, e foi vista antes das festas ribadenses voltando cara acó na zona das Landas francesas. Chegou xustiña, o día da patroa. Sabe da festa en Ribadeo…
Un par de fotos máis, pois houbo variedade na ruta: un grupo de gaivotas de dous tipos en Salías, e unha vista da ponte dos Santos dende o Puntal de Castropol.
Dentro dun pouco, presentación dun libro sobre aves.