Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A voltas coa residencia de anciáns en Ribadeo


O venres tivo lugar unha xuntanza en Santiago sobre a posible residencia de anciáns en Ribadeo. Para comezar o comentario, o comunicado do alcalde, portavoz da comisión, foi o seguinte:

SUÁREZ BARCIA TILDOU DE SOSEGADO E CORDIAL O ENCONTRO MANTIDO CON
BEATRIZ MATO PARA ANALIZAR E RECLAMAR A CONSRUCCIÓN DUNHA RESIDENCIA DA
TERCEIRA IDADE EN RIBADEO. A COMISIÓN ESTUDIARÁ AGORA A PROPOSTA DO
GOBERNO GALEGO E AMBAS PARTES VOLTARÁN A REUNIRSE NA VINDEIRA PRIMAVERA.

Ribadeo, 11 de xaneiro de 2013. O alcalde de Ribadeo tildou de
sosegado e cordial o encontro mantido esta mañá coa conselleira de
Traballo e Benestar para analizar e reclamar a construción dunha
residencia da terceira idade na vila. Beatriz Mato, segundo Fernando
Suárez, aludiu ás dificultades económicas da Xunta para afrontar a
construción destas instalacións e propúxolles concertar prazas públicas
nunha residencia “pero a responsabilidade da construción ou da
rehabilitación dun posible edificio sería do Concello”. A comisión pro
residencia da terceira idade voltará a reunirse coa titular de Traballo e
Benestar na vindeira primavera.

O rexedor, coma portavoz da comisión pro residencia, valorou “a unidade
que seguimos a manter todos e cada un dos representantes desta comisión,
de todos os partidos que formamos a Corporación Municipal de Ribadeo.
Logo tamén temos que valorar positivamente o diálogo tranquilo e
sosegado, coa conselleira”.

Suárez Barcia lamentou que “en todo caso tivemos que perder máis dun ano
para ter este primeiro encontro, aínda que ao final debo dicir que foi
cordial, positivo…”. O alcalde relatou que “á necesidade plantexada por
nós, documentada, fundamentada, de que Ribadeo conte cunha nova
residencia para persoas maiores por parte da Xunta a conselleira,
Beatriz Mato, das posibles opcións que nosoutros barallamos: a primeira é
que a Xunta, que ten as competencias para iso, constrúa unha nova
residencia en Ribadeo; a segunda posibilidade sería que entre a Xunta e a
Deputación constrúan unha nova residencia en Ribadeo ou a terceira
posibilidade que nosoutros baralláramos é que a Xunta concerte prazas
para unha residencia privada que se poida facer”. E engadiu que “a
valoración e a opción da conselleira de Traballo e Benestar,
argumentando dificultades económicas que nosoutros desde logo tamén
entendemos porque sabemos cales son as circunstancias económicas que nos
afectan a todas as administracións, propón concertar unha serie de
prazas públicas nunha residencia, pero que a responsabilidade da
construción do edificio ou da rehabilitación dunha posible ubicación
correría a cargo do Concello”.

Fernando Suárez indicou que “nosoutros aceptamos desde logo, como non
podía ser doutra maneira, estudar esta posibilidade que se nos plantexa,
aínda que podemos observar que entraña unha enorme dificultade, porque
entendemos que o fácil neste caso é concertar prazas, pero con todo vai
ser complicado, complexo, o feito de poder concesionar a unha empresa
privada para que constrúa unha residencia aínda que teña o reclamo de
que a Consellería do ramo poida concertar unha serie de prazas non
determinadas aínda”.

O rexedor e portavoz da comisión pro residencia valorou “positivamente
este primeiro encontro, a pesar destas dificultades, e queremos estudar
no seo da Corporación, como sempre facemos entre todos os partidos, e
emprazámonos novamente a ter un novo contacto con ela ao principio da
primavera, é dicir dentro dun par de meses, cando xa poidamos ver si
esta posibilidade que ela nos ofrece é viable finalmente ou si
simplemente é unha idea que parte da boa fe, pero que non pode ter moi
percorrido”.

Evidentemente, o comunicado deixa fóra unha pequena polémica a consecuencia de que o portavoz do PP local, que non líder do grupo do PP no concello nin participante na comisión, tentara colgarse a medalla de conseguir a xuntanza e de paso respaldar o bo facer da conselleira por convocala. A lembrar que Durante boa parte do ano pasado non hobo tal xuntanza a pesar de ser pedida de diversos xeitos, e terse realizado unha manifestación en Ribadeo. Agora estaba prantexada unha manifestación en Santiago, que como resultado da xuntanza queda adiada (non desconvocada, como publicou algún medio, cunha diferenza que coido é fundamental)

A concienciación sobre a residencia segue a facerse de diversos xeitos. Enriba está a tamaño mási ou menos real a felicitación de Nadal de O Tesón, que pola outra beira ten o calendario 2013 e que lembra en lugar preferente un agasallo que espera o pobo porque ten dereito a el: a residencia.

E mentras, a cousa segue. O que se desprende da nota, con todo o seu tono conciliador, é que pouco hai máis que palabras. Non promesas, senón unha oferta cara a unha hipotética situación na que o núcleo do ofrecemento consiste en facer 40 prazas en convenio. Sen especificar as condicións de convenio. Algo positivo?: unha promesa, a de ter unha nova xuntanza en primavera. Ou aparece algo novo nela ou o desgaste do modelo de xutnanza sufrirá o non ter unha folla de ruta con compromisos.

Segue, e seguirá.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *