Oito de setembro. Dia grande das festas. As festas foron ‘as festas do oito’.
Este ano tiveron un prolegómeno do que non vexo que polo momento se faga eco o xornal: a rotura do pao que soporta a vela do Juanín, na rotonda do instituto (agora si, xa Instituto de Ribadeo a secas). Onte saltou na rede, en Facebook. Pasara pola rotonda xa dúas veces e non me fixara: o tráfico necesita atención. Pero o cuidado das cousas de todos, tamén. Abondou unha noite de troula para que non se notara que estivo exposto ó paso dos estudantes moitos días sen que sofrira, mentras se facía un oco no espazo mental ribadense.
E tamén na rede, o primeiro que vexo esta mañá, unha queixa polo ruído de onte á noite. ‘Teño que traballar’, di. Un consello: comeza a protestar con xeito. Entre o 93 e o 2012 van 19 anos. Os que levo acompañado do ruído de noite. Pero isa é outra historia.
O día comezou de noite: os fogos do sete. Os que non ía haber. Hóuboos. Tamén a nota/bulo de que variaban de hora para a unha. Foron ás doce.
Hoxe, virxe procesionaria con música de banda. Despois, a banda en concerto. Onte, a parte da orquesta no campo da festa, música no Cantón. Non estiven no feiral: alguén cree que podían competir coa xente do Cantón, se exceptuamos en decibelios?
Día grande de calor pegaxoso. Veremos como transcorre o mes, pero iso, máis adiante. Hoxe, día grande.