Deixo abaixo a última nota de prensa da Comisión Delegada da Residencia Comarcal de Maiores (pasada ó galego).
ACLARACIÓNS A UNHA CONCELLEIRA DO PP
Poucos acontecementos houbo nos últimos tempos capaces de desatar tantos comentarios, escritos e orais, e exacerbado tanto os ánimos dalgúns políticos locais como a manifestación celebrada o pasado domingo en demanda dunha Residencia Comarcal para Ribadeo. Unha expresión da vontade popular que non tería por que ser negativa, nin demagóxica como a cualifica a concelleira Campo López-Braña nun comentario publicado nas páxinas da Comarca do Eo, do pasado 28 de abril, baixo o título “Valoración personal de la reivindicación de la Residencia”.
Nada máis lonxe do noso ánimo que entrar nunha polémica estéril e destructora que a nada conduce senón é a caer na trampa de quen trata de romper coas súas actitudes e declaracións esta modélica unidade de criterios e actuacións, sobre todo nestes momentos nos que a unidade de todas as persoas e forzas políticas deste concello é tan necesaria para a consecución do obxectivo que se demanda.
Sen deixar de valorar moi positivamente as expresións contidas no mencionado escrito da concelleira, favorables á dotación dunha residencia para Ribadeo, a fidelidade á correcta información que se debe aos cidadáns esixe que esta Comisión Delegada da Plataforma Comarcal pro Residencia de Maiores, e para mellor información dos veciños deste concello, non poida por menos de saír hoxe ao paso das falsas afirmacións manifestadas por ela no seu comentario, afirmacións que distorsionan a realidade e a verdade dos feitos, coas seguintes precisións e aclaracións. Un comentario feito, sen dúbida, con ánimo de confundir aos veciños deste concello e desvirtuar así toda a actividade desenvolvida pola Plataforma pro Residencia e pola mesma Comisión Institucional formada polos portavoces dos partidos políticos para a consecución deste obxectivo.
1ª.- Rexeitamos, por falsa e insidiosa, a afirmación manifestada no citado comentario desa concelleira do PP, no que se di que esta manifestación foi promovida polo concello. Como consta nas hemerotecas dos medios, a quen se comunicou o acordo o día seguinte, a manifestación foi acordada pola Asemblea Xeral da Plataforma das Asociacións de Veciños e Comunidades deste concello, celebrada en data 15 de xaneiro do presente ano, sen intervención algunha de ningunha forza política deste concello, nin do propio alcalde que, como todos os veciños, decatouse deste acordo pola prensa do día seguinte. É máis, o propio alcalde intentou posteriormente evitala por todos os medios en favor doutras actuacións políticas menos rechamantes. A manifestación foi, pois, o resultado dun acordo da Asemblea Xeral que alí se tomou, e non sen que antes fosen rexeitadas outras accións de protesta máis radicais, propostas por algúns membros da Plataforma.
2º.- A celebración do pleno extraordinario no que se acordou elevar á Xunta de Galicia a petición da inclusión dunha Residencia Comarcal en Ribadeo no Mapa de Residencias para Galicia, elaborado pola propia Consellería de Benestar da Xunta, foi consecuencia da iniciativa presentada aos portavoces dos partidos políticos pola Comisión Delegada da Plataforma de Veciños do concejo. Iniciativa ejemplarmente asumida por todos os portavoces dos partidos políticos, sen excepción, que non dubidaron en facer súas as demandas do pobo. A falaz acusación que a concelleira fai no seu comentario arredor de que a manifestación foi promovida por iniciativa do alcalde para o seu propio proveito político ha de ser, pois, tomada a beneficio de inventario dos propios intereses políticos da citada concelleira.
3º.- Lamentamos e rexeitamos as súas incomprensibles ameazas de que esta manifestación vainos a pechar todas as portas da Xunta por habernos atrevido a pedir públicamente na rúa unha residencia para os nosos anciáns. Unhas palabras que soan máis a unha ameaza e amonestación dirixida a uns nenos polo seu mal comportamento: todos de xeonllos xa que vos portastes mal. Esperamos que sexan outros os sentimentos e actitudes de quen, habendo asumido a súa responsabilidade e percibindo os seus honorarios dos impostos dos cidadáns, ten a obriga de escoitar as demandas do pobo e de estar ao servizo dos seus intereses.
4º.- Creemos, así mesmo, que son falsas as afirmacións formuladas pola concejala do PP contra o alcalde, nas que lle acusa de aproveitarse políticamente desta manifestación. Tanto o alcalde como os demais representantes políticos do BNG, do PSOE, de UPRI e dous concelleiros do PP, demostraron todos eles por igual a súa total elegancia política e persoal ao antepoñer os desexos do pobo e asumir as súas demandas ás súas posibles conveniencias políticas. Se o apoio dos portavoces e concelleiros a este obxectivo representase, pois, algunha vantaxe política, esta ha de ser atribuída a todos por igual.
5º.- En contra do que a autora do comentario afirma, tanto a actitude negativa mantida ata agora pola Conselleira de Benestar de non recibirnos personalmente, como se lle había reiteradamente solicitado e a súa Delegada Provincial prometeunos, como o feito de que Ribadeo non figure incluído no recientemente elaborado Mapa de Residencias para Galicia, demostra ás claras a postura negativa da Conselleira cara á dotación a Ribadeo dunha Residencia Comarcal de Maiores e, xa que logo, a necesidade da manifestación como medio para expresar as esixencias dos veciños de Ribadeo.
6º.- E, finalmente, en canto á loable preocupación manifestada no escrito da concelleira do PP pola nosa ruta a seguir no futuro nas nosas demandas, algo sobre o que se pregunta no seu comentario, ben faría a autora en sumarse ás demandas dos veciños, na seguridade de que sería ben recibido o seu apoio. Desde aquí invitámola a aportar as súas suxestións de face á consecución deste obxectivo, que é o que, ao fin, a todos os veciños do concejo de Ribadeo interesa.