Antonte á tardiña tivo lugar o primeiro encontro sobre a residencia de anciáns con implicacións máis aló de Ribadeo. Tratouse dunha xuntanza entre a Comisión pro residencia (por así dicilo, o ‘grupo legal’, do que forman parte dúas persoas do ‘grupo impulsor’ que segue a funcionar, a Plataforma pro residencia, e representantes dos catro grupos políticos do pleno) e a Delegada Territorial (sabido que a Delegación Provincial actual inclúe a tódalas delegacións das consellerías, levadas cada unha por un ‘coordinador provincial’).
A Xuntanza tivo lugar na oficina da Xunta na Casa Museo da Antiga Fábrica de Sargadelos, e se ben non produxo ningún avance concreto, algo que está aínda lonxe, as impresións non foron malas. O alcalde, como portavoz da comisión, difundiu un comunicado, que aparece na web do concello en dúas partes: Comunicado sobre a xuntanza, na realidade un anuncio previo, e Comunicado posterior en relación ó desenvolvemento da xuntanza. Este segundo comunicado apareceu acompañado nalgún medio de datos sen formatear do estudo preparado polo concello en outono. Deixo a lexible deste estudo nunha sección de ‘Publicado en Ribadeo’.
Básicamente, o resumo da xuntanza sería que a Comisión expuxo o obxectivo de contar cunha residencia de maiores cun carácter non só local, senón comarcal, e as razóns que ten Ribadeo para ter a residencia. O estudo foi entregado á Delegada ó dicir ista que había que facer un estudo da necesidade. A Delegada prometeu unha próxima entrevista coa Conselleira (para a 1ª semana de marzo). E a Comisión xa lle comunicou que tratarían outros apoios, como o da Deputación Provincial.
A lembrar que é a Plataforma veciñal, e non a Comisión, quen ten convocada unha manifestación, pero tamén a lembrar que existe entre ambas unha forte conexión como o indicaría xa o obxectivo común, e que dependendo do desenvolvemento destas xuntanzas, no seu momento podería variarse a convocatoria de manifestación, se ben queda moito camiño aínda para o 22 de abril, día da convocatoria anunciada para manifestarse.