Sae hoxe na prensa o aporte de 64 000 € por parte da Xunta para o deseño de novos produtos turísticos. Tamén estarían incluídas a formación e a mercadotecnia, con dúas referencias extra: os cartos refírense a un aporte á mancomunidade mariñá e os ‘produtos’ serían xestionados pola mesma mancomunidade.
Hai tres días, no pleno de Ribadeo, levouse a cabo a votación dunha retirada das Vilas Mariñeiras.
Ambos puntos non deberan estar relacionados, aínda que o montante que tocaría a Ribadeo sería algo semellante (8 000 € este ano para as Vilas Mariñeiras en relación a uns 8 000 € se pensamos nun reparto por poboación no caso da Mancomunidade). De calquera forma, a proximidade das cifras lévanos a pensar no mellor xeito de promoción turística da zona, pois en ambos casos as accións son moi diferentes, aínda que se podan considerar complementarias dentro dalgún plan conxunto (que non o hai que eu saiba) e non suplementarias pola diferencia de concepción entre ambas (aínda que dous plans diferentes poideran ter unha e non a outra, ou viceversa)
A cousa é que hai promocións (coido que as máis efectivas) que van por libre aparentemente, fixándose só en cousas como o propio potencial do lugar (máis que no seu desenvolvemento, e aínda contra el) ou o mantemento. Aí está unha recente reportaxe de tve (Grazas a “Ribadeo” e a Fernando Suárez no FB) na que, na presentación escrita en internet, xa aparece a praia das catedrais en lugar destacado, a parte da referencia ó areal no mesmo vídeo, ou os comentarios (nestes momentos hai poucos, pero o primeiro ten tanta importancia para Ribadeo como o mesmo documental, no que a internet respecta)
En fin, as ‘promocións libres’ poden promocionarse, pero entón deixan de ser libres e deseguida nótase que pasan a ser propaganda (non sempre queda patente, por suposto). Entendo que o mellor xeito de posibilitar estas promocións libres é precisamente manter todo limpo, con servizos non intrusivos na natureza, sen intentar enmendarlle a plana á mesma natureza, e posibilitar un mínimo de difusión pagada que faiga de cebador para que comece a difusión nos medios libres: nestes momentos, a cantidade de vídeos da praia das catedrais que recorre o mundo estou completamente seguro que supera en moitas veces á cantidade de vídeos institucionais e de promoción, pagados, e que os seus efectos práticos tamén son abondo superiores. De calquera xeito, o último tirón de visitas recibiuno a praia fará unha década longa cando apareceu nunha revista de viaxes de tirada nacional, que actuou de último cebador para a afluencia masiva.
Por certo, unha cousa é atraer visitas e outro, os cartos das visitas. Pero diso podemos falar outro día.