Esta mañá enviei a seguinte nota de prensa a conto da aseveración do candidato socialista á alcaldía, de diversas cuestións que non son verdadeiras como base para dúas propostas, a retirada do pago mensual que o concello me aboa por sentenza xudicial e a imposición dunha taxa por medicións sonométricas en caso de que o resultado sexa ‘negativo’:
“Unha resposta sen ruído
En relación á nota de prensa e declaracións do candidato á alcaldía de Ribadeo polo PSOE polo tema do ruído, son un veciño estrañado de que un candidato use datos falsos en troques dun programa. Mais, non é raro que ocorra deste xeito ó afrontar un problema que se xestou durante o seu mandato e que non soubo afrontar no seu momento.
En canto á proposta dunha taxa de medición de ruído co sonómetro, a pesar das apariencias segue a lóxica de encarecer e entorpecer o acceso á xustiza para evitar casos, o que non parece moi xusto e equitativo. Se ben teño que dicir que a min non me afecta porque sempre as medicións sobrepasaron longamente os niveis permitidos, aínda que non servira para solucionar o problema. De calquera xeito, moito máis urxente sería unha taxa que os políticos tiveran que aboar se non demostran os feitos que aseguran, o que evitaría declaracións como as realizadas (salvo disposición abondante de cartos).
Quedo a disposición do candidato para as aclaracións que necesite.”
É moi posible que o asunto traia cola. En tal caso, un comentario máis amplo e as aclaracións pertinentes virán despois.
De calquera xeito e para comparación, deixo a ligazón á nota de prensa do PSOE na COPE e a ligazón no mesmo medio á nova sobre a nota de prensa que expoño máis arriba, (sen ligar coas declaracións orais do alcaldable no mesmo medio, que tamén as houbo, incidindo no tema de datos que apunto)