Hai pouco tempo que se viñan rumiando medidas para evitar a caída da Torre dos Moreno. Na fin de semana houbo unha sorpresa: o cambio de titularidade do 50% da propiedade da Torre. A cousa entendo que pasou de:
21% pertencente ó Concello
15% á familia Vigil de Quiñones Parga
10% á familia Sevilla (entendo que é así por informacións que me chegaron, se ben a prensa fai recaer esta porcentaxe a herdeiros arxentinos e non puiden testar cal é a opción válida)
35% ás familias Quintana Calamita e Basanta
19% a herdeiros na Arxentina
a:
21% pertencente ó Concello
50% a Paisajes de Asturias
10% á familia Sevilla
19% a herdeiros na Arxentina.
A cousa pode ser boa ou mala de cara á conservación do edificio. En principio, enténdese que se unha empresa o merca, é para darlle aire, para aproveitalo, o que implicaría un coidado e polo tanto os preceptivos amaños e reformas para que non só non se caia, senón que se poda aproveitar como residencia ou servizos. Non obstante, non só queda o impedimento do 29% alleo ó trato e ó concello, senón que a prensa faise eco de que a empresa asturiana xa ten outro edificio en Ribadeo, a Casa dos Perecitos, sinalada na toma do sigpac (ver foto ampliada) cunha cruz, na r/ Viejo Pancho, na praciña entre as ‘Catro calles’ e o Hotel Rolle (r/ Ing. Schulz, que presenta unha fachada uniforme debido á tea de cobertura de obra que tiña cando se tomou a foto). A casa está literalmente sen balcóns ou teito, esperando dende que o concello tomou a decisión de evitar que houbera un accidente. É evidente que non está sendo aproveitada; máis ben parece que está ‘á espera’ dunha rendibilidade especulativa. Espero que non sexa así, pero é a impresión que da. Mal andariamos se coa Torre se segue o mesmo camiño.
E é que o tema da venda da Torre parece ter algo de falta de diplomacia: di o alcalde que se enterou pola prensa, mentres o representante de Cultura – Xunta en Lugo anunciou a operación, despois de estar ambos os dous no allo da conservación da Torre, para a que se decidiu (concello) un apuntalamento que aínda non se levou a cabo por falta de cartos (30 000 €). Vistas así as cousas, o tema parécese a unha especie de ‘OPA hostil’ na que alguén alleo en principio, a empresa ‘Paisajes de Asturias’ se fai cunha parte decisiva dun inmoble para especular. Entendo (non é o que di o ordenamento xurídico que puiden consultar) que os copropietarios dun inmoble deberan ter dereito de tanteo, co que o concello teríao, e aínda que non teña a capacidade económica para afrontalo, tería ese primeiro aviso da posibilidade de exercelo. Polo tanto, a cousa iría máis aló das malas relacións entre alcalde e anteriores propietarios.
Vista a nota de prensa do concello, non parece confirmarse o dereito de tanteo, pero si a necesidade dunha cautela por falta de información e declaración de intencións.
— Actualización, un día despois:
Unha nota de prensa do concello indica que os compradores parecen colaborar: ogallá sexa así, o que non invalida os comentarios xa feitos.
— — Actualización posterior:
A familia Sevilla vendeu a súa parte a Paisajes de Asturias. A parte do concello tamén perece destinada á venda.