Dende hai tempo, Ribadeo é un pobo con moita relación coa música. Esta relación de hai tempo ten pasado diversos avatares. Está documentada no período de Carlos Cid, a raíz do libro “Cincuenta años de música en Ribadeo: biografía musical de Carlos Álvarez y Fernández-Cid“, realizado por Carlos Álvarez Lebredo, pero nin o período anterior nin o posterior que surcou case en solitario a Coral Polifónica ata a creación da Banda de Música, encargo de Amadores da Música a Hernán Naval, nin o correspondente ó decenio longo que Hernán desenvoltou a súa labor en Ribadeo, na banda e no ensino, nin o posterior ata os nosos días co que coido que se pode chamar dalgún xeito ‘escola musical de Ribadeo’ ou ‘escola de Hernán’, están documentados como deberan.
Este último período, no tocante ó que corresponde á música instrumental, Ribadeo ten sufrido diversas situacións que botarían ó traste con este tipo de música, de non sere polo coidado posto por un grupo de xente dentro de Amadores primeiro, como logo por separado despois e con renovado ímpetu no novo grupo Musiqueando, tendo procurado e conseguido nesta última etapa apoio institucional.
Así chegamos á actualidade, na que a realización do II Certame de intérpretes mozos Hernán Naval (ver nota de prensa na parte final da entrada) entre sábado e domingo pode dicirse que consolidou a calidade desta convocatoria ó tempo que redondeou a súa coidada preparación, do folleto á limitación de prazas en dúas categorías ou á regulación de entrada (libre) de público, por enumerar algún aspecto visible.
Deixo en publicado en Ribadeo, a carón do folleto da 1ª edición, o correspondente a este II Certame de intérpretes mozos Hernán Naval, onde aparecen as biografías dos intérpretes (folleto principal), así como as condicións de inscrición e o desenvolvemento do primeiro e segundo día do certame (follas escaneadas en conxunto, pero que constitúen documentos aparte), aínda sen coñecer o resultado do xurado [ver comentario posterior].
Non apunto nomes, que de seguro me esquecería de algún, nin traxectorias, tan diversas unhas das outras, pero cando falo de ‘escola musical de Hernán’ non me estou referindo só a un grupo de novos músicos, que tamén, senón a un grupo de xente entusiasmada coa música, entusiasmo que naceu a traverso do contacto cunha persoa que llo fixo nacer, Hernán Naval. Xente amigos entre si, de idade parella, o que facilita que o seu xeito de obrar se acomode a unha sinerxia que da un rendemento que salta á vista xa no presente, no que está aínda iniciando as súas actividades.
Alghunha cousa anterior relacionada:
Nota de prensa do I Certame
Saúda do alcalde
Dúas reseñas
Un comezo: Arquivo dixital hernán Naval
Últimos artigos no blog sobre Hernán
Biografía de Hernán
Hernán Naval, Escritos e prensa (listado que foi seguido en meses seguintes de máis de media centea de artigos relacionados con Hernán reproducidos no blog, cada un cunha pequena ficha introductoria)
-
O xurado está formado por tres recoñecidos profesionais de diferentes especialidades.
-
A fase final dará comezo esta tarde ás 18.00 horas.
Redacción. Ribadeo. Na tarde de onte deu comezo no Auditorio Municipal “Hernán Naval” de Ribadeo a segunda edición do Certame de Intérpretes Mozos “Hernán Naval” de Ribadeo. Esta iniciativa musical está organizada pola Asociación Cultural Musiqueando coa colaboración da Concellaría de Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo, a Vicepresidencia Primeira da Excma. Deputación Provincial de Lugo, a Asociación Amadores da Música e máis a Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo.
Antes do inicio da actividade musical, ás 13.00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello de Ribadeo, fíxose a presentación oficial do certame na que se deu a coñecer o nome das persoas que integran o xurado. A violinista Beatriz Rodríguez, o pianista e director do Conservatorio Profesional de Música “Xan Viaño” de Ferrol, José Manuel Yañez Carballeira así coma o clarinetista Francisco San Ramón serán os encargados de avaliar as actuacións das dezaoito mozas e mozos que participan nas dúas categorías, profesional e superior do certame. Suso López, presidente da Asociación Musical Musiqueando, agradeceu “a disposición das persoas que integran o xurado para estar presentes en Ribadeo e valorou, sobre todo, a súa versatilidade, pois os tres combinan valores que para nós son moi importantes: a experiencia docente, interpretativa e a súa aposta pola innovación pedagóxica, algo que Hernán mantivo vivo ao longo da súa carreira á fronte da Escola e máis a Banda de Ribadeo”.
No acto tamén interviron o alcalde ribadense, Fernando Suárez, a presidenta de Amadores da Música, Teresa González, e máis o deputado-delegado da área de Cultura da Excma. Deputación Provincial de Lugo, Antonio Veiga Outeiro. Nas súas intervencións destacaron o papel que Hernán Naval xogou no desenvolvemento musical de Ribadeo e ratificaron o seu compromiso coa celebración dun certame que “mantén vivo o espírito co que Hernán traballou ao longo da súa vida, sempre ao carón das mozas e mozos que se adican ao mundo da música ou da cultura, facilitándolles un espazo no que amosar os seus coñecementos, espazo que agora representa este certame”.
Logo da semifinal de ambas e dúas categorías que se celebrou onte, será hoxe cando se decidan as ou os premiados no certame. A final comezará ás seis da tarde con cinco participantes en cada unha das categorías. Unha vez rematadas as súas actuacións o xurado retirarase para proceder á deliberación e posterior proclamación de gañadoras/es. Esta segunda edición do certame reparte un total de 1.700 euros en premios.
Durante a final actuará tamén o grupo de danza da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo dirixido por María Justo. As actuación son gratuitas e de libre acceso para todas aquelas persoas que desexen asistir a elas.
A continuación adxuntamos un dossier no que figuran o currículum vítae tanto das persoas participantes no mesmo coma das que integran o xurado.
CURRÍCULUMS XURADO
FRANCISCO SAN RAMÓN CALVO
Naceu no pobo valenciano de Llombai e alí, na sociedade musical do seu lugar de nacemento comezou o seu contacto co mundo da música. Formouse nos Conservatorios Superior de Madrid e máis da Coruña obtendo na cidade herculina o título de profesor superior. Realizou cursos e clases maxistrais de clarinete con nomes coma Vicente Peñarrocha, Andrew Mariner, Michel Arrignon, Jejuda Gilad, Enrique Pérez Piquer ou Carlos Casadó, entre outros. Alén disto ten unha praza como clarinetista, da que actualmente está en excedencia voluntaria, no Corpo de Músicos Militares onde acadou a Cruz do Mérito Naval con Distintivo Branco. Destaca pola súa labor pedagóxica formándose e traballando arreo neste eido. Como creador e impulsor do Grupo de Cámara de Ferrol participou nos concertos didácticos para escolares “Venres Musicais”. Así mesmo, forma parte do cuarteto de clarinetes “Mare Nostrum” de Ferrol e máis do quintento de vento “Cidade de Ferrol”cos que ten actuado por diferentes localidades da xeografía galega. Como docente impartiu aulas nas escolas de música de Pontedeume, no Liceo Rubia Barcia de Ferrol, na asociación cultural Sementeira de Narón, no Conservatorio de Música de Fingoi ou na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo. Como director dirixiu a banda de música da Escola de Música Charamela de Pontedeume, e na actualidade é director da Banda Infantil Sementeira e da Xoven Banda de Narón. Tamén foi director de diferentes formacións corais. A súa vocación innovadora levouno a participar en diferentes actividades académicas que mesturan o ensino musical e máis as novas tecnoloxías, actuando como poñente no I Curso de Iniciación á Informática do Conservatorio de Ferrol.
BEATRIZ RODRIGUEZ CARIDAD
No conservatorio da súa Coruña natal realizou estudos superiores de violín que combinou cos de música de cámara no Conservatorio Superior de Oviedo, rematando ambas e dúas especialidades cun premio de Honra Fin de Carreira. Completou a súa formación con mestres coma Manuel Guillén, Thijs Kramer, Ruggiero Ricci, Félix Ayo, M. Khommitzer ou Rainer Sonne, entre outros. Ao longo da súa traxectoria musical ten actuado coa Orquestra Iberoamericana en Venezuela, coa Joven Orquesta Nacional de España e como violín principal na Rotterdam Young Philarmonic holandesa. Participou na fundación da Orquestra de Cámara Galega coa que ten actuado por diferentes países tanto en Europa coma en America Latina ou Norteamérica.
Acompañada polo pianista José Manuel Yáñez Carballeira ofreceu varios concertos por diferentes cidades do estado nos que recuperaban e estreaban obras de compositoras e compositores galegos. Logo de dar clases no Conservatorio Profesional de Música de Ferrol, na actualidade é profesora do Conservatorio Superior de Música da Coruña.
JOSÉ MANUEL YÁÑEZ CARBALLEIRA
Recibiu as súas primeiras leccións de piano da man de Natalia Lamas no Conservatorio Superior de Música da Coruña para logo continuar a súa formación cos profesores Luis Galve, Manuela Carra, Elías Arizcuren, Luca Chiantore ou Almudena Cano. Baixo a tutela de Albert Attenelle realizou o Mestrado en Interpretación de Piano da Universidade da Coruña. Como pianista ten realizado concertos como solista e tamén en formacións como a Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), a Orquestra de Cámara Municipal da Coruña, a Orquestra Sinfónica de Galicia ou a Banda Municipal da Coruña. Nos últimos anos participou en diferentes proxectos musicais e en novas propostas que mesturan a música cos monicreques ou a danza. É membro da Asociación Galega de Intérpretes de Música Clásica (ASGAIM) así como promotor e intérprete do proxecto “A música camiño divino” celebrado en La Rioja co gallo do Xacobeo 2004.
Na actualidade é director do Conservatorio Profesional de Música “Xan Viaño” de Ferrol e profesor de piano no Conservatorio Superior de Música da Coruña.
CURRÍCULUMS PARTICIPANTES
GRAO PROFESIONAL
- Rocío Balboa García. Naceu na Coruña no 1991 e comezou dende moi nova os estudos de frauta que continúa na actualidade no Conservatorio Profesional de Música da cidade herculina. Alén da formación regrada participou en cursos de perfeccionamento con mestres da frauta traveseira coma Salvador Espasa, Walter Auer, Vicens Prats ou Claudia Walker. Logo de estar presente nos encontros da Nova Orquestra Galega das Artes ou en varias edicións do “Encontro de Músicos Mozos de Aragón” foi seleccionada como integrante da Banda Sinfónica do Instituto Aragonés da Xuventude so a dirección de Bert Appermont.
-
Fabio Álvarez González. Este mozo ourensán comezou a súa andaina como pianista na Pobra de Trives. Logo ingresou no Conservatorio de Profesional de Música de Ourense onde estuda na actualidade o sexto curso do Grao Profesional. Asistiu a clases con mestres de recoñecido prestixio coma Eldar Nebolsin, Mariana Gurkova, María Teresa Pérez ou Gustavo Díaz-Jerez. Ten participado en diferentes concertos e recitais do centro ourensán no que estuda.
-
Iván Abel Bruzos. Naceu en Lugo en 1992 e con tan só oito anos de idade comezou os seus estudos de saxofón no Conservatorio Profesional de Música da cidade das murallas onde continúa na actualidade como alumno do sexto curso do grao profesional. Talleres con diferentes mestres do saxofón e a participación no I Encontro de Bandas Sinfónicas dos Conservatorios Profesionais de Galicia son parte do currículum deste mozo que na actualidade combina a súa preparación académica coas actuacións da big-band “Murajazz” ou a Banda de Música de Foz.
-
Gerardo Fernández Álvarez. Comezou os seus estudos musicais no Conservatorio Profesional de Música de Lugo á idade de nove anos na especialidade de saxofón. Ao longo da súa carreira musical asistiu a cursos de perfeccionamento impartidos por profesores coma Narciso Pillo, Francisco Martínez ou Marcos Mariño, entre outros. Combina os seus estudos no Conservatorio Profesional de Música de Lugo tocando en distintas formacións de música de cámara así coma no cuarteto “Lucus Appasionatto” ou na big-band “Murajazz”.
-
Irene Rodríguez Rodríguez. Naceu en Ribadeo no ano 1991 e estuda sexto de grao profesional no Conservatorio da Coruña. Ao longo da súa carreira formou parte de diferentes grupos de percusión ao tempo que completaba a súa formación coa asistencia a cursos dos mestres José Vicente Faus, Pilar García, Markus Leoson ou Julio Sánchez. Forma parte do coro da Orquestra xuvenil da Orquestra Sinfónica de Galicia e ten gravado varios discos tanto coa Coral Polifónica de Ribadeo, á que pertence, coma con outras agrupacións. Participou tamén na gravación, coa Banda Municipal de Ribadeo da que é integrante, da banda sonora do filme “Los Muertos van Deprisa” de Ángel de la Cruz.
-
Nara Carballal Nogueira. Naceu en Xove en 1994 e na actualidade estuda sexto curso de Grao Profesional na especialidade de violonchelo. Compaxina os estudos na Escola Municipal de Música de Mondoñedo coas clases que recibe da profesora Bárbara Switalska. Pertence á Orquestra Clásica de Xove, coa que gravou a zarzuela “Non chores Sabeliña” e colabora con grupos de música folque como violonchelista. Gañou o primeiro premio no Certame de Intérpretes Mozos na vila de Ortigueira en 2009.
-
Ana Leirós Araujo. Naceu en Vigo en 1990 e con oito anos comeza os seus estudos de clarinete no seo da Banda-Escola de Música de Beade. Tres anos despois ingresa no Conservatorio Profesional de Música de Vigo onde cursa quinto curso de grao profesional. Ten realizado diferentes cursos de técnica e interpretación de clarinete con mestres coma Vicente Alberola, Carlos Gálvez, Yehuda Gilad ou Nuno Pinto. Alén de recibir varios premios en certames de intérpretes mozos tocou baixo a batuta de mestres coma Marcel Van Bree ou Francisco Navarro. Forma parte da Banda-Escola de Música de Beade.
-
Nicolás González Granado. Inicia os seus estudos de clarinete na Escola Municipal de Música de A Coruña no curso 2004-2005 cos profesores Marcel Chirilov e Alfredo Gómez cos que prosegue ata a actualidade. Ten participado en diferentes cursos de especialización de clarinete así como en seminarios de jazz nos que tivo a oportunidade de recibir formación da man de mestres coma Jean Toussaitn, Nikki Iles ou Scott Stroman.
-
Christian Lanza García. Naceu no veciño concello de Navia en 1995. Malia que neste certame acude na especialidade de frauta a súa formación musical abrangue dende a gaita asturiana ao fagot, o saxofón, diferentes gaitas irlandesas e escocesas así como a composición. Ten participado en actos musicais e culturais en Oviedo, Ourense, Avilés, León, Queens, Lorient ou Manhattan.
-
Antía Couto Martínez. Naceu en Vigo no 1994 e na actualidade estuda cuarto curso de Grao Profesional de piano no Conservatorio Profesional de Música de Vigo. Combina os estudos de piano cos de violonchelo. Alén da formación regrada asiste a clases de formación especializada con mestres coma Vladimira Smausova, Leonel Morales ou Guillermo González. Ten participado en diferentes seminarios formativos en Madrid e Córdoba.
GRAO SUPERIOR
-
Laura Balboa García. Naceu na Coruña en outubro de 1991 e na cidade herculina desenvolveu a maior parte da súa formación académica. Precisamente no Conservatorio Superior de Música da Coruña rematará o Grao Superior ao longo deste curso 2009/10. Na súa traxectoria como violinista ten actuado coa Orquestra xuvenil da Sinfónica de Galicia así como coa orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia baixo a batuta de directores coma Alberto Zedda, Jim Ross, James Judd ou Maximino Zumalave. Obtivo varios premios en certames tanto de Galicia coma de fóra do país.
-
Iago Lariño Rodal. Este frautista de Cangas do Morrazo comezou a súa actividade na escola de música da súa vila, vencellada á Banda de Música “Bellas Artes”, para logo cursar estudos no Conservatorio de Música “Mayeusis” ou no Superior de Música de Vigo. Continúa formando parte da banda de música de Cangas e ao mesmo tempo é membro tamén da Banda Filharmónica de Galicia, da Banda da Federación Galega de Bandas de Música e da Duisburger Philarmoniker. Así mesmo, colabora coa Orquestra Sinfónica de Euskadi, coa Sinfónica do Vallés ou a Orquestra do Norte de Portugal o que fixo posíbel que actuase baixo a batuta de Damiano Giuranna, Michael Boder, James Judd ou Rubén Gimeno, entre outros.
-
Nicolás Gómez Naval. Comezou os estudos de trompa no seu Viveiro natal aos oito anos de idade. Tan só un ano despois entrou a formar parte da Banda Municipal de Música de Viveiro á que aínda pertence na actualidade. Durante a súa carreira musical recibiu clases de mestres coma David Bushnell, Miguel Ángel Garza, Vicente Castelló ou David Fernández, con quen aínda segue compartindo aulas nos cursos de verán que este imparte en Galicia. Actualmente é alumno activo da Orquestra xuvenil da Orquestra Sinfónica de Galicia así como da Jonde (Joven Orquesta Nacional de España) e cursa segundo de Grao Superior no Conservatorio Superior de Música da Coruña.
-
Rebeca Maseda Longarela. A Escola de Música de Mondoñedo foi o lugar no que esta moza de Xove deu comezo á súa formación musical na especilidade de violín. Na actualidade continúa os seus estudos no Conservatorio Superior de Música de Vigo. A Orquestra Municipal de Xove, a Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, diferentes formacións de música de cámara, a Real Filharmonía de Galicia ou a Orquestra Sinfónica de Galicia foron e son formacións coas que traballa mentras continúa a súa formación con mestres coma Lev Chystiakov, Humberto Armas ou Grigori Nedoroba. Dende 2008 forma parte da JONDE como alumna activa e máis da Orquestra xuvenil da Orquestra Sinfónica de Galicia.
-
Isabel Cupeiro López. Esta moza natural de Ferrol ten os seus comezos musicais vencellados a unha pequena escola de música. Alí deu os primeiros pasos como pianista mais logo trasladouse ao Conservatorio Profesional de Música da cidade departamental para estudar violonchelo. Malia todo nunca abandona o piano e de feito, a día de hoxe, combina o grao superior de piano co de violonchelo no Conservatorio Superior de Música “Eduardo Martínez Torner” de Oviedo cos estudos de canto e máis de bioloxía. Forma parte da orquestra xuvenil da Orquestra Sinfónica de Galicia, da Joven Orquesta Sinfónica Principado de Asturias, do grupo de violonchelos “Viguen Sarkissov” ou da Orquestra de Cámara de Asturias coa que ten participado en proxectos pedagóxico-solidarios que aproximan a música aos habitantes das zonas máis desfavorecidas de Marrocos.
-
Juan Andrés Barahona Yépez. Con seis anos de idade comezou a súa carreira pianística. Foi alumno do Conservatorio Superior de Oviedo e dende o curso pasado forma parte do grupo de alumnas e alumnos becados na Escola Superior de Música Reina Sofia, na súa Cátedra de Piano “Fundación Santander” e máis na de Música de Cámara. Foi alumno de mestres coma Marc Durand, Robert McDonald, Julián Martín ou Ferenc Rados e obtivo numerosos galardóns en certames celebrados en Asturias, Almería ou Barcelona. Como solista actuou coa Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias, a Sinfónica de Xixón, Sinfónica de León ou Filharmónica de Ecuador so a batuta de Patricio Aizaga, Oliver Díaz, Dorel Murgu ou Francisco Vigil.
-
Eva Fernández Rodríguez. Esta saxofonista naceu en Vigo en 1989. Na escola da Banda de Música de Beade, formación da que é instrumentista na actualidade, deu os seus primeiros pasos no mundo da música. Ao longo da súa traxectoria participou en clases de perfeccionamento cos mestres Pablo Coello, Narciso Pillo, Fernando Ramous ou Ignacio Casas. Tanto como solista como a través da Banda de Música de Beade asistiu a diferentes certames e concursos a nivel autonómico e estatal. Na actualidade é alumna do Conservatorio Superior de Música de Vigo.
-
Nelly Iglesias Ríos. Esta moza de Burela comezou os seus estudos de piano no Conservatorio de Viveiro, onde rematou o grao profesional, e logo trasladouse ao Conservatorio Superior de Música da Coruña. Alí estuda dende o ano 2007 combinando a súa formación como pianista coas aulas de violín, que cursa no Conservatorio de Viveiro. Ten actuado en diferentes localidades galegas como solista e tamén como acompañante en formacións de música de cámara. Ao longo da súa traxectoria actuou coa Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior da Coruña e acudíu a clases de perfeccionamento co mestres coma José Ramón Méndez, Albert Atenelle, Anna Poghosyan ou Sergei Yerokhin.