Os domingos de por si teño a tentación de escribir sobre o ruído, a causa do que sufro a noite anterior. Non obstante, o pé a facelo hoxe son as novas da semana. Para facer unha recopilación, comezou coa nova de que en Burela lle está chegando unha circular ós locais que abren de noite para que se axusten á normativa. Non sei os efectos que terá, pero é un paso máis, e en Burela xa levan tamén tempo co tema. Claro que non tanto como os máis de 16 anos que hai que abriron un local fronte á miña casa, comezando a primeira noite sen xente, pero con portas abertas e música alta.
Despois foi o anuncio por un xornal dunha lista que apareceu no DOG de propostas de multas por contravir o horario de peche ou estar relacionados con xaleos no exterior, incluíndo a establecementos ribadenses.
O mesmo xornal referiuse ó día seguinte a outra lista, ista con outras sancións, ista volta, definitivas.
Tamén foi avisada a Xunta Local de seguridade de Ribadeo para venres, con visos de que un dos temas a tratar sería o do ruído, e con posterioridade, a nova de que se reunira. E si, na xuntanza parece que se tratou de vixiar máis o tema, pero a nota de prensa (á que non puiden acceder aínda de xeito direito porque parecer que a web do concello segue inaccesible) non parece ter especificado en que se centrará esa maior e espero que mellor vixiancia (onde máis falta vexo é no tratamento administrativo). Así, quedan sen especificar os temas, como se por exemplo a Guardia Civil pasará tamén a vixiar o tema do ruído a parte do do horario, complementando á Policía Local, brazo dos concellos que sobre todo teñen competencias en ruído, pero tamén en horario. A falta de concrección fai abrigar esperanzas, pero sen pasar por incauto: ver máis de 16 anos de infraccións contínuas e poucas veces consideradas fan que observar que a dirección pode ser boa non implique que non haxa que esperar o resultado.
E hoxe, relacionado, aparece na prensa un bar multado por non advertir de que non pode vender alcohol a menores…
Un pouco máis lonxe de Ribadeo, pero comprendéndoo, tamén istos días apareceu nos medios a discusión sobre unha lei en redacción que tendería a meter en vereda ós adolescentes nouturnos en Galicia. Pero isa queda polo momento lonxana, e hai que lembrar que leis hai, pero a aplicación, isa xa é fariña doutro costal.