Seguindo co post de onte, en Foto Miguel vénse tamén estes días fotos aéreas de Ribadeo, da ría e entre elas, unha da ría de Navia. Din que unha imaxe vale máis que mil palabras (lévase discutido abondo dese tema, pero non é agora o momento), e ver as rías comparadas en foto, á beira unha da outra, é máis impactante que polo sigpac (imaxes á beira das rías de Ribadeo e Navia tomadas á mesma escala, pero recomendo ver alí, no escaparate do comercio a contraposición das rías) ou google earth. Onte a min levoume a cavilar que quizais sería cousa de reclamar, mesmo antes do plan de ordenación para a ría, esbozar a ría que queremos. Levo (levamos uns cantos) anos pedindo que se estableza un obxectivo para Ribadeo (ver ‘O Ribadeo que queremos‘) sen conseguir que se nos faga caso, co resultado de que xa veremos se aínda agora se aproba o PXOM. O caso é que se non hai unha definición previa do ‘modelo de ría’ que se quere, se non nos poñemos antes de acordo niso, logo virán as presións dunha e outra beira (xeográficas, políticas, económicas) para cada cousa concreta. Por iso non sería mala idea abrir un movemento para ver ‘a ría que queremos’.
Hoxe fun ata Castropol comezando a subir a marea. Sen barca, iso supón unhas cantas brazadas, tentando aproveitar os tesóns, as correntes, … para gastar a menor enerxía posible. Pero pode facerse sen estar moi en forma, e de paso, pode pensarse na cantidade de area que hai na ría, ou utilizar os sensores da pel e a vista para ver a calidade da auga, a súa turbidez en diferente lugares e horarios, as correntes, o seu sentido, a súa velocidade, o seu arrastre de area, os tesóns, a influencia das mareas, a contaminación (os eczemas que saen na pel), o uso da ría, as motos a velocidade, a actividade do porto, o impacto na paisaxe, os metros que hai que cruzar de menos por o avance da costa polas obras de portos, … é dicir, da tempo para pensar sobre o terreo (mellor, sobre a auga) en torno da ría dende múltiples aspectos, incluíndo os temporais pasado e futuro. E sobre a manifestación e a nave e os seus efectos (da nave e da mani). Mesmo tamén sobre os veraneantes na ría: á ida, unha soa persoa tomando o sol nos bloques; á volta, dúas ‘nativas’ bañándose e catro rapaces e rapazas ‘veraneantes’ na herba. Está visto que pouco a pouco os veraneantes collen costumes antes reservadas ós ribadenses, como o pasarse polos bloques, que en canto a praia non ten moito que facer en relación coas da liña de costa, se non é pola súa proximidade. O que dicía onte, en democracia é lóxico o xogo de dereito/deber, e unha volta que pouco a pouco se integra a xente, non só é lóxico, senón que se ve como unha necesidade o exercicio dos dereitos asociado ó cumprimento das obrigas. Os ‘forasteiros’ en moitos casos están pasando de ‘guiris’ e ‘clientes’ a cidadáns, ó igual que ten sucedido ó longo da historia en toda mistura de pobos. Cos seus rexeitamentos, dos que da sobrada conta a historia, e coas súas avantaxes e inconvintes.
Estou saíndo da consideración ría/manifestación, pero coido convinte afondar un pouco: Galicia estase a despoboar de nativos. Calcúlase que para os anos 20 a poboación nativa terá diminuído en medio millón de persoas. Sexan madrileños ou dominicanos, de xeito legal ou ilegal, seguirá a vir xente de fóra: necesitarémolos (e mal se non veñen, será que a cousa aquí tampouco vai moi ben). Cada vez serán máis. Ide pensando nas relacións no futuro. E non valen as descualificacións: lembro que hai non demasiado, con 25 anos en Ribadeo, tildouseme de recén chegado. Sono en relación con algunha xente, pero, pódese aplicar o cualificativo? En relación á sociedade ribadense, dubídoo. Levo máis tempo en Ribadeo que ao menos 1/3 da poboación (diría que 1/2 da actual) e a miña labor pensando e traballando en Ribadeo tamen supera unha boa porcentaxe da poboación actual.
Din que non se é de onde se nace, senón de onde se pace. É un xeito de expresión co que non estou totalmente de acordo, pero que é indicativo. Ése de onde se veranea con asiduidade e se ten posesións e se trata de ir a actos culturais e sociais, e se trata de integrase un? Si/non, ata que punto?
Empecei co tema da manifestación. Continuarei.