Adxunto nota de prensa da EMMeD de Ribadeo. A notar que o ‘próximo domingo’ refírese a hoxe:
Zeltia Pardo gaña o I Certame de Intérpretes Mozos Hernán Naval de Ribadeo
Ribadeo, 7 de xullo. Zeltia Pardo Naval (saxofón) proclamouse vencedora do I Certame de Intérpretes Mozos Hernán Naval de Ribadeo impoñéndose na fase final a Carmen María Ferreiro Soto (frauta), segunda clasificada e a Rafael Espido Lata (clarinete), terceiro clasificado. Nesta fase final actuaron cinco instrumentistas que tiveron que interpretar a obra elixida, todos eles con acompañamento de piano, para logo ser valorados polo xurado.
O xurado do certame, formado por profesionais da música coma o mestre Rogelio Groba (compositor), Maximino Zumalave (director asociado da Real Filharmonía de Galicia e galardoado coa medalla Castelao de Galicia 2008) e Eduardo Diz (solista da Banda Municipal de Santander), tivo moitas dificuldades á hora de proclamar os tres vencedores entre os cinco mozos e mozas que chegaron á final do domingo.
“Foi realmente complicado determinar os premios xa que a xuízo do xurado o nivel da final foi extraordinariamente alto. Pasaron case corenta e cinco minutos deliberando xa que todas as actuacións lles pareceron moi boas”, sinalou Lourenço Cruz, responsábel do Certame e asesor técnico do xurado durante as probas.
O xurado quixo deixar constancia na súa acta final de que “tanto na fase eliminatoria como na final o nivel foi moi alto, digno de concursos de grande prestixio e os participantes tiveron un comportamento extraordinario enriba do escenario, tanto no que se refire á súa actuación como ao seu posicionamento escénico”. Ademais resaltaron a “calidade e a idoneidade das obras escollidas polos mozos e mozas participantes”.
Agora os tres gañadores terán que asistir o vindeiro domingo, ás oito do serán no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo, á entrega de premios que se vai levar a cabo no marco da homenaxe que se vai realizar á figura de Hernán Naval. Nela vai actuar a Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares á quen se lle vai entregar, de xeito simbólico, o premio Hernán Naval 2008 polo seu apoio á música galega, coa estrea de obras de ocmpositores do país. A banda, fundada por Hernán Naval e Marcel Van Bree está agora baixo a batuta dun dos máximos apoios cos que contou este certame, o mestre Carlos Seráns, que vai compartir batuta co director da Banda Municipal de Ribadeo, Lourenço Cruz. No transcurso da gala faráselles entrega da dotación económica dos premios, de 600 euros e diploma para o primeiro clasificado, 300 euros e diploma para o segundo e 200 euros e diploma para o terceiro.
O responsábel do Certame, Lourenço Cruz “convida a todas e todos os ribadenses a asitir a un acto importante xa que a Banda da Federación vai estrear en Ribadeo unha obra nova para o seu repertorio e pon todo o que está da súa man para apoiar este I Certame de Intérpretes Mozos Hernán Naval”.