Imos para o inverno, pero aínda estamos no verán, precisamente na época na que os días decrecen dun ó seguinte con máis rapidez, no cambio de estación, cara ó frío. E se é unha posible alegoría do ‘atardecer da vida’, entre outras, pode facer pensar na perdurabilidade das cousas. Por exemplo, na facilidade con que o outro día Victor Moro nos lembraba nun artigo as cousas que desapareceron de Ribadeo e quedabamos abraiados pola comparativa das que quedan aínda. Para comparación, temos a loita de outros pobos por servicios, como a que tivo Foz polos servicios médicos ou que mantén estes días Burela polo Cuartel da Gardia Civil. Aquí, o que lembro de protesta auténtica foi en dúas ocasións en máis de 20 anos, nunha polo pediatra, que cando viu foi anos despois de facela, e outra loitando pola conservación da ría de Ribadeo en contra dun novo recheo, que o alcalde se encargou de desbaratar a semana seguinte, de xeito eficaz. Ribadeo vai para o seu particular inverno, e advirto que crecemento urbanístico non é asimilable a mellora, a cambio de estación para máis luz.
Así, voltando á feira de onte, da gusto que se abran novas portas ó campo, o que representa un pouco de esperanza de que isto poda cambiar a mellor, ó tempo que ó pasar por diante e ver unha rúa cortada á beira do lugar típico de realización do mercado, pregúntase o por que dun corte de servizos para ofertar a feira, é dicir, en principio, outros novos. Eu aínda non logrei contestar dende que o vin, e por eso a pregunta. Por certo, que no mesmo sentido de promoción turística que apuntaba o tenente de alcalde na apertura da feira ou eu na entrada sobre as Grobas, o catedrático de xeoloxía Augusto Pérez Alberti traía unha pequena recua a estudar a zona de costa ribadense e falaba da potenciación necesaria da xeoloxía na zona, tamén dende un aspecto turístico, lembrándome que se queren rebaixar tanto en Meirengos como en Piñeira unha morea de metros cadrados para construír sendas piscifactorías, na loita que xa esplicitei varias veces e que se dará máis mentres non se especifique un modelo de desenvolvemento para Ribadeo. E, apesares de todo o que sei sobre o desenvolvemento turístico, onte mesmo atopeime a dous ribadenses xa cunha certa idade, e con bo coñecemento da costa, que me preguntaron onde é o castro das Grobas. Por se non quedou claro o outro día co plano, queda pegado á insua (que formaría parte del). se se quere ir a esa zona dende a pista asfaltada, hai unha bifurcación, collendo á esquerda ó pouco estaremos metidos un bo cacho entre dúas zonas máis elevadas, que fan como paredes do carreiro: son muros exteriores do castro, trazados en xeito circular, que o limitan cara á terra.
Onte deixei sen dicir a fonte dunha cita. Referíase a Polonia, as declaracións dun cidadán de a pé sobre o que está a pasar nos últimos anos, a pesar dun crecemento do PIB non desprezable. Viña no ‘Le monde diplomatique‘ de setembro, p.5.