Onte entereime de que a pesares de ser anunciado o nome do auditorio para Hernán, para poñerlle unha placa o día 17, quinto cabodano da súa morte, o tema non está incluído na orde do día do próximo pleno. Non sei se irá polo de urxencia, o que sería, coido, un contrasentido, pero sigo a manter que a dedicatoria que se lle debe facer non é o auditorio, senón aquela pola que foron recollidas e entregadas no seu momento (ó alcalde anterior) máis de 2000 sinaturas: a da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo “Hernán Naval”. É un agasallo, e nese sentido, mellor algo que nada, pero antonte na radio José Mª Rodríguez apostillou ó que eu dixera algo no que estou de acordo: o auditorio pódeselle adicar a Carlos Cid moi xustamente, e a Hernán coido que lle corresponde moito mellor a escola. Máis tarde, outra xente díxome que aínda había outros músicos en Ribadeo a recoñecer, e pareceume ben: os recoñecementos non deben estar cerrados. Pero agora estamos con este. E, repito, coido que lle corresponde a Hernán o nome da escola. Aproveito e lembro a todos que neste artigo e anteriores saíu unha recopilación de artigos relacionados con Hernán, e en datas posteriores saíron publicados no blog ata 50, que espero que continúen calquera día destes.
Un só comentario máis, sobre outro tema: Hai veces que coido que por abstracción informativa aparecen na prensa cousas que non son nada cómodas. Refírome agora ó aparecido no xornal de A Mariña / El Progreso, dando a nova da petición do mantemento do nome de ría de Ribadeo a instancias legais de toponimia por parte do Concello, que saía co título referido ó “estuario del Eo”. Non está mal. pero lendo o seu interior foi o que saquei: a base de tentar ser tan xusto, dando rodeos para non tomar postura, ás veces aparecen frases que en determinadas circunstancias chirrían.