Este fin de semana pidemos disfrutar na Comarca de dous artigos dirixidos a fixar o nome da ría. Xa vai algún tempo que outros foron publicados, nese medio e noutros, en idéntico sentido, e uns máis amplios, outros máis reducidos, os argumentos que presentan son válidos e ben apoiados.
Hai algún tempo tamén eu fixen algún artigo máis pequeno sobre o tema, e non quero agora repetilo, senón chamar a atención sobre algunha cousiña que está a suceder e que é preocupante en telación a este tema.
Unha é que o concello cale, aínda que por exemplo a asociación de veciños lle ofrecera a súa colaboración. Eso significa que a opción ‘ría de Ribadeo’ está a quedarse sen defensores políticos, que son ó final quen pon os nomes no boletín. E non só sen defensores, senón que en casos se convirten en atacantes, como o célebre Touriño.
Outra, que mentras se expoñen argumentos, de cara ó exterior o nome segue a recuar, e na mesma Comarca aparecía unha nova sobre o CRA ‘Ría del Eo’ que con seguridade vai ter tanta difusión como os artigos, e sen pretender defender ese nome, faráo con máis eficiencia no mesmo título que atraerá ós lectores.
Outra máis, que en mapas editados en Asturias e usados tamén na zona xa está a usarse o nome a impoñer, o mesmo que noutros editados en Galicia ou noutros lugares, se ben coido que polo momento, neste segundo conxunto son minoría.
E coido que podemos seguir a observar e falar, mentras nos comen as papas. Quen non lembra o conto castelán sobre os galgos e os podencos? ó final, coello morto. É certo que nome de ‘ría de Ribadeo’ tardará en desaparecer do uso da xente de Ribadeo, no peor dos casos, pero tamén é certo que un vídeo realizado vai tempo en Ribadeo atribúelle o nome a impoñer áría, e que a poboación de Ribadeo está a aumentar coa xente de aluvión, que en parte ven coa idea do novo nome.
Previsión de futuro? ou se activa o uso do nome de Ría de Ribadeo ou caerá en desuso. Coido que non son agoreiro: defenderei o nome da ría de Ribadeo como se pode atopar ben ás claras neste artigo (que probe alguén a atopar nel o nome que se quere impoñer…) pero coido que non hai que deixarse levar só polos sentimentos senón que hai tamén que actuar. E por último, falando de actuar, boto tamén en falta unha actuación: a do Marqués da ría de Ribadeo, que moitos botamos en falta e algún esgrime como seguro sobre a toponimia da ría.