Non é melancolía, é circunstancia. Se se miran hoxe as dúas ilustracións do post, verase a complementareidade, e poderase xulgar a oportunidade. Unha delas, a pomba de voluntarios, e un xeito no que Suso Peña tratou de agradecer ós voluntarios do Prestige. Está feita no 2002, en decembro, de aclárase no correo de envío que é libre, nas súas verbas, “…así que (sin modificacións nin uso lucrativo), pódese distribuir ou reproducir por calquer medio.” Chegou ontes ás miñas mans despois de pedirlla a Carlos Álvarez Lebredo, que a citou na charla que deu sobre Suso.
A outra foto e dun arco da vella sobre a zona dos institutos en Ribadeo: Unha lembranza pasaxeira que din de paz entre ceo e terra, e, ó tempo, unha obra de arte que capturei como puiden e aproveito para poñer como contraprestación abondo menor á obra de Suso.
Hoxe, na Voz de Galicia, sae un escrito sobre Suso, de agradecemento, e outro no que aparezo nomeado eu sen estar feito por min, senón por Carlos Cid ‘Urbanismo e política en Ribadeo’. Recomendo unha ollada a ambos.
Por outra banda, o meu traballo de base fotográfica ‘Ribadeo falls’ parece que entrou con bó pé na vida da vila. Xa chegou a abondos lugares e parece que ten unha certa repercusión práctica.
Ata aquí, o de nostalxia. Sobre o futuro, clauera que vexa hoxe a prensa pode estar algo máis pesimista que ontes, a menos que se pense en trermos de loita por dereitos e se esteña disposto a loitar. Títulos:
– O Alcaraván III, barco de aduanas, só está operativo 15 días ó mes. Ou sexa, 15 días de entrada libre de droga na zona? Esperemos que non sexa así.
– Este ano non se mellorará o vial Reme-Vilamar. A vez pasada houbo manifestacións para lograr unha mellora…
– Este ano non haberá queima do antroido. Home, non é que nos faiga falta, pero…
– Detidas tres moulleres por roubos diversos.
– O célebre e tan traído porto de Ribadeo pecha ós mercantes polo temporal. Eso, despois de ocupar cada vez máis ría e de anunciar ontes un estudo algo que teño xa visto e rexistrado en fotos: que a area na ría é imparable. Coido que o que é imparable é o porto exterior, por moito que se empeñen.
Menos mal que tamén se convoca un concurso de ideas para mellorar a parte dos soportais da Avda. de Galiza.
Como esta segunda parte parece unha revista de prensa, paso agora á ‘terceira’
—
Data: 03/07/93 |
Fonte: La Comarca del Eo |
Título: Il cimento dell’armonía e del’inventione |
|
Autor: Hernán Naval |
|
Descrición: Unha resposta a un artigo anterior, de protesta polo esprito manifestado polo director para a banda. |
|
Comentarios: |
“IL CIMENTODELL´ARMONÍAEDELL´INVENTIONE”
HERNÁN NAVAL
António… Vivaldi, ademáis de compositor e violinista, era crego e pelirroxo; os seus biógrafos contan unha anédota para-histórica: Estando a dicer misa, véulle a inspiración (divina, supoñemos) e abandoou o oficio relixioso antes de rematar para ir traballar nunha partitura. O autor do máis estremecedor Glória quizais xamáis composto, ten un tocaio in-apelidado en Ribadeo para quen unha priorización da música como feito criativo e cultural sobre o seu uso incidental como fetiche, como a presuntamente protagonizada hai case tres séculos polo mestre do Barroco musical italiano, puidera constituir pedra de escándalo e excusa para outra andanada anónima (ou semi-anónima) na Comarca. A inquiridora carta de don António, publicada neste semanario o 26 de Xuño baixo o título “¿Para qué sirve la Banda de Música?”, hai tempo que estaba anunciada e instigada; alégrome de que ao cabo se publicase algo: así podemos reiterar por escrito cal é o expediente en curso da Banda Municipal de Ribadeo sen que pareza unha proclama gratuita ou a resposta pública ao incesante exercício do músculo viperino por parte dalgúns e dalgunhas a quen, como pesa de xinásio, o mesmo lles val unha escollera, unha mini-falda ou o soldo de 350.000 pesetas do Director da Banda..
Antes de nada, gracias a don Antonio por me recoñecer profisionalidade, pero debo confesar que non teño puñeteira idea do que é “el doblaje y redoblaje del tambor”. Falarei, entón de cuestións menos intelectuais.
Académia popular de música…
Comecei a impartir leicións coleitivas de Solfexo e individuais e de conxunto de distintos instrumentos de vento-madeira, vento-metal e percusión, na Academia de Música “Carlos Cid” de Ribadeo, no mes de Outubro de 1989. Desde entón até hoxe, máis de duascentas persoas (nomeadamente, rapaces e rapazas) teñen seguido con diferente adicación algunha destas ensinanzas. Este curso, coa entrada en vigor da LOXSE en materia musical impartiuse tamén canto coral. Perto de cincuenta alunos dalgún destes grupos teñen concorrido a exames libres ou oficiais de Conservatorios galegos con rotundo éxito académico; algúns mesmo están a piques de obter a diplomatura elemental dalgún instrumento, o que conleva o dominio do Solfexo a nivel medio ou superior. Hai quen xa pensa na futura profisionalización. Esta mesma semana comezaron na Academia clases de introdución á Harmonía para os máis avantaxados compoñentes da Banda Municipal. Tamén, clases de Solfexo inicial para novos alunos; desta volta eliminouse a condición de térense cumprido os oito anos de idade para poder asistir as clases, ficando como condición única a perténcia da familia á Asociación “Amadores da Música”, promotora da Academia, por dúas mil pesetas… ao ano! E quince educandos comezaron a se instruir no manexo de instrumentos musicais para posteriores ampliacións da prantiña da Banda. Porque a Academia e, compre reiteralo, a canteira permanente da Banda Municipal de Ribadeo.
…e moderna banda…
Poderíase ensaiar unha estimación aproximada do número de persoas que teñen escoitado á Banda de Música de Ribadeo, en concerto, dende a súa presentación ao público o 25 de Xaneiro de 1992. Poderíase, daríamos cunha estatística coma outra calquera. Non é o intre. Foi moitísima xente, óbvio é. Mais da que algúns pensan. Porque, aparte dos concertos en Ribadeo -dos que algo diremos tamén- sempre máis publicitábeis, a banda xa tocou, a un ano de vida, perante o público de A Ponte de Arante, da Devesa (coa Igrexa abarrotada) e de Cubelas. Calquer domingo encherá, sen dúbida, a Igrexa Parroquial de Santalla de Vilaosende. A mesma compostura da que fai gala o público vilego fronte a un concerto, constátase nos povoadores do campo, co mérito engadido de que éstes, por razóns sócio-económicas que non é necesario precisar, non desfrutan da virtualidade do acceso a actos culturais en vivo coa mesma cotidianeidade que os ribadenses urbanos. Velaquí un factor de utilidade da Banda Municipal de Ribadeo na que poucos reparan.
Desde o referido 25 de Xaneiro do ano pasado a hoxe, a Banda Municipal de Ribadeo ten tocado na vila, se o arquivo de programas non falla, unha dúcia de veces, sempre sen cobrar entrada, na Igrexa, no Parque, no Teatro e na Capela da Venerábel Orde Terceira. Non van na conta os concertos semi-restrinxidos ao público común oferecidos na Capela do Convento de Santa Clara, no Hospital, para os habitantes das dúas institucións, e nos Coléxios Público e “Sagrado Corazón”, concertos didácticos para contribuir á formación integral dos escolares. Tampouco contamos a grabación dunha hora para a RTG, que supuxo un sábado inteiro de traballo e intensos ensaios prévios, e que foi emitida pola emisora autonómica o 18 de Abril. Por todas estas actuacións, os compoñentes da Banda, músicos afeizoados que consideran que a humilde formación musical que receben é para así mostrala, non teñen recebido remuneración algunha, pero sabemos que lembran con agarimo as formidabeis merendas coas que foron agasallados polas irmáns clarisas e polas rexidoras do hospital municipal. Do conxunto dos concertos públicos citados, quero facer mención especial de un, sen cair en sobérbia algunha. É o especial de música relixiosa celebrado na Capela da VOT o xoves 8 de Abril, co gallo da Semana Santa. Das sete obras programadas –algunhas de longa duración, outras divididas en vários movimentos, seis eran estrea por esta Banda. O Prelúdio Coral de Willy Hautvast é de consideráble dificultade técnica, pero menos que a Música Fúnebre Masónica de Mozart. De Wolfang Amadeus Mozart, digo, igoal que o motete Ave verum corpus que non se trata dun schotis cupleteiro. Para tocarmos o Stabat Mater de Pergolesi e o Panis angelicus de César Franck os solistas de metais houberon deixar na casa nervos e temores. O concerto fora preparado en pouco máis dun mes, pois até Febreiro estivéramos traballando, desde o Nadal (non houbo vacacións) no concerto de aniversario, tamén cun cincoenta por cento de programa a estrear. Un e outro concertos forman parte da programación da Banda para 1993 que os sócios coñecen desde primeiros de ano pois envióuselles postalmente. De tal programación son tamén o concerto do Día das Letras (cun recital poético paralelo a cárrego do Grupo de Teatro da Agrupación “Francisco Lanza”: imaxine o leitor o laborioso proceso de coordinación), os concertos didácticos, o de paso-dobres que daremos dentro de poucas semanas, o das xornadas culturais “Mar por Medio” con máis estreas de obras inglesas), o da Patroa, o de música de cámara para Santa Cecilia (o ano pasado quixéramolo dar conxuntamente coa Polifónica, pero para nós si houbo excusas) e o de valses e opereta que ofreceremos en fin de ano. Non debería ser necesario aclarar que a preparación de cada un destes concertos por músicos xóvenes, afeizoados, cangados de obrigas e outras ocupacións (estudos, traballo, etc…), require unha constante e sacrificada programación de ensaios case diarios, pero parece que hai quen pensa que con soprar un pouco abonda.
… de concertos
Ou sexa, modéstia aparte, que a Banda Municipal de Ribadeo quer ser unha Banda de Concertos. Unha moderna Banda de Concertos. Non sabemos de Banda algunha, popular e afeizoada, que teña asumido unha programación a un ano como a nosa: concertos de xénero, concertos didácticos, estreas de obras de nova música para Banda, ensaio de novas experiencias multimédia (primeiro, o acompañamento do recital poético; algún día, a ópera que paseniñamente estamos a conceber). Por isto todo, desde un princípio, as nosas intervencións incidentais (desfiles procesionais, por exemplo) limitaronse a moi circunstanciais ocasións, como a procesión civil do dia da Patroa ou a celebración oficial do día de Santiago, Dia da Patria Galega.
A asunción, preparación e mantenimento dunha programación de concertos anual e estábel como a aludida, como a da Banda Municipal de Ribadeo, como a nosa, como a de todos vostés, non é facilmente compatíbel cunha constante presencia da Banda nas procesions relixiosas. Se reparando nos nosos concertos, gratuitos, populares, concebidos como servício cultural público e non como instrumento funcional ou económico, algúns (¿cantos?) aínda preguntan “¿Para que sirve la Banda de Música?”, haberá que chegar a unha transacción, a un acordo a dúas bandas, igrexa-banda. Non sei se “Semana Santa y, sobre todo el Corpus” ou viceversa ou o Primeiro (domingo) de Maio. Cimentemos a harmonía, como propuña António, pero o signore Antonio Vivaldi, non o in-apelidado Antonio de Ribadeo.
O de Tapia, un embarque… A vontade do Director, posta en dúbida, “Il cimento dell´ armonía…” Don Antonio: A Banda seguerá fundamentalmente a dar concertos na Igrexa (se nos deixan), no quiosco (si, nos deixan) e no auditório da Coruña, en Agosto, con grupos de prestixio internacional… Se non lle chega pode marchar de sócio; iso non vai cercenar a Banda.