Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Antenas, controversias, camiños… mistura en Ribadeo




Nestes tempos que corren é necesario pór antenas. Antenas para comunicarse, pero tamén para enterarse. Non tódolos sitios son iguais, pero vai máis de 1 ano que por segunda vez se lle pediu ó Concello información por escrito sobre as antenas de Ribadeo (O Tesón), e aínda se está a esperar contestación. Non é o único caso. Estes días está a saír na prensa a petición doutra información por parte da Plataforma para a Defensa da Ría, e O Tesón ten máis casos. O alcalde di que se vaian pedir as cousas alí, que están a disposición. prece que á súa disposición só, pois a min ténseme negado información á que coido ter dereito (o tempo e pode que alguén máis o dirá) ou retrasado información (coido que non se podía estirar máis o prazo nalgún caso), ou subministrada de xeito parcial, … O Concello de Ribadeo (a xestión del) é velo para creelo; é dicir, en moitas cosuas, incrible.
Mentras, séguese a pensar en Fitur como escaparate, non dos ruídos ou da situación política, senón das vistas e ambiente natural, sen pensar moito na protección do tema, co que é moi posible que dentro duns anos o que se anuncie sexa xa mentira e algo desfasado. E iníciase asemade un plan de asfaltado de camiños. a segunda foto que poño é precisamente dun camiño asfaltado do Concello… por debaixo do que se ve nalgúns tramos. Benvidas sexan cousas novas, pero sempre sen descuidar o xa existente.

De Hernán Naval, espera de ser colgado no sitio web de Hernán:

Data: 4/9/98

Fonte: La Voz de Galicia

Título: DIALÉCTICA VERSUS POPULISMO

Autor: HERNÁN NAVAL PARAPAR

Descrición: Un punto clave neste artigo é a importancia dunha ampla e correcta educación musical.

Comentarios:

DIALÉCTICA VERSUS POPULISMO

Hernán Naval

Na densa e socialmente analítica biografía que do compositor alemán Hans Eisler ten escrito Albrecht Betz (Hans Eisler. Música dun tempo que se está a facer agora mesmo. Ed Tecnos. Madrid, 1994) o autor di que “a realidade foi para Eisler, no seu máis amplo sentido, a realidade política”. E para nós, que profesamos a paixón polo autor de Catorce xeitos de descreber a chúvia.

Cando hai seis anos andabamos a intensificar ensaios e atender a cuestións organizativas para apresentar ao público a Banda de Ribadeo (máis logo, Banda Municipal de Ribadeo) debuxamos un horizonte diáfano: iriamos co tempo, coa realidade daquela e de hoxe, asumindo e concebendo dialécticamente, un ideário.

Un ideário

En rematando o século unha banda amateur de nenos e xóvenes non se ha guiar, como cerne esquemático do seu facer público, por unha espécie de xornada laboral –que ten implicado explotación de menores- que comeza coas dianas e alboradas por bárrios e congostras, a domicílio, mesmo clientelares; as bembas do Trompeta, como as de Armstrong, cando chega a hora da procesión longa ou curta, prévia Marcha Real ao alzar, para de inmediato tocar a sesión vermouth, antes pezas da misa, e se a xente fala e do tiovivo ou do tinglado dos carros eléctricos ven boureo ou mesmo ladridos de pop polo aparello megafónico, mellor así na pífia do Sitio de Zaragoza ou da Leyenda…non repara ninguén máis que o irredutíbel. Á tarde, fútbol, volta ao terreo de xogo no descanso, antes doutro concerto que, xa postos, deberá chamarse sesión viños; e no sul, verbena…1998, agardando o embarque para o sécula XXI: en Galiza aínda hai Bandas, mesmo boas, que pratican cada verán este atavismo. Será antropolóxicamente interesante, pero culturalmente é, como mínimo, anodino, e moitas veces perxudicial para a instrucción musical dos protagonistas.

A educación

E velaquí: a educación. Un proxecto funisecular de Banda amater é educativo ou non é nada. A criación e posta en funcionamento a finais de 1993 da Escola Municipal de Música de Ribadeo, pública, hoxe con douscentos alunos, é lóxica consecuencia do conceito co que ano e médio antes se apresentara a Banda, aínda que semelle incoerente que primeiro houbese banda e logo se fixese a Escola. A Banda foi unha iniciativa civil afortunada pero limitada; a súa conceitualización como moderna Banda de concertos correspondeulle a quen asina esta nota, ergo, había que montar a Escola. Como garantía de futuro para a Banda. Para que a Banda medrase evolutivamente até se converter en Banda Sinfónica. Para que Ribadeo ofrecese a nenos, xóvenes e adultos a posibilidade de obter unha formación musical prática, mesmo alén da Banda (na Escola impártense todas as especialidades instrumentais, incluídas todas as de corda frotada; á Banda –Sinfónica- teñense incorporado violoncellos e contrabaixos). En 1993 governaba en Ribadeo o BNG.

Un alto custe

Este abrazo de modernidade e da educacion trouxo custes, mesmo persoais. Bater con quen queria que no canto de dúas procesións anuais de ineludíbel compromiso tocásemos sete, con quen leva a conta do número de paso-dobres que tocamos, con quen nos quería ver de cote no estádio…Como Eisler, houbemos combater, e combatemos, o “profesionalismo provinciano”, non só por razóns de gosto, senón porque o optimismo doctrinal imediato non chega ás cuestións básicas e as máis das veces produce só aborrimento” (Betz).

Pouca zarzuela

Convencidos do conceito, insistimos, e ao cabo logramos facer produtivas as contradicións sociais coas que topamos, o que é condición prévia da arte dialéctica. Oitenta músicos como sinal democrático de participación, de concitación social. Moito Shostakovich, que lle vai moito á Banda, e pouca zarzuela española; moita nova música para Banda, e apenas nengún refrito folclorista con só de fliscorno. Obxectar calquer cenário. Esixir siléncio cando tocamos.

Ollámonos con humildade, máis con satisfación, no CD que gravamos hai un ano. Teria sido moito máis fácil seguer o camiño populista, ou mesmo tirar polo camiño do médio, instalados no ensino estéril e no aborrido provincialismo. Pero como Eisler, capaz de descreber musicalmente o xeito de chover até de catorce maneiras distintas, estamos convencidos de que “tratar a un público novo como ao vello significa facelo xordo á arte nova”.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *