Os modelos de psiquiatría queren dar respostas demasiado sinxelas aos síntomas psicolóxicos e aos denominados trastornos. Hai uns días, para a miña sorpresa, escoiteille a un psiquiatra, o doutor José Luis Marín, falar deste xeito sobre a coñecida teoría da serotonina. Resulta esperanzador ver que, tras numerosos estudos e aínda máis testemuños de pacientes, por fin algún psiquiatra de prestixio recoñece publicamente que a falta de serotonina non é a causa da depresión nin de ningún outra afección.
Na súa intervención, Marín explica que no seu momento el tamén se sentira atraído pola idea de comprender todo o que ocorre dentro das nosas cabezas cun sinxelo modelo. Por desgraza, iso non é posible, pois non somos só moléculas químicas e neurotransmisores (que por certo hai miles), tamén somos un corpo e unhas experiencias, somos un contexto e unha cultura.
E na cultura precisamente se ancora esta visión simplista do malestar humano. O dualismo de corpo e mente esnaquizounos ata converternos en maquinaria. Como calquera ferramenta de traballo, cando non funcionamos asúmese que debemos ser arranxados axustando o líquido dos freos ou cambiando unha torca. Moitos profesionais e outros tantos pacientes, aférranse a esta idea da Santa Serotonina porque non desexan afrontar unha realidade descomposta moito máis complexa de reparar.
Crer para non se defender
No seu momento, a crenza relixiosa permitiulle aos gobernadores controlar o que o pobo facía, en ocasións polo ben da maioría e, con máis frecuencia, para beneficiar aos que xa tiñan poder e así permitirse mantelo. Crer apaixonadamente en Deus fixo que as persoas adoptasen hábitos de vida saudables pero tamén fixo que se perseguisen inocentes. O que está claro é que a adoración de un único ente focaliza os esforzos das masas facendo que quen ten o monopolio desa crenza posúa tamén o poder e a vontade de quen a cre. Apelar á culpabilidade do individuo que nace cun pecado orixinal pegado ao peito é máis sinxelo que razoar con el, especialmente cando o que pretendes é convencelo de actuar en contra do seu propio beneficio.
Hai pouco máis de cen anos un famoso filósofo anunciaba a morte de Deus como expresión da liberación do pensamento. A pesar do “optimismo” de Nietzsche, o nacemento do Superhome non se chegou a producir, poren Deus perdeu moitos adeptos. A relixiosidade non se deixou de lado, o ser humano encarnado en asiduos conflitos bélicos precisa dun alivio espiritual que o manteña en pé disposto a vivir calquera infortunio. O individuo illado pola falta de comunidade, consecuencia da competencia produtivista característica da nosa época, precisa atoparlle sentido ás dificultades mentais que lle impón un mundo deseñado para robots. O estudo espiritual pagan foi dilapidado durante séculos de persecución e, así mesmo, mantense á marxe subsistindo pero degradado e etiquetado como un pensamento irracional debido ao tratamento circense con que estas tradicións se foron transmitindo. Enterrada baixo metros de ficcións, a espiritualidade desligada da relixión é un coñecemento que precisa ser redescuberto e depurado de misticismos e teatralidade.
A promesa dun paraíso en vida
O capitalismo é a nova relixión. O neoliberalismo desenfreado, a súa versión máis cruenta, é o culto promovido polos poderosos que desexan innumerables acólitos en forma de consumidores. Mentres que algunhas relixións buscan controlar aos cidadáns a través dunha vida austera e ríxida na que todo se reduce a unha serie de hábitos ou rituais que se aborrecen a mente, o capitalismo enfócase na procura dunha vida ostentosa que a calme con pracer ilimitado. Non importa demasiado que rituais decidas desenvolver no teu día a día sempre e cando o fagas con glamour.
Para ser un bo fregués desta relixiosidade moderna has de consumir produtos que demostren a túa fe. A abundancia pódese comparar coa purificación da alma que unha vez de morto a un lle permite entrar no ceo. O que se pretende é habitar o paraíso prometido antes de que a morte pete á porta. A ironía é que as presas por atopar o paraíso provocan unha constante ruminación que gravita senón ao redor da morte. Tanto a aceleración da vida, a extenuación derivada do traballo necesario para ser consumidor, como a frustración de ver que o paraíso en vida está só dispoñible para uns poucos, xera un malestar físico e psicolóxico que é desapiadado e inevitable.
Se cadra, inevitable non. Para iso está Santa Serotonina, a maneira na que os capitalistas che permiten evitar o malestar sen abandonar o consumismo. Aínda que non ven sen unha peaxe, por suposto. Podes vivir nun estado constante de alteración da consciencia que che fai sentir unha certa independencia do teu corpo evitándoche sentir a dor, mais Santa Serotonina non concede milagres sen cobrar por eles. A ofrenda esixe pagar un alto prezo, para desfrutar da anestesia mental ante a dor emocional debemos doar tamén as nosas alegrías, a nosa creatividade e a nosa empatía.
O que Santa Serotonina che dá,
Santa Serotonina che quita.
A pesar do sacrificio requirido, non son poucos os que aceptan as condicións co fin de formar parte da comunidade capitalista. De rexeitar os termos, moitos arríscanse a ser expulsados da sociedade e a atopárense en situacións inadecuadas para o sostemento da vida. Santa Serotonina negocia con máis vileza que o demo, non só che quita a alma senón que ademais a única alternativa que ofrece é unha vida precaria. Só che entrega o entumecemento necesario para continuar empurrando as rochas de varios Sísifos a un tempo.
Cando cremos na teoría do déficit de serotonina como causa da depresión estamos a culparnos a nós mesmo por nacermos defectuosos, por ser incapaces de producir unha sustancia química que outros tantos semellan fabricar sen dificultade. Deixamos de mirar ao sistema socioeconómico que nos rexe e pretendemos cambiar a nosa realidade cambiando lixeiramente a nosa bioquímica. O poder defende esta teoría porque o libera de toda responsabilidade e lle entrega o látego ao escravo quen se presta agora voluntario para atizarse a diario posto que o seu corpo xa non sente.
Os herexes da idade contemporánea
Este modelo psiquiátrico non é un simple postulado médico, actualmente trátase dun mecanismo político posto en marcha para a mellor manipulación do cidadán. Resistirse á crenza é ser tachado de herexe. Diranche que hai moitos que lle rezaron a Santa Serotonina e ela escoitou as súas pregas. É tan certo como que pasar unha hora diaria rezando é senón un tipo de meditación, cos seus beneficios adxuntos. Así e todo, non vai máis alá de tomarse unha copiña de coñac ao comezar o día para manter o frío a raia.
Criticar aos seguidores desta relixión tampouco está permitido posto que se considera unha falta de compaixón. Como vas cuestionar a decisión de consumir o “o corpo de Deus” cada día se a ti non che fai mal ningún? Un pode dicir que non me fai mal quen acude todos os días a misa, porén si me afecta que esa mesma persoa marque a casiña da igrexa na declaración da renta e lle dea esmola ao crego que xa cobra un soldo mensual financiado polo estado.
É marabilloso que poidamos falar da nosa saúde, das dificultades que afrontamos e dos detalles de como intentamos manexar a nosa situación, pero non podemos esquecer que cada vez que adoramos a Santa Serotonina é o mesmo que cando fai décadas se recomendaba unha lobotomía. Agora o aniquilamento do librepensador xa non se fai con cirurxía xa que existen numerosas sustancias químicas e variadas formulacións.
En definitiva, ata que matemos a este Deus resucitado en forma de pastilla non conseguiremos transformar a cultura para finalmente decatarnos de que a emancipación do corpo, e tamén da terra, non é o que desexamos e moito menos o que precisamos.