Etiqueta: neurodivergencia

  • Esperar a que se alcoholicen para ter conversas profundas

    Esperar a que se alcoholicen para ter conversas profundas

    Este último mes tiven dúas vodas. Tratábanse de bos amigos así que aínda que me coincidiron moi xuntas fun contenta de poder acompañalos nun día tan especial. As vodas non son un ambiente no que eu me desenvolva ben pois trátase de moitas horas constantes de socialización o que me esgota bastante.

    En ningunha das dúas vodas bebín alcohol. Semella un dato insignificante no que pode ser a descrición dun día, mais teño a impresión de que todo o mundo que lea isto pode imaxinarse o carácter “transgresor” da miña decisión. Ultimamente non desfruto moito do alcohol polo que se hai que escoller condutor designado sempre me presto voluntaria. Por riba, como xa contara noutro post, sei que unicamente o ruído xa me vai producir unha resaca considerable polo que non me apetece engadirlle alcohol á mestura. E por último, o máis obvio e o máis obviado: o alcohol non é bo para a nosa saúde.

    Conseguín pasar a recepción sen que ninguén me insistise en probar o viño. Semella que se decides substituír o alcohol polo azucre dun zume ou refresco, unha pasa máis desapercibida. O problema é cando te pasas á auga. Iso que cría ras. Tanto os camareiros como os compañeiros de mesa pregúntanche duascentas veces se queres algunha bebida alcohólica e logo, como preocupados e entristecidos, ofrécenche algún refresco gaseoso para tratar de aliviar a túa “sosura”.

    A abstinencia déixate nunha posición apartada. Has de ter unha boa razón para comportarte de forma diferente ao grupo ou serás cuestionada. Tamén ten outras desvantaxes, sobre todo se es unha persoa que non desfruta da cháchara, da conversa superficial que a maioría da xente precisa para poder sentirse segura con outras persoas. No pasado teño empregado esta droga socialmente aceptada para introducirme na dinámica pero hoxe en día xa non me apetece facelo.

    Mentres as horas pasaban, funme decatando de como a conversa evolucionaba. Gústame estudar ao ser humano e aprender dos comportamentos que estes exhiben individualmente e en grupo. O que descubrín sorprendeume: o diálogo non evolucionaba co tempo, senón coa cantidade de alcohol que se ía consumindo.

    Vivimos nunha sociedade na que o amor e a amizade cada vez son máis escasos. As aplicacións de citas converteron a procura do amor nun produto máis e a psicoloxía mainstream occidental incítanos a facer o mesmo con calquera tipo de relación persoal. Os conflitos xa non hai porque resolvelos, senón que podemos optar por abandonar a relación e buscar unha nova, ao fin e ao cabo somos máis de oito mil millóns de persoas. Outra opción é deixarnos levar polo medo a vernos abandonados nós mesmos e preferir ancorarnos a relacións deficientes que afunden a ambas partes coa única intención de mostrar unha imaxe social de acompañamento. O certo é que hoxe en día, o ser humano non se pode sentir máis só.

    Non vou ser eu quen critique a soidade física pois desfruto do silencio e do tempo persoal como a que máis. Precísoo, a dicir verdade. Neste caso estou a falar da soidade emocional, ese sentimento que apesara o corazón e que nos empurra a buscar solucións químicas para soportar a dor que xera. Esa soidade pódese sentir con grande intensidade cando un está rodeado de xente. Trátase dunha desconexión persoal co tecido humano, unha falta de interacción con outras consciencias, unha sensación de incomprensión que só a comunicación pode resolver.

    Dende o meu recanto do mundo, a cháchara non é comunicación. A cháchara é un ritual que moitos precisan pero que non deixa de ser un acto superficial. Durante as primeiras horas de voda sentín que me illaba non meu mundo interior pois non sabía como navegar aquela marea de comentarios e chistes que si ben conseguían encher o silencio cun murmurio incesante, non me chegaban a interesar.

    Fai un tempo falei deste tema con varias persoas quen me contaron que perderon aos amigos por decidir non beber. Negarse a participar no ritual alcohólico pode mostrar a realidade dunha amizade desvelando as súas deficiencias ou a súa inexistencia incluso. Aínda que si que teño experimentado este rechazo en algunha ocasión, teño que admitir que nunca perdín a ninguén que lle tivese grande aprecio por mor da sobriedade.

    Cheguei a pensar que esta aversión miña pola cháchara era un verdadeiro problema. Desexei ser capaz de desfrutar dos chistes manidos e dos dobres sentidos. Fiquei observando e aparentemente todo o mundo estaba conectando cos demais. A interacción era fluída e as respostas seguían con rapidez ás preguntas. As reaccións estoupaban en risas. E as copas ían baixando.

    Tiven que tomarme varios descansos daquel repenicar constante. O tira e afrouxa de insinuacións e ironías, aínda que inofensivas, resultábame esgotador. Saín ao baño, a tomar o aire, a sentar en silencio. E regresei cun pouco de enerxía recuperada para continuar navegando aqueles mares.

    E de súpeto, cando unha copa xa caera e algún comensal comezaba a arrastrar as palabras, a autenticidade agasallounos coa súa presencia. Pouco a pouco, as máscaras rachábanse e entre as gretas coábanse expresións de profunda honestidade, declaracións de vulnerabilidade ou mesmo de amor e amizade. As conversas comezaron a interesarme porque xa non precisaba descodificar mensaxes ocultas nin ficar na superficie de sentimentos complexos. Agora afondábase na fermosura e penurias da vida sen medo nin covardía. A vertixe que moitos semellan experimentar ao ver as súas emocións expostas foi anestesiada polo alcohol permitíndolles voar. Comprendo que no mundo hai individuos que ante a vulnerabilidade dos demais só pensan en convertela nunha arma e aproveitala para se beneficiaren a costa do vulnerable. Sei que ese temor é lexítimo mais como todo medo, este non debe converterse nunha barreira para nós vivirmos.

    Se esquecemos as consecuencias que esta sustancia ten sobre a nosa saúde, poderíamos pensar que o alcohol lle permite á humanidade comunicarse mellor. Ata certo punto, semella que é así. Nun tempo pasado no que a cultura non posuía outras formas de libre expresión seguramente cumpriu unha función. Porén o obxectivo de toda civilización é o de organizarse e relacionarse cada vez mellor.

    Por desgraza, o que dicimos por mor do alcohol non ten o mesmo valor que aquelas difíciles palabras que pronunciamos dende a sobriedade. O diálogo empapado de sustancias sempre pode ser retirado para logo culpar á embriaguez. Tampouco nos cremos do mesmo xeito o que nos di un amigo borracho que o que nos di un amigo que se sincera. O velo que cae sobre nós pode embelecer o momento pero non o fai máis auténtico . O alcohol fai que o risco emocional sexa menor pero a ganancia da relación tamén o é.

    Reaccións do Fediverso
  • De súpeto, o ruído enférmame. Como facía eu antes?

    De súpeto, o ruído enférmame. Como facía eu antes?

    Eu tamén saín de festa. Fun a discotecas e movinme entre aglomeracións. Eu tamén estiven en concertos e locais nos que falar era todo un reto. Agora, pola contra, resúltame inimaxinable meterme neses ambientes. Resúltame pouco desexable. Resúltame incrible que algún día o fixera.

    Como facía eu antes para facer tantas cousas tan estimulantes? Estoutro día estiven falando cunha amiga que se facía a mesma pregunta. Semella que non é cousa dunha soa persoa, que somos moitas as que nos cuestionamos que andabamos a facer ata agora. A primeira vista non queda claro se é que eramos sempre estes seres hipersensibles ou é algo recente. Nácese con sensibilidade ou é algo que se desenvolve ao longo da vida? Unha cousa non ten por que excluír a outra, mais coñecer “o noso propio proceso de creación” pode ser moi beneficioso.

    Como facía eu antes para soportalo? Lembro sentirme anestesiada e incapaz de reaccionar ao cruzar polo medio da xente. Algunha amiga ou parella precisaba darme a man para eu poder avanzar. A miúdo buscaba escusas para fuxir do barullo. Lembro botar man do alcohol para poder aguantar o ritmo, para apagar o ruxir do meu cerebro. Incluso, lembro ter resaca na mañá seguinte aos días nos que non bebía. Este último detalle sempre me xerou confusión ata que descubrín que o que tiña non era resaca senón unha sobrecarga sensorial de libro.

    Somos nós ou é a sociedade a que non pon un limite razoable? Os paxaros afástanse dos ruídos altos. Os animais salvaxes esperan á tranquilidade da noite para introducirse na zonas urbanas. A natureza polo xeral é silenciosa.

    Paréceme curioso que o que nos molesta aos neurodiverxentes descríbese facilmente como contaminación ambiental producida polo humano. Ruídos de motores e aglomeracións, luces brillantes, o cheiro de químicos… Somos canarios e o planeta unha mina. Non é que todo elo non afecte aos neurotípicos, simplemente non o notan. Aínda. Algún día, o ser humano mirará cara atrás e farase a mesma pregunta: Como facía eu antes?

    Mentres tanto, “aos rariños, aos especiais, aos sensibles” tócanos esforzarnos ata quedarnos sen enerxía para encaixar as nosas vidas nun mundo que ten moi pouco respecto polas nosas necesidades. Non o facemos precisamente polo cómodo que é atravesar o mundo con altofalantes, auriculares e tapóns nos oídos; e tampouco por modas, como algúns lles gusta dicir. Facémolo porque desexamos formar parte da sociedade, porque precisamos cubrir os nosos gastos, porque estamos cansos de ser xulgados, porque queremos ser independentes, porque queremos movernos con liberdade… E porque moi poucas veces se nos facilita o camiño.

    Reaccións do Fediverso