Como, con tanto coñecemento acumulado, nos comportamos tan salvaxemente?
Se consideramos toda a humanidade como a un único ser vivo e comparamos as épocas históricas coas etapas de vida dun humano, atopamos suficientes similitudes coa adolescencia.
Estamos nun momento histórico no que, no seu conxunto, a sociedade posúe abundante coñecemento sobre unha infinidade de disciplinas, humanísticas ou científicas. Semella que sabemos todo o que hai que saber para solucionar os nosos problemas, sexan climáticos como sociais, porén somos incapaces de poñelos en práctica. Centrámonos noutras cousas que en lugar de axudarnos a medrar como ser vivo, alimentan o ego desa idea de “Humanos Vs Natureza”. Deste xeito é que, dende fóra, dende o espazo exterior, parecemos adolescentes en plena crise existencial devecendo por evolucionar e frustrados por non conseguilo.
A lactancia pasámola na prehistoria. Acubillados en covas, comendo o que a natureza nos daba e durmindo o resto do tempo. Experimentamos o contacto con outras especies e empezamos a diferenciar entre as que nos sentan ben e as que non. Eramos bebés que choran cando algo lles molesta e rin cando algo lles presta.
Pouco a pouco, fomos aprendendo a xogar. Primeiro co lume, como os cativos que, atraídos pola beleza das lapas, se achegan á cociña de leña da avoa e asumen as consecuencias de ignorar o perigo das altas temperaturas. Tamén empregamos pedras para interactuar con esa natureza que xa deixaba de ser tan descoñecida e, incluso, nos atreviamos a dar os nosos primeiros pasos como seres independentes iniciándonos na agricultura.
Podemos comparala, pola gran carga impulsora que para nós foi a agricultura, coa liberdade que lle dá a unha crianza ser capaz de desprazarse sen axuda dos seus coidadores. É un cambio de paradigma, tanto, que ata podemos ir á escola. E iso fixo o ser humano, púxose a traballar e a inventar maneiras de xogar máis e mellor. Aprendeu.
Comezamos a moldear o barro e posteriormente fedellamos co bronce, co ferro e outros metais. Desfrutamos construíndo e enchendo o noso entorno con louzas e trebellos, tal que fosen plastilina e bloques de Lego. Exercitamos a nosa creatividade e cada vez fomos construíndo cousas máis grandes. A infinidade do mundo era o noso límite.
Exploramos a terra e o mar. Chegamos a todas as esquinas do planeta e deixamos a nosa pegada. Investigamos o que alí había e pensamos en formas de empregalo para os noso proxectos creativos. Apareceu a escritura impulsando esa acumulación de coñecemento e dándonos a posibilidade de transmitir as nosas vivencias a un público moi futuro.
Recursos naturais, materiais escolares.
Aventuras de exploradores, traballos de clase e exames.
Fomos aprendendo, “dominando a materia da natureza”. E agora chegamos como adolescentes aos últimos cursos do instituto, xusto cando podemos demostrar o intelixente que somos, pero sentimos que algo está a cambiar, serán as hormonas, se cadra o clima. Non nos sentimos capaces de enfrontarnos ás tarefas que nos son encomendadas. A nosa mente perde a atención de forma constante, será a puberdade ou será a electrónica a que inundou as nosas vidas. Non queremos escoller. Só nos culpamos.
O ser humano vive unha crise existencial.
Ao igual que na adolescencia as crianzas se desilusionan dos pais ao descubrir que non o saben todo, a humanidade cría que o mundo era infinito e agora atópase con que ten límites. A nai natureza pode dar ata onde chega, o pai pode protexernos ata que nos vemos ante perigos para el descoñecidos.
Na historia do ser humano estase a escribir un capítulo de gran transformación. Non porque os avances tecnolóxicos nos vaian mostrar unha sen fin de posibilidades, senón porque estamos a replantexarnos o que significa ser parte deste planeta. Cal é o noso lugar no conxunto da vida?
A adolescencia é dura, pero pásase. A crise climática é de gran relevancia, importa o que fagamos para superala. Os conflictos locais e internacionais non son simples “cousas de rapaces”, hai que interceder e deter as guerras antes de que sexan xenocidios. Ao igual que no caso do individuo adolescente, para superar esta crise existencial humana, o prioritario é aprender a regular as emocións, sandar a conexións e dialogar sobre que límites merecen ser explorados e cales deben ser respectados.
A adolescencia da humanidade é unha etapa complicada, mais pode superarse.
A intelixencia e a sabedoría son cousas moi distintas. Que a humanidade sexa a representación do animal máis listo non significa que sexa o máis sabio. Acadamos o cumio do coñecemento, e semella estamos nesa montaña da ignorancia descrita polo efecto Dunning-Kruger. Non é algo malo en absoluto, trátase dun paso máis que precisamos dar para poder adquirir a sabedoría que a humanidade pode acadar.

Unha vez superemos este tropezo experimentaremos a modestia coa que debemos ser parte da natureza e poderemos ir comprendendo pouco a pouco todas esas preguntas de gran calado que agora ata nos asusta propoñer. O obxectivo da nosa especie deixará de ser ese de sermos os máis fortes e poderosos para ser ese de formar parte de algo máis importante que nós mesmos.