Etiqueta: libros

  • O humorismo: a teoría dos catro humores

    O humorismo: a teoría dos catro humores


    O humorismo foi unha concepción do corpo humano e as súas manifestacións psicolóxicas desenvolta polos antigos gregos e romanos. Esta aproximación filosófica tivo gran influencia e foi mantida entre os profesionais europeos da medicina ata a chegada das pescudas médicas modernas do século XIX. Foron os primeiros pasos do estudo do comportamento humano e agora sérvenos como inspiración.

    Este mes comecei a impartir un curso de escritura creativa con persoas moi variadas tanto demograficamente como na súa experiencia coa pluma. Faime especial ilusión cando traballo con grupos mixtos como este porque se comparten opinións e vivencias facendo que unha curta hora de clase sexa incriblemente enriquecedora. Por esta razón preocupábame baste como orientar as leccións. Non quería que fose aburrida para quen nunca afondara na teoría da escritura creativa e tampouco quería deixar de ofrecer coñecementos útiles a quen estivesen alí coa intención de poñer a proba as súas habilidades.

    Explico isto porque para a primeira clase do curso decidín introducir a creación de personaxes empregando a teoría dos catro humores. Dedicar tempo a crear os protagonistas adecuados é esencial para conseguir que a trama sexa interesante.

    Durante moito tempo a literatura centrouse nunha loita entre o ben e o mal nunha especie de dicotomía de brancos e negros, sen a posibilidade dunha escala de grises. O ser humano, pola contra, non só ten degradados, senón que exhibimos unha ampla gama de cores. Aínda que a mitoloxía grega e romana presentaba a miúdo a heroes perfectos, os seus filósofos e protomédicos xa se decataban de que non se podía definir o carácter dunha persoa como anxo ou demo.

    O humorismo considera que o corpo humano acolle catro substancias básicas, chamadas os catro humores, os cales se atopan equilibrados cando a persoa ten saúde. Calquera doenza sufrida sería daquela o resultado do exceso ou da deficiencia dun deses catro humores: bile negra, bile amarela, flegma e sangue. Os practicantes que adoptaban esta concepción médica clásica, crían que cada un deses humores pode ser modificado (aumentado ou diminuído) dependendo da dieta e da actividade realizadas polo paciente.

    Así mesmo, observaban estas variacións de humores como diferenzas no carácter que se saían demasiado da norma se consideraban síntomas dun malestar.

    Por suposto que dende unha perspectiva estritamente científica este postulado xa non ten moito xeito hoxe en día. Mais se quedamos só co pouso que deixa no entendemento podemos intuír como comprendían ao que hoxe chamamos psicoloxía. Crer que o malestar mental dunha persoa é síntoma dun desequilibrio nos seus hábitos de vida non semella descubrimento ningún, porén a sociedade actual insiste en diseminar a crenza de que a mente pode ser controlada con forza de vontade.

    Coa perspectiva do humorismo analizábase as tendencias dunha persoa, aconsellábaselles segundo as súas debilidades e ofrecíanselle novos hábitos de dieta e actividades que lle axudasen a atopar o equilibrio.


    A natureza sanguínea asociábase cunha personalidade entusiasta, activa e social.

    A bile amarela asociábase cunha natureza colérica, é dicir, ambiciosa, decisiva, agresiva e irascible.

    A persoas melancólicas son introvertidas e precisan do illamento social para a reflexión deste xeito a bile negra asóciase ao outono, a estación na que a terra se retrae.

    A flegma asóciase ao inverno, unha estación fría e húmida, xa que a natureza flegmática é descrita como un comportamento reservado.

    Asignarlle unha natureza predominante a cada persoa tratábase de pórlle nome aos comportamentos que exhibía cando non se atopaba ben. Entendíase que todos temos unha mestura destes catro humores polo que tamén temos a posibilidade de caer na enfermidade que se describe co exceso ou deficiencia de cada un deles dependendo do momento da vida ou do tipo de desequilibrio que esteamos a experimentar. Gústame velo desta forma porque non se considera á persoa irreparable ou defectuosa. Penso que o humorismo comprendía que o entorno e as condicións de vida das persoas eran a causa do seu malestar mental. Non era cuestión de que ao paciente lle faltase moral ou disciplina. Aínda que iso non quita que a cultura hexemónica da época si que criticase aos seus individuos con patróns estandarizados.

    Por suposto, non podemos seguir botando man desta teoría para ofrecer un adecuado coidado. Por fortuna o coñecemento evolucionou moito e a complexidade coa que comprendemos o comportamento humano tamén. Con todo, é unha ferramenta ideal para introducirse na creación de personaxes redondos.

    Reaccións do Fediverso
  • 1984-Ser vixiado ou expoñerse ao máximo

    1984-Ser vixiado ou expoñerse ao máximo

    Na novela de George Orwell a imaxe do Gran Irmán está en todos e a súa presencia pódese palpar nesa vixilancia que experimentan e sofren os protagonistas. Fose ou non a intención do autor, a figura do Gran Irmán dálle corpo a esa absoluta influencia que o mandatario dun réxime totalitario ten sobre os seus cidadáns. Sen importar o sistema económico ou o ideal político tras o totalitarismo, o control da poboación é o foco da novela.

    En 2023, Sandra Newman presentou unha nova versión da novela (a cal non comentarei a non ser que me forcedes a facelo) mantendo de novo esa sensación de absoluta vixilancia e control. Os personaxes esfórzanse por ocultar as súas accións evitando ser interceptados pola crítica dun ollo que todo o ve. Esta recente novela popularizou a orixinal unha vez máis e fixo que ocupase un espazo de debate e reflexión nos medios de comunicación.

    A raíz do modelo ilustrado en 1984 os seus lectores decátanse dunha serie de paralelismos coa sociedade que hoxe sostemos entre as mans. A loita pola modificación, evolución ou conservación da linguaxe, a recolección de datos persoais como armamento para o control de masas, a pos-verdade adquirindo maior relevancia que os feitos obxectivos… Unha serie de prácticas levadas a cabo por aqueles que posúen o poder co fin de estendelo indefinidamente, e se cadra, incrementalo. Nada disto é novo para a maioría dos que len estas liñas.

    Tras repasar o argumento do primeiro libro e ler a versión de Newman cheguei á conclusión de que estamos a esquecernos dun detalle importante que diferencia o totalitarismo da ficción do control mental ao que estamos sometidos na realidade. Máis que no comportamento dos dirixentes e poderosos, estoume a enfocar no do seu séquito, nas persoas comúns que non podemos escapar ao dominio que exercen.

    Na actualidade non nos ocultamos como o o facían Winston e Julia, hoxe en día expoñémonos desvelando todo tipo de detalles sen pudor. Con isto non estou a criticar a honestidade e sinceridade de quen desexa compartir a súa historia co fin de axudar a outros. Refírome a esa necesidade emocional ou pragmática de facernos ver, de atraer a atención dunha sociedade conxestionada. Se buscamos traballo precisamos crear un perfil que expoña as nosas facetas. Se desexamos parella faremos outro que realce as nosas virtudes e buscaremos maneira de exhibir os nosos corpos do xeito máis atractivo. Se anhelamos amizade, declaramos os nosos intereses como se a nosa conversa fose un produto de mercado máis. O caso é mostrarlle ao mundo que a nosa existencia vale a pena.

    Trátase dun tipo de control moito máis retorcido que ese de 1984. Tememos o mundo do totalitarismo pensando unicamente na dominación física cando o certo é que a influencia mental é moito máis poderosa. O nazismo sábeo ben e por iso empregaba a propaganda tanto como lle era posible. A 2025 a publicidade é parte da identidade humana, o xerme do idealismo incorporouse no noso día a día ata absorber todas as súas áreas. A personalidade converteuse nunha ferramenta coa que mellorar o “branding” da túa marca persoal para así destacar nesta sociedade chea de números de IP e correo electrónicos, carente de almas e pensamento orixinal.

    O control definitivo dáse cando xa non é preciso manexar ao rabaño, senón que son as ovellas as que loitan por ser escollidas. A distopía de 1984 quédase corta cando o que se está a analizar é o interior do ser humano.

    Reaccións do Fediverso